Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 16/01/2024 | Actualizada ás 22:00
Xa é oficial. O Consello de Ministros aprobou este martes o Real Decreto que prohíbe a venda dos cigarrillos electrónicos e de tabaco quentado (en España a única marca deste tipo que se comercializa é Iqos), que contén aromas (é dicir, de sabores). Ademais, a nova norma obriga a que no etiquetado deste tipo de tabaco figuren as advertencias de que é perxudicial para a saúde. Os vapeadores, polo momento, quédanse fóra desta nova regulación, xa que non conteñen tabaco, aínda que si poden levar nicotina. Sen embargo, Sanidade xa está traballando tamén para regulalos. A súa prohibición ou limitación de acceso e venda podería ser o seguinte paso desta normativa.
"Amplíase a prohibición de comercializar produtos do tabaco con aroma característico ou que conteñan aromatizantes nas súas compoñentes (como filtros, papeis de fumar, envases ou cápsulas), ou calquera outra técnica que permita modificar o olor e sabor dos produtos do tabaco, ou intensificar o fume", explica o Ministerio de Sanidade nun comunicado. Do mesmo modo, retírase a excepción das obrigas de incluír unha mensaxe informativa e as advertencias sanitarias combinadas. Por tanto, os envases dos produtos de tabaco quentado deberán incluír a seguinte mensaxe: 'O fume do tabaco contén máis de 70 substancias canceríxenas", ademais de levar fotografías dos efectos (cáncer, danos nos pulmóns...), da mesma forma que nas caixas de tabaco tradicional.
"A lei contra o tabaco xa prohibía todos aqueles símbolos que usa a industria e que simulan o efecto de sumar", recorda o doutor en Psicoloxía e profesor e investigador na Universidade de Vigo (UVigo), Manuel Isorna, que lembra que "na miña época era moi común poder mercar cigarrillos de chocolate en calquera quiosco ou supermercado, cos que ti simulabas que estabas fumando, aínda que eran de chocolate e agradables no sabor, ti estabas a simular un gesto que no seu fondo che estaba ensinando a fumar". Así, incide en que "todo o que imite o xesto de fumar, incluído o 'vapear', debe ser literalmente prohibido".
CADA VEZ MÁIS MOZOS E MENORES CONSUMEN ESTES CIGARRILLOS
En concreto, sobre os cigarrillos electrónicos, recorda que hai algúns que non levan nicotina, e son dos que fala a lei, dos que se fan de sabores, pero isto non quere dicir que sexan máis inocuos, porque, como apunta o experto da UVigo, "aínda que non leven nicotina levan produtos que poden producir un dano respiratorio, pois están baseados principalmente na glicerina, e tamén levan produtos que fan que non se conxelen nin se estropeen coa calor, como o propicerol, que poden xerar dano a nivel respiratorio igualmente, mesmo sen a nicotina engadida".
Tendo en conta todos estes danos para a saúde da poboación que os consume, que cada vez é de menor idade, a nova prohibición é benvida por parte dos profesionais e investigadores como Isorna, que lamentan que non chegase antes. Explica que foi un pouco o mesmo que pasou coa pornografía: "Eu recordo que aínda tiña pelo cando diciamos que o que estaba a pasar con Internet e a pornografía non era nomal, e se se tivesen aplicado normativas antes, non con 20 anos de retraso, teríanse evitado moitos problemas, entre eles moitas actitudes como as dos rapaces da Manada, porque non se chegaría a banalizar e cousificar á muller da forma en que se fai na pornografía actualmente". Agora, 20 anos despois, é cando se dan conta de que hai que restrinxir a entrada dos menores ao porno, "e o mesmo pasa con isto".
"LEVAMOS TEMPO AVISANDO DE QUE NON SERVEN PARA DEIXAR DE FUMAR"
Isorna lembra que "os defensores da saúde pública levamos moito tempo avisando de que o cigarrillo electrónico non é bo, e que tampouco é un método para deixar de fumar, como nos quere facer crer a industria, que o vende como un método para 'fumar sanamente', o que buscan é simplemente que cambies un método por outro, porque a industria está para gañar cartos". Foi por iso que xa no seu tempo os profesionais alertaron de que este tipo de cigarrillos electrónicos "non se deberían vender en dispensadores, que antes habíaos en todos os lados, polo que tiñan unha dispoñibilidade moi alta". Cando estes se prohibiron, a industria buscou outros métodos, como os actuais vapeadores ou os cigarrillos de sabores, co único obxectivo de "captar novos consumidores e non perder os que teñen".
Para Isorna a medida é recibida cos brazos abertos, pois "é momento de prohibir todo o que poida fomentar o uso de cigarrillos, aínda que non leven nicotina" e tamén habería que "regular a idade de acceso aos produtos". "A medida chega tarde, pero alo menos chega", conclúe. E faino nun momento en que eses 'packagings' de cores que envolvían estes produtos xa están invadindo todos os lugares por onde se moven os rapaces menores de idade habitualmente: dende tendas de móbiles e produtos electrónicos (que nada teñen que ver coa venda de tabaco) ata quioscos, pasando por supermercados e centros comerciais, nos peores casos mesmo farmacias. Como apunta Isorna, "os deseños, se te fixas, son moi bonitos, están moi ben feitos, con cores moi vivas, debuxos, e buscando chamar a atención".
"CO TABACO VAISE DE PARCHE EN PARCHE; A INDUSTRIA SEMPRE VAI POR DIANTE"
Ademais, pon énfase tamén en que ademais de levar a cabo a súa prohibición, tamén é necesario facer un seguemento dos lugares nos que os menores vén estes produtos, e iso non só é en tendas físicas, senón tamén nas redes sociais, a través de 'influencers'. "A industria usa aos 'influencers' para chegar á poboación diana", explica o profesor da UVigo, que asegura que "aínda que restrinxan a venda, se logo non se segue o rastro de cara onde tira a industria para tentar burlar a lei, neste caso cara os 'influencers', non se vai conseguir que as medidas teñan o impacto que deben ter". Deste xeito, "a cousa queda clara, hai que seguir a pista da industria, restrinxir o uso e a publicidade dos 'influencers', que o que fan é fomentar o consumo dos vapeadores, do mesmo xeito que tamén se están a incluír cada vez máis no cine".
En YouTube hai 'youtubers' como WorldCast, que fan 'podcasts' nos que saen vapeando ao longo de todas as entrevistas, do mesmo xeito que o 'streamer' Rