Por gcdeportes | Lugo | 29/04/2015 | Actualizada ás 08:42
Ficha técnica
Palencia 81: Dani Rodríguez (11), Cortaberria (13), Greg Gantt (7), Otegui (13), Arteaga (11) --cinco inicial-- McDowell (13), Fornás (5), Hampl (1), Forcada (6) Mbaye (1) e Aboubacar (0).
CB Breogán 66: Dani López (9), Álex Llorca (13), Matulionis (5), Van Wijk (0), Mc Ghee (11) --cinco inicial-- Samb (10), Mortellaro (4), Edwards (3), Álex López (7), Sergio Sánchez (2) e Adrián Chapela (2)
Parciais: 16-18, 25-16 (41-34), 23-15 (64-49), 17-17 (81-66).
Árbitros: Juan Manuel Uruñuela e Esperanza Mendoza. Técnica descalificante a Sergio Sánchez.
Haberá terceiro e decisivo partido o venres en Lugo. Axudado por dez tiros libres consecutivos, con descalificante a Sergio Sánchez incluída, o Palencia rachou o partido no terceiro cuarto: pasou dun 47-45 a un 64-46, cun parcial de 17-1, e acabou gañando de quince: 81-66. O Palencia dominou o rebote (33-23) e rematou con cinco xogadores por riba dos dez puntos, e anotou ata 25 puntos de tiros libres (25 de 29, 89%).
O Breo entrou enchufado ao partido, e os puntos de Mamadou Samb, titular no canto de Van Wijk, déronlle unha pequena vantaxe de inicio. Cunha técnica ao banco local, a diferencia foise a 12-18, pero catro puntos locais puxeron o 16-18 ao remate do primeiro cuarto, con 9 puntos de Samb.
Tras un intercambio de canastras, as triplas do Palencia deron a volta ao marcador. Gregg Gant, Cortaberria, Dani Rodríguez e Fornás anotaron dende 6,75 e dun 23-24 pasouse a un 33-26. Lisardo Gómez parou o partido a 1:58 do descanso e Dani López e Llorca anotaron dúas triplas, pero o Palencia mantivo a vantaxe (41-34).
Tralo paso por vestiarios, de novo saiu enchufado o Breo. Apertando en defensa e rápido en ataque, acadou un parcial de 2-8 que obrigou ao tempo morto de Nacho Lezkano con 43-42 no marcador. Pero os lucenses concederon dous ataques consecutivos de 2+1 e un parcial de 8-0 obrigou ao tempo morto de Lisardo Gómez con 55-45 e 2:15 do terceiro cuarto. O Breo queixabase dos árbitros, das faltas que lle pitaban, pero xa estaba fóra do partido. Dez tiros libres consecutivos, con descalificante incluída a Sergio Sánchez, sentenciaron o partido (64-46). Unha tripla de Matuliones puxo o 64-49 con dez minutos por xogar. Nada aportou o último cuarto. Álex López principiou cunha tripla, respostada de xeito inmediato por Cortaberria. A distancia chegou a ser de vinte (75-55), cos dous equipos xa pensando no terceiro partido. A cita decisiva será este venres ás 19.15 no Pazo.
Ao remate do partido, Lisardo Gómez queixouse da "estrema dureza" en defensa do Palencia, que acabou sacando do partido aos lucenses. "Nin siquera podiamos chegar co balón", apuntou.
"Manda cojones", contestou Natxo Lezcano. "Que se queixe un equipo tan duro, e dígoo no bo sentido, a min gústanme os equipos que xogan duro, como fai Breogán, Burgos... Que se queixen eles de dureza, ou de violencia incluso, manda huevos". E añadiu: "Está claro que isto é unha guerra, houbo dúas batallas e agora toca queixarse dos árbitros, para quentar o partido, ter unha arbitraxe condicionada e unha designación condicionada. Agardamos que nada sexa condicionado".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.