Por gcdeportes | Ourense / Lugo | 18/04/2015 | Actualizada ás 01:05
Ficha técnica
COB 89: Pedro Rivero (18), Salva Arco (6), Brothers (9), Fieler (7) e Busma (20) --cinco inicial-- Rejón (2), Suka-Umu (2), Edu Martínez (14), Cristian Díaz (9) e Geramipoor (2).
Planasa Navarra 49: Bonhome (0), Pablo Almazán (4), Iván García (11), Servera (17), Moncasi (6) --cinco inicial-- Ortega (2), Narros (3), Jorge Romero (6), Portalez (0), Bordignon (0) e Álex Calvo (0).
Parciais: 29-9, 12-17 (41-26), 22-10, 26-13 (89-49).
Chega como un foguete o COB aos play-offs, tras tumbar por 40 puntos o Planasa Navarra, sétimo na táboa. E con só tres derrotas en toda a segunda volta. Espectaculares Pedro Rivero (18 puntos e 5 asistencias) e Deividas Busma (20 puntos e 7 rebotes). O vindeiro venres, primeiro partido da eliminatoria, ao mellor de tres, co Melilla.
Púxose 2-5 o Navarra, pero o COB meteulle un parcial de 22-2 e acabou co partido en apenas cinco minutos, con dez puntos de Busma e triplas de Fieler, Arco e dúas de Rivero. Ao remate do primeiro cuarto, 29-9. Xa no segundo, con 35-14, os ourensáns encaixaron un parcial de 3-12 que obrigou a Gonzalo García a pedir tempo. Pedro Rivero anotou a súa cuarta tripla e deixou o marcador en 41-26 no tempo de lecer.
Á volta de vestiarios, un parcial de 8-0 e de novo o COB por riba dos 20 puntos (49-26). E Rivero anotou a súa quinta tripla, e poco despois a sexta, e ao remate do terceiro cuarto os ourensáns xa gañaban 63-36. No último cuarto, dúas triplas de Cristian Díaz e outras dúas para 12 puntos de Edu Martínez estiraron o marcador ata o 89-49 final. Cando quedaban cinco minutos, Geramipoor e Pablo Almazán foron expulsados con técnica descalificante.
Ficha técnica
CB Breogán 85: Dani López (4), Álex Llorca (5), Matulionis (7), Van Wijk (6), Mc Ghee (12) --cinco inicial-- Álex López (17), Edwards (29), Sergio Sánchez (4) e Mortellaro (1).
CB Prat 80: Agustín Sans (9), Alberto Abalde (2), Álex Ros (15), Guallar (0), Serrano (12) --cinco inicial-- Vilanova (14), Marti Mitjana (0), Gomila (5), Iriarte (9), Nogués (8) e Nikolic (6).
Parciais: 19-16, 24-24 (43-40), 13-24, 29-16 (85-80).
Cos teóricos titulares totalmente descentrados, foron Megatrón Edwards e Álex López quen rescataron para o Breogán a vitoria na derradeira xornada da Liga regular. Estaba dez abaixo (56-66) no último cuarto cando 8 puntos de Edwards e dúas triplas de Álex López deron a volta ao partido cun parcial de 17-2. Álex Ros e Iriarte anotaron dúas triplas, pero o Breo xa cría na vitoria. De novo Edwards anotou outra tripla (78-78) e Álex López un 2+1 para o 83-80. Dous tiros libres de Megatrón puxeron o 85-80 final. O rival en cuartos (ao mellor de tres partidos) será un vello coñecido, o Palencia, con quen o Breo perdeu esta tempada a final da Copa Príncipe.
Os tres primeiros cuartos foron para esquecer, cun Breogán impotente para entrar no partido. Tras rematar 19-17 o primeiro asalto, no segundo cuarto Lisardo Gómez tivo que pedir dous tempos mortos en apenas tres minutos: o primeiro con 24-25 tras encaixar un 3-7, o segundo con 28-35 tras encaixar un 0-8. A aparición de Edwards, con sete puntos, permitiu o Breo irse 43-40 ao descanso.
O terceiro cuarto foi aínda peor. Mal en defensa, perdas constantes e erros en ataque. Un parcial de 2-10 obrigou a Lisardo Gómez a parar de novo o partido con 47-50. Nada mellorou. Os lucenses chegaron a estar 11 abaixo (53-64), pero un 2+1 de Mc Ghee puxo o 56-64 para os últimos dez minutos. Tras un 56-66, unha tripla de Álex López e Edwards igualaron o partido (65-66). De novo a mesma ecuación, tripla do canario e Megatrón, e 73-68. O CB Prat, que perdera o galego Alberto Abalde no primeiro cuarto, fixo un último intento (73-74), pero o Breo apertaba en defensa e necesitaba a vitoria para confirmar o terceiro posto. Ao final, 85-80, pero necesitarán mellorar os lucenses para a eliminatoria co Palencia. Agora a preocupación son os mancados: Mamadou Samb, Dani López e Sergio Sánchez
Ficha técnica
Leyma Coruña 76: Ángel Hernández (0), Chus Castro (10), Burjanadze (20), Petrovic (14), Kyle Rowley (4) –cinco inicial—Mutakabbir (12), Vujasinovic (5), Larry Abia (3), Dobos (4) e Albert Homs (4).
Palencia 73: Gregory Gantt (8), Cortaberria (13), Arteaga (19), Otegui (14), Mbaye (4) –Fornas (7) e Tomas Hampl (8).
Parciais: 25-20, 16-16 (41-36), 13-18, 22-19 (76-73)
Sufriu o Leyma Coruña para agasallar cunha vitoria (76-73) á súa afección no peche da tempada. E iso que o Palencia xogou con só sete homes, con baixas importantes como Forcada, Dani Rodríguez, Quinn McDowell ou Justo, todas no exterior. O mellor nos locais foi outra volta Burjanadze, autor de 20 puntos e 6 rebotes. O Leyma chegou a ter doce puntos de vantaxe no segundo cuarto (34-22), pero no terceiro os de Natxo Lezcano igualaron o partido (54-54). No último cuarto, tres triplas de Petrovic abriron un pequeno oco de 6 puntos, pero nos últimos catro minutos os coruñeses só anotaron dende o tiro libre. Unha tripla de Cortaberria puxo o 75-73, Mutakabbir só anotou un tiro libre (76-73), pero taponou a derradeira tripla de Gantt. O Leyma remata décimo, con doce vitorias, a tan só unha do Melilla. A boa nova: Leyma garantiu xa a súa continuidade, polo que Básquet Coruña estará un ano máis na LEB Oro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.