PSOE e PP censuran o uso "partidista" do Concello de Santiago: "Sanmartín confunde a Casa Consistorial coa casa do BNG"

Pontón acusou de aplicar diferente vara de medir con ela que con respecto a 2011 cando Gerardo Conde Roa recibiu na Casa Consistorial ao entón líder da oposición e presidente do PP, Mariano Rajoy.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/09/2023 | Actualizada ás 17:16

Comparte esta noticia

O PSOE de Santiago censurou a "utilización partidista" que, denuncian, supón a visita da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, ao Concello compostelán, onde foi recibida pola alcaldesa, Goretti Sanmartín. Tamén criticou o PP de Santiago esta visita, a quen en días previos Pontón acusou de aplicar diferente vara de medir con ela que con respecto a 2011 cando Gerardo Conde Roa recibiu na Casa Consistorial ao entón líder da oposición e presidente do PP, Mariano Rajoy.

A este respecto, o portavoz dos populares composteláns, Borja Verea, distinguiu ambas as visitas e referiu que en 2011 "o PP gobernaba con 13 concelleiros e non con seis como fai actualmente o BNG". Ademais, nunha resposta a petición de Euruopa Press, Verea xustifica que "o PP recibiu a Rajoy acompañado do presidente da Xunta, máxima institución galega, non como hoxe, onde Ana Pontón non representa a ningunha institución".

O portavoz municipal dos populares fixo extensivas as críticas a que "se o que propón o BNG para Galicia é o que está a facer Sanmartín en Santiago nestes cen días", confía en que os galegos "estean a tomar boa nota". Neste sentido, criticou que a xestión de Sanmartín foi a de "contratar aos seus amigos sen ningunha vergoña, cancelar os símbolos de Santiago como o Apóstolo ou rirse dos seus socios". Pola súa banda, o portavoz do Grupo Socialista, Gonzalo Muíños, cre en que esta actuación da alcaldesa fíxoa "a conciencia fronte á submisión de Compostela Aberta que continúa mostrando que a súa voz neste goberno vai camiño da intrascendencia".

"NON SE CONVIDOU A OUTROS PORTAVOCES"

O portavoz dos socialistas recalcou que nesta visita "non se convidou a outros portavoces", como se fai cando acode outra autoridade ou entidade social, e por iso criticou que Sanmartín "faga da Casa Consistorial a casa do BNG, confundindo institución e partido". Ante estes feitos que cualifican de "graves pola anomalía institucional que esta visita supón", Muíños conclúe que é a "continuación dunha actitude que viron desde o primeiro momento e que se agudizou nestes últimos" tempos.

A este respecto, asegura que Sanmartín "tamén confunde o pleno da corporación coa asemblea do BNG, que é a que realmente ten a última palabra en cada cuestión da cidade", quedando "o seu veredicto sempre por encima de calquera consideración da oposición e da opinión de Compostela Aberta".

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reunense o xoves día 21 para abordar os asuntos que preocupan á capital galega
A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reunense o xoves día 21 para abordar os asuntos que preocupan á capital galega | Fonte: BNG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta