O BNG activa un "consello asesor" en materia económica para desenvolver o programa do "mellor Goberno de Galicia"

A portavoz nacional do partido, Ana Pontón, fai fincapé nos datos demográficos negativos do país.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/11/2023 | Actualizada ás 14:21

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, participou este sábado na primeira reunión do Consello Asesor en materia económica posto en marcha pola formación de face a "definir con claridade, ambición e realismo o proxecto económico do futuro Goberno galego", que será, dixo "o mellor Goberno de Galicia". As ideas que deriven deste consello serán "claves no programa de Goberno" co que o BNG concorrerá aos próximos comicios galegos, unhas eleccións que, dixo, serán "decisivas para o futuro do país".

Pontón apostou por pór en marcha na Comunidade "un novo proxecto de país" con ideas "audaces" e "transformadoras" coas que "construír unha mellor" Galicia, un proxecto que pasa por ter en conta a sustentabilidade e por "pór en marcha todo o potencial" galego e a "todos os sectores produtivos". O proxecto económico do BNG, engadiu Ana Pontón, buscará dar oportunidades aos mozos e estará movido "pola enerxía da ciencia, da tecnoloxía e da innovación", cun "manual de instrucións propio" para "enriquecer o mundo coa nosa diferenza". O actual, dixo Ana Pontón, é "o reto máis importante das últimas décadas", xa que o BNG está "máis preto que nunca de poder liderar o Goberno galego". Para iso, é "moi importante acertar co diagnóstico e propor aos galegos as mellores solucións" a través de "políticas ambiciosas, realistas e baseadas na confianza".

CONSELLO ASESOR

O consello asesor está composto por especialistas en diferentes ámbitos da economía e persoas con experiencia de Goberno, e complementarase con visitas a distintos sectores e áreas da comunidade. No arranque da reunión, Ana Pontón dixo que "unha das grandes prioridades" do Goberno autonómico que aspira a liderar é "ser capaces de pór a este país a producir" e alcanzar a "transformación económica" necesaria para Galicia.

Pontón viu na Galicia actual datos demográficos negativos --"segue perdendo poboación mentres no Estado aumenta"--, emigración de mozas e "perda de músculo industrial", con 21.000 empregos menos na industria con respecto a 2009. Trátase, dixo, "dunha proba evidente de que o PP non está a xerar confianza" entre os empresarios.

"Necesitamos un Goberno con ganas de darlle un futuro mellor a este país", engadiu Pontón, que apostou por "elaborar un ambicioso programa de transformacións económicas en liña cos grandes retos que Galicia ten como país". "Hoxe o BNG lidera en Galicia a alternativa ao PP", dixo Pontón, que "fronte ao declive do PP", instou a "liderar a posta en marcha do mellor Goberno da historia" de Galicia.

Ana Pontón preside a primeira reunión do consello asesor en materia de economía do BNG.
Ana Pontón preside a primeira reunión do consello asesor en materia de economía do BNG. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta