Xogar con lume na deputación de Lugo

Decidinme a escribir este artigo esta mañá escoitando aos tertulianos e tertulianas da Radio Galega, dun e doutro bando, pontificando sobre o asunto da Deputación de Lugo sen saber da misa a medias e reproducindo no centralismo santiagués o mesmo mal dos seus homólogos da Sexta madrileña. Co ánimo, humildemente, de ilustralos un pouco, a eles vai adicado este artigo.

Por Camilo Friol | Lugo | 25/06/2015

Comparte esta noticia
O que pasou na Deputación de Lugo é o que pasa nas noites de San Xoán cando se xoga con lume, que ás veces acábaste queimando. Foi o que lle pasou ao secretario xeral do PSOE en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro e á súa aprendiz de Maquiavelo, a presidenta na sombra da Deputación de Lugo nos últimos 8 anos. Se aceptamos a concepción política que Pablo Iglesias tén do tableiro político actual, reducido a un Xogo de Tronos, ela sería Melisandre de Asshai, a sacerdotisa vermella, adoradora do Señor da Luz, R'hllor.
 
O caso é que a sacerdotisa vermella, acostumada a facer e desfacer co consentimento do seu vago señor R'hllor, deseñou unha estratexia desde antes xa do 24 de maio para seguir controlando, cinicamente desde a sombra e sen dar a cara, a Deputación de Lugo e, desde ela, as aspiracións á Xunta do Señor da Luz. Investigada pola xuiza Pilar de Lara na Operación Pulpo (que nome máis lugués) e asegurado o seu posto de traballo vitalicio ao máis puro estilo Cacharro (funcionaria do grupo A nivel máximo como xefa dun servizo de Comunicación e TIC's que non existe no organigrama da Deputación de Lugo nin ten persoal asignado), a sacerdotisa vermella non podía permitir que a Deputación de Lugo caera nas mans dos seus inimigos (nin nos do PP nin nos do PSOE). E a única maneira de conseguilo era que o sucesor ou sucesora de Besteiro fose un home ou muller de palla (digamos Lara Méndez ou Pablo Rivera). 
 
Pero os cálculos fallaron cando Orozco se ve obrigado a marchar para a casa e un ambicioso Santín decide que prefire ser presidente da Deputación de Lugo (para controlar aos alcaldes e ao partido na provincia na que é secretario provincial) antes que alcalde de Lugo en minoría. E iso supón o primeiro revés na estratexia maquiavélica da sacerdotisa vermella, que se ve obrigada a sacrificar ao seu primeiro peón, Lara Méndez, como alcaldesa de Lugo. 
Cambia entón de estratexia, con Manuel Martínez e Carlos González Santín postulados xa como aspirantes a presidir a Deputación. Ningún dos dous é santo da súa devoción, como dixemos, e despois duns días filtrando mandicencias contra os dous a partes iguais (páxinas porno e imputacións incluídas) e propoñendo de paso, pero sen éxito, unha terceira vía (Pablo Rivera), asume aquilo de se non podes co teu inimigo alíate con el. Decide vingarse da traizón de Santín apoiando a Martínez coa esperanza de que a cabeza a Martínez lla corte despois o Bloque, deixando así o camiño libre ao seu outro peón, Pablo Rivera. 
 
Isto de que outros lle fagan o traballo suxo, por certo, é moito do seu Señor R'hllor, maestro do escapismo político sen mancharse as mans, ao estilo Houdini, acostumado a mirar para outro lado e asubiar mentras as cousas se van resolvendo por si mesmas, sen necesidade de intervir. Así é como chegou a Señor da Luz do PsdeG-PSOE e como actuou no cargo desde entón.
 
Pero desta vez a sacerdotisa vermella encontrouse con outro contratempo no seu camiño: Manolo Martínez. Guerreiro curtido en mil batallas, ferido no seu orgullo persoal polo Señor da Luz e a sacerdotisa, non estaba disposto a ser de novo o tonto útil do PSOE na Deputación, como acontecera xa hai 8 anos (“La tierra para quien la trabaja, señor Martínez”, acostumaba burlarse Cacharro cando despois de anos mazándose en denunciar a política “corrupta, caciquil e clientelar” de Cacharro, como gustaba de definir Martínez, xa se intuía que o elexido do PSOE sería Besteiro).
 
E como última e esperpéntica tentativa da sacerdotisa e o Señor da Luz, a proposta de candidato alternativo desta mañá, media hora antes do Pleno, co único obxectivo de que fose Martínez individualmente, e non o PSOE no seu conxunto, o que lle entregara a Deputación ao PP, tentando novamente ocultar a responsabilidade de Besteiro en todo este despropósito. Porque, digo eu, para ao final dicir que Martinez non era o candidato oficial do PSOE, para que facerlle gañar primeiro a votación fronte a Santín e teimar despois durante días no seu apoio e defensa a ultranza?
 
Moita xente en Lugo agardaba que o lume novo da noite de San Xoán traería finalmente a fumata branca á Deputación de Lugo purificando ao final e deste xeito as culpas da estratexia conspiratoria de Besteiro e a súa sacerdotisa e o infantilismo negociador da novata Executiva Nacional do Bloque. Pero non foi así; o fume foi negro. É o que pasa cando un o que queima na fogueira de San Xoán son neumáticos. 
 
Ben sei que este relato, igual ca Xogo de Tronos, non é máis ca unha ficción, pero aproxímase bastante á realidade.
 
P.D. Nunca vin nin lin nada de Xogo de Tronos nin me gustan este tipo de ficcións. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Camilo Friol Estudou xornalismo en Santiago. Traballou nos xornais La Opinión de A Coruña, La Voz de Galicia e El Progreso e ten colaborado con outras publicacións como o semanario Terra Chá, ou os xornais dixitais GZNación.com e Terra e Tempo. De setembro de 2005 a decembro de 2012 foi responsable de prensa do BNG no Concello de Lugo e desde xuño de 2014 responsable de prensa do BNG na Deputación de Lugo.