Ana Pontón rexeita a oferta de Yolanda Díaz para "ir xuntos": "Somos forzas políticas distintas"

A líder do Bloque, convencida do "fin de ciclo do PPdeG", asume a "responsabilidade de ser a alternativa real".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/10/2023 | Actualizada ás 18:05

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, volveuse a mostrar convencida do "fin de ciclo do PP" e asegurou que os nacionalistas asumen "a responsabilidade de ser a alternativa real". "Estou convencida de que cando se convoquen as eleccións pode haber un cambio histórico cunha muller na presidencia e coas mans libres para defender os intereses dos galegos", sostivo.

Nunha entrevista en Cadea Ser Galicia recollida por Europa Press, a líder do Bloque criticou o Goberno "esgotado" de Alfonso Rueda, "sen ningún tipo de iniciativa nin capacidade para axudar á xente nunha situación de crise de prezos".

Neste contexto, Pontón cre que se vai abrir "un novo ciclo político" no que Galicia "vai apostar por facer historia cunha presidenta libre para defender os intereses dos galegos". Cuestionada sobre o papel que o PSdeG terá nese "novo ciclo político", a portavoz nacionalista aseverou que iso "o van a decidir os galegos co seu voto".

Se José Ramón Gómez Besteiro será o candidato dos socialistas, Pontón limitouse a sinalar que esa decisión corresponde ao PSOE, pero recoñeceu que ao longo dos últimos anos falou e dialogou con tres portavoces e asegurou que o seguirá facendo coa persoa que sexa no futuro.

En canto ao chamamento de Yolanda Díaz para que as forzas de esquerdas en Galicia "camiñen xuntas", Ana Pontón lembrou que se trata de "forzas políticas distintas" e que cada unha "ten que presentar a súa alternativa á cidadanía".

ELECCIÓNS

No marco desta entrevista, a nacionalista tamén foi preguntada pola posibilidade dun adianto electoral, sobre o cal lamentou que se fale de "un baile de datas" que, na súa opinión, "o propio PP está a alimentar". "As eleccións van ser cando ao PP lle interesen máis e non cando lle interese a Galicia. Nós estamos preparados para afrontar ese reto", insistiu.

POLÍTICA ESTATAL

Ademais, Ana Pontón reiterou que o 'si' á investidura de Pedro Sánchez pasa por unha negociación con "investimentos, compromisos e posturas a favor de Galicia". "Temos toda a disposición ao diálogo, pero a día de hoxe, o PSOE non ten o 'si' do BNG. Non poden infravalorar a forza que nos deron os galegos nas urnas. Cada voto é decisivo e imos pór sempre por diante os intereses de Galicia", reivindicou

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, ante o Consello Nacional
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, ante o Consello Nacional | Fonte: BNG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta