Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 15/10/2023 | Actualizada ás 22:00
Eva María Vigo Martínez sufriu violencia e maltrato durante toda a súa vida, da man dos seus avós, do seu pai e tamén do seu ex marido. Non o tivo nada doado dende os tres anos, e foi aos 33 cando conseguiu desatarse dese medo que a invadía, que lle facía crer que todo era culpa dela e que non valía para nada, para denunciar e lograr ser libre por vez primeira. "Foi no último episodio, cando o meu marido tentou estrangularme e non o conseguiu de todo, aínda que case perdo o coñecemento, cando me din conta de que estaba a repetir a historia da miña nai, asasinada a mans de meu pai, e tomei conciencia de que non podía seguir así", conta.
Con todo, sabe mellor que ninguén que "ás veces pode máis o teu medo que a forza". Por iso anima a todas as mulleres que, como ela, foron vítimas dun ou varios maltratadores, porque "todas temos esa forza, aínda que, como me pasaba a min, ás veces a busquemos e pareza que non a atopamos". "Dous días despois do que me aconteceu, case ao borde da morte, dinme conta de que o medo desprendérase de min e tiven esa forza para denunciar e enfrontarme ao que viñera despois, sen pensar, só sabía que non quería pasar máis por iso, que xa tivera suficiente", expón Eva María.
A súa historia ao completo forma parte do libro 'La voz del coraje', xunto a outros catorce casos de mulleres con discapacidade que foron vítimas de violencia de xénero. Ela e as outras mulleres forman parte do proxecto 'Mulleres en Modo ON VG', unha iniciativa de Inserta Empleo e Fundación ONCE, cofinanciada polo Fondo Social Europeo, que pretende que as mulleres con discapacidade que sufriron violencia de xénero recuperen as rendas da súa vida a través da formación e do emprego.
Volvendo a vista atrás, a historia de traxedia de Eva María comeza a xestarse cando é moi pequena. Aos 9 anos tivo que ver como o seu pai asasinaba á súa nai. O seu pai arrastraba problemas, tal e como conta ela mesma, era un home inseguro, que non sabía xestionar as súas emocións, e que se refuxiaba no alcol. Cando o facía, como soe acontecer nestes casos, convertíase nunha persoa distinta, atacaba á nai de Eva María, entrábanlle celos, imaxinábase cousas que non existían, acusábaa de cousas incertas, insultábaa, empurrábaa, golpeábaa. No entorno rural no que vivían, non era nada raro que os homes bebesen, polo que non se lle daba maior importancia, pero o problema era que cada vez bebía máis, especialmente a partir de quedarse sen traballo.
Pouco despois de aquilo, os malos tratos cara a nai de Eva María repetíanse a diario, ata que esta decidiu separarse, tamén polo ben dos seus fillos (ten un irmán maior). Nese momento, sen apoio económico, esta nai tivo que retornar á casa de seus pais, os avós de Eva María, que non a acolleron nada ben. De feito, a súa avoa non quería recibilos na casa e foi o seu avó o que se impuxo (o deles fóra un matrimonio de conveniencia, que se di). Con todo, sempre foi tratada coma unha esclava, tendo que facer de todo por conseguir un prato de comida escaso. As ganacias sempre eran para os avós. E o pai de Eva María, tras a separación, tamén retornou cos seus pais, que tiñan moitos cartos, polo que lle pagaron unha clínica privada para desintoxicarse. De alí saiu limpo, durante un tempo, pero as cousas volveron ao mesmo e a nai de Eva María desvinculouse del por completo.
"CHEGOU COA ESCOPETA E DISPAROU, IMPACTANDO NO VENTRE"
Así as cousas, ambos os irmáns pasaron de vivir na cidade, de asistir a colexios de pago e vivir ben a chegar á aldea, a un colexio público e a unha casa na que non eran ben recibidos. Eso cambioulles a vida. A Eva María de seis ou sete anos tivo que ver como a súa nai xa divorciada tiña que sucumbir de vez en cando ao seu pai por falta de cartos, para que lles dese diñeiro para os libros do colexio ou para poder comprar o básico. O seu pai dáballe algo de cartos, pero sempre volvía á bebida, ao maltrato e a pedir perdón, unha e outra e outra vez. Neste punto, como explica e esta convencida Eva María, algunhas persoas da aldea foron malmetendo ao seu pai cando estaba bébedo contra a súa nai, calumniándoa, dicindolle que se fóra con aquel home ou con aquel outro. Así, empezou a ameazala, dicíndolle que se non deixaba de estar con outros ía a matala un día. E así foi.
Chegou coa escopeta mentres a nai de Eva María estaba cortando a herba para darlle ás vacas e o seu irmán, de 14 anos por aquel entón, a axudaba. Chegou por entre os matorrais e, dende cen metros de distancia, disparou. Pero non lle deu. Así que saiu dos matorrais disposto a consumar a súa tolería. A avoa de Eva María botouse a correr pola interporse entre eles, mentres a súa nai e o seu irmán permanecían paralizados. Cando estivo a dous metros de distancia, volveu disparar. Esta vez si a alcanzou, utilizando unha vaina chea de perdigóns. Un cartucho letal que impactou no ventre. A súa nai caeu ao chan, el colgou a escopeta ao ombro e marchouse, como se nada.
O pai de Eva María rematou sendo xulgado polo penal e caéronlle sete anos de cárcere. Os seus avós recurriron ao Tribunal Supremo, alegando que o que acontecera fora causa do alcol. Derivárono a un centro de rehabilitación e á cárcere só ía a durmir. Aos sete anos, cumprida a condena, volveu ao pobo, como se non acontecese nada. Eva María ía á escola vestida de luto rigoroso, o que facía que no colexio a rexeitasen e a mirasen como a unha apestada. Este feito, unido ao doloroso da morte dunha nai, levou a Eva María a tentar suicidarse ata en tres ocasións, "aos dez, aos once e aos doce anos". "A única persoa que me protexía como podía aínda que ela tamén estivese a ser maltratada morrera, a familia materna non me quería, a paterna dérame as costas e no colexio dicíanme que era a filla dun asasino: eu só quería morrer para volver a estar coa miña nai", conta entre choros.
"PASARÁN OS ANOS, E CANDO ESTEAS TRANQUILA, VIREI E MATAREITE"
Ao cumprir os 17 anos foi cando coñeceu ao que sería o seu novo maltratador, un amigo de seu irmán que a deixou embarazada tras violala. Segundo ela mesma explica, o que el pretendía era casarse con ela para quedarse cos cartos de seu pai. Tivo que emanciparse e, para iso, o sei pai tivo que firmar os papeis, polo que tivo que volver a verse as caras no xulgado co seu maltratador pasado. "Eu nin me sentei directamente a falar con el, vino no xulgado xa para a firma, pero xa me sentía mal polo feito de telo diante, como se estivese traizoando á miña nai, a quen asasinara", conta. Así, cunha familia que non a ía axudar coa nena e sen querer abortar, entrégase cos brazos abertos a un home que non quere, nun matrimonio que durou 16 anos, 16 longos anos de martirio.
Tivo que soportar tamén por parte deste home borracheiras, que a tratase mal, celos inxustificados, violencia... Cando naceu a súa filla tivo que facer un enorme esforzo por aceptala, pois non foi unha nena desexada nin buscada, nin querida, polo que lle costou moito aprender a querela, aínda que agora o fai con loucura. Aínda sendo a súa filla pequena, o marido de Eva María seguía apuntándoa coa escopeta, dicíndolle que a mataría, ao igual que o seu pai matara á súa nai, golpeándoa, violándoa, mordéndoa, arañándoa... Como se fose da súa propiedade e puidese facer o que quixese con ela.
Tiñan unha parella de amigos. A el non o podía nin mirar aos ollos porque se o facía o seu marido pegáballe ao chegar á casa. Pero si falaba con ela. Un día, a pesares de que Eva María xa se coidaba de ir sempre moi tapada, a súa amiga descubriulle uns moratóns no corpo e preguntoulle. Nun principio ela mentiulle e díxolle que era cousa das caídas que tivera no seu traballo como limpadora. Logo a súa amiga deuse conta e díxolle que tiña que denunciar. Foi nese intre no que o seu marido a agarrou para estrangulala e matala cando Eva María cambiou a mentalidade e tomou conciencia de que tiña que denunciar para non rematar morta, como lle acontecera á súa nai. Hoxe por hoxe, logrou librarse de el, aínda que unha das últimas veces que o viu díxolle: "Pasarán os anos, e cando esteas tranquila, virei e matareite".
