O Concello e Consello da Cultura Galega traballarán na proxección exterior de Santiago mediante Rosalía de Castro

Goretti Sanmartín e Rosario Álvarez acordan impulsar a celebración do centenario do Seminario de Estudos Galegos.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/06/2023 | Actualizada ás 19:31

Comparte esta noticia

O Concello de Santiago de Compostela e o Consello da Cultura Galega (CCG) traballarán en diversos proxectos de maneira conxunta, como o centenario do Seminario de Estudos Galegos e a proxección exterior da cidade e a cultura propia de Galicia mediante a figura de Rosalía de Castro.

Estes foron algúns dos principais asuntos abordados este luns nunha reunión no Pazo de Raxoi entre a alcaldesa, Goretti Sanmartín, a concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, e a presidenta do CCG, Rosario Álvarez. Unha das liñas de traballo é facer de Santiago "un lugar de referencia para a proxección internacional da cultura galega a través da figura de Rosalía de Castro", compostelá de nacemento. Esta será, dixo Sanmartín, "unha prioridade fundamental para os próximos meses".

Ademais, colaborarán na celebración do centenario do Seminario de Estudos, un asunto polo que o Concello da capital impulsará a súa presenza nunha comisión na que tamén participarán institucións como a Universidade de Santiago de Compostela (USC), o Museo do Pobo Galego, o municipio veciño de Ames e a Xunta, baixo a coordinación do CCG.

Xunto a isto, o Consistorio compostelán porá en marcha "unha serie de iniciativas propias, como a elaboración dun caderno especial ou actividades específicas nos centros de ensino e centros socioculturais", tal e como avanzou a alcaldesa.

Neste encontro, Sanmartín e Álvarez tamén acordaron o uso, por parte do Concello, de informes de datos e conclusións de xornadas organizados polo Consello da Cultura sobre temas interese municipal como "educación, sociedade, patrimonio, turismo cultural ou núcleos das cidades históricas", detallou a alcaldesa.

Pola súa banda, Rosario Álvarez mostrou a súa disposición a colaborar coa administración local para converter a Santiago non só "nunha cidade acolledora para todos os seus veciños e veciñas", senón tamén "que todos os que nos visiten queden cegados por unha imaxe cultural que Galicia quere ofrecer". Así, apostou tamén por traballar para evitar "un turismo malentendido" polo que "hai moito que pensar e que reflexionar".

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez. Pazo de Raxoi.. CONCELLO DE SANTIAGO
A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez. Pazo de Raxoi.. CONCELLO DE SANTIAGO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta