Por Xurxo Salgado | Lalín | 27/05/2015 | Actualizada ás 17:00
Hai uns días entrevistabamos a Rafa Cuíña. Era xusto en campaña electoral e andaba a cen, dun lado para outro pateando o seu concello. A súa entrevista non deixou indiferente a moitos. Días despois, case no peche da campaña, era Xosé Crespo quen tomaba o altofalante do GC para destacar as súas políticas e lembrarlle a Rafael Cuíña que só era o fillo de Xosé Cuíña. As dúas sumaron milleiros de lecturas.
Tres días despois o futuro novo alcalde desta localidade fala do que entón se dixo e de como será o futuro para o seu concello. Tamén do futuro da súa formación, CxG, unha formación que, insiste, "non é Rafa Cuíña".
Xa vexo que saltas de contento. Falamos entón xa co vindeiro alcalde de Lalín?
Si. Xa hai un acordo para a investidura e o 13 de xuño podo ser o novo alcalde de Lalín.
Pero iso xa está falado co resto dos grupos?
Si, xa está falado e eles en prensa xa dixeron que me ían apoiar.
Pero está falado ou só o dixeron nos medios?
Si, si. Xa falamos na mesma noite electoral pero tamén quedamos para falar despois. Hai que respectar o tempo de cada organización. O PSdeG xa dixo que si. Os independentes de APAC xa dixeron que si pero pediron máis tempo para concretar e o BNG terá que valorar aínda se entra no goberno.
Entón os resultados supoñen unha derrota sen paliativos para Xosé Crespo?
Máis que para Crespo, para o PP, en xeral. E esa derrota celebrouna todo o pobo nas rúas e na Praza da Igrexa. Todos estabamos xuntos porque foi como a caída do muro de Berlín.
Pero ti cres que era a sensación de toda a xente?
Houbo unha festa omo non se lembraba antes e con xente de todos os partidos; BNG, PSOE, APAC e todos viñeron a celebralo e celebrámolo xuntos.
Na entrevista que fixeches no Galicia Confidencial, eu preguntábache se a túa candidatura abriu feridas. Semella que así foi, non?
Xa rematou a contenda e hoxe falei co actual alcalde e tentarei recuperar a relación persoal que tiña con el. É certo que en campaña dixo cousas duras, pero algunhas delas ata me fixeron un favor nos resultados finais.
A que te refires, á entrevista que fixo no GC na que suliñaba iso de “quen era Rafael Cuiña?”
Esa mesmas.
Agora toca, entón, endereitar esa relación, non?
Fun amigo del moitos anos e a política separounos. A contenda foi un Crespo-Cuíña e os dous fixemos declaracións excesivas. Eu tamén fixen declaracións duras contra el.
E como están as relacións co resto das forzas políticas?
Inmellorables a nivel persoal e político. Por iso teremos un goberno de progreso e a partir do día 13 de xuño teremos que traballar moito para que Lalín regrese ao futuro.
E logo, agora non estaba xa no futuro?
Agora estaba no pasado imperfecto.
Falas de progreso, pero hai quen di que ti es un tipo de dereitas?
Pois mándolle saúdo afectuosos a eses que din iso. Eu son membro dun partido socialdemocrata, galeguista e progresista. E non teño máis dicir.
Carallo, iso sóame ao que me dicía Fraga nas roldas de prensa...
Pero eu non dixen iso de “querido amigo”.... Agora en serio, é que xa estou un pouco farto de que digan sempre iso.
E cales van ser as túas prioridades como alcalde?
O primeiro unha auditoría para saber exactamente a situación do concello e para saber a onde vai e de onde vén cada céntimo do concello e logo tamén coñecer as necesidades da xente para tentar atallas e tamén defender sectores estratéxicos como o do leite.
E iso vaise facer cun goberno cuatripartito?
Polo momento é bipartito, co PSdeG, pero como xa te dixen gustaríame que estiveran as catro forzas.
E non será iso un pouco complicado para xestionar?
Eu penso que non porque a sociedade quere que os partidos se senten a falar, que non haxa maiorías absolutas senón dialogo entre todos para saír desta situación que provocaron os que meteron na crise.
Gobernando Lalín serás o alcalde con máis poder de CxG, logo do de Vilar de Santos. Que supón isto para Compromiso?
Pois CxG tivo uns resultados moi decentes neste escenario e que axudan a consolidar o proxecto nun momento complicado e resiste o embate das municipais. Creo que ten futuro pero hai que darlle unha voltiña a moitas cousas en Compromiso.
A que cousas te refires?
A redefinir o xeito de traballar. O que naceu con intención municipalista hai que decidir que quere ser un proxecto maior.
Pero concreta porque isto igual trae cola...
Pois un proxecto galeguista máis necesario que nunca pero con liñas claras porque hai moita xente que considera a CxG un partido indefinido. Non ssi se é un problema de comunicación pero si que hai moitas lendas urbanas sobre isto e o que a xente sabe sobre CxG. Pero isto terá que definilo a dirección e algúns teremos que ser actores nesa decisión.
Entón ti veslle futuro a CxG?
Por suposto. Pero insisto que terá que ser definido o que quere ser o proxecto para transmitilo ben á sociedade; que é, que quere ser e que ofrece CxG e non esas lendas que din que é o partido do Cuiña ou un partido de dereito. As liñas son claras; é un partido socialdemocrata, galeguista e progresista.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.