Este é outro dos aspectos que máis preocupa ás mulleres maltratadas, as represalias por parte do maltratador, que lles seguen provocando a diario pesadelos e un auténtico tormento. "Eu tamén 16 anos despois de rachar coas cadeas que me ataban ao meu maltratador aínda teño soños, e é duro convivir coas secuelas e as consecuencias de tanto sufrimento, pero eu decidín que non quería vivir máis arrastrada nin de xeonllos, que quería vivir a miña vida e non terminar nun psiquiátrico nin nunha tumba, pero para iso tiven que poñer moito da miña parte e aínda sigo poñendo, porque me nego a vivir como vivín, agora vou sentíndome ben comigo mesma e podo atender ás miñas responsabilidades e á miña filla como toca", conta, exemplarizante.
"SE VÉN POR MIN, DEFENDEREIME; E, SE ME MATA, MATOUME"
Eva María, pola súa parte, non cambiou de vivenda, segue no mesmo sitio, na casa que construiu xunto con el, de feito, enfrontándose ao medo, pola súa filla. Vive a uns dez quilómetros da casa do seu maltratador, e asegura que "se vén por min, defendereime; e, se me mata, matoume". Miriam, a súa filla, a quen nun determinado momento tivo que contarlle todo, tampouco ten relación co seu pai, pois deuse conta de que nunca estaba na casa para ela. Así que alí segue ela, nunha aldea que foi a súa tumba, con persoas que aínda a día de hoxe a seguen vendo como 'a filla do asesino', despois de que o caso do seu pai saise en todos os medios.
Ademais, Eva María tamén vive cerca do seu antigo maltratador, o seu pai. "Son quen de convivir con eles tan preto agora, pero tiven que traballar moito comigo mesma, reconstruírme, concienciarme, descubrir como era... É un traballo de desenvolvemento persoal moi forte que todas as mulleres maltratadas temos que facer día a día durante o resto das nosas vidas, porque as secuelas e consecuencias dese maltrato que sufrimos chegan a ser tan fondas que non teñen un fin", explica.
Froito de todas esas experiencias, Eva María ten agora un certificado de discapacidade do 52 %, con problemas na espiña dorsal, hernias, protusións, problemas cervicais, fibromialxia, refluxo crónico, colon irritable... Pero pensando en todo o que pasou, pouco lle parece. "Houbo momentos nos que dubidaba mesmo de estar viva; dóeche todo, por dentro, por fóra, partes que nin imaxinas", di. Deste xeito, asegura que aínda que hai moita axuda fóra, "hai que poñer da nosa parte, brillar con luz propia, porque as mulleres somos valiosas e poderosas a pesares do que nos teña acontecido e do que nos poida acontecer, e aínda que o camiño sexa duro ás veces, podemos conseguilo, somos capaces".
"ENTRISTÉCEME QUE AÍNDA SE DUDE DO MALTRATO, NON EVOLUCIONAMOS"
"Corenta anos despois do asasinato da miña nai o que máis me entristece é que aínda se dude do maltrato, se xulgue e se cuestione á lixeira, semella que non evolucionamos nada", reflexiona Eva María sobre os veciños da súa contorna. E é que se xa é difícil ser unha muller maltratada nunha cidade, nunha cortorna rural na que todo o mundo se coñece e se cuestiona, aínda máis. Iso foi o que lle aconteceu á súa nai e, en certo modo, o que lle está a acontecer a ela. "Pode que haxa unha parte da sociedade que cambiou, pero hai outra parte que se está demostrando que non, aínda que non chego a comprender cal é a súa pretensión dudando da nosa realidade como vítimas, entristéceme moito", lamenta.
Para todas esas mulleres que están pasando por unha situación similar á súa, que teñen medo de saír dela polas consecuencias que lles poida acarrear, Eva María "daríalles moito ánimo para que dean o paso, porque aínda que pareza un paso difícil e aínda que teñan moitísimo medo, deben ter presente que é un paso importantísimo nas súas vidas, o paso cara o comezo de ser elas mesmas e de levar a vida que se merecen, porque merecémonos unha vida mellor, non a que estamos acostumbradas a levar ou a que normalizamos, temos dereitos como mulleres e como persoas e debemos reclamalos", conclúe.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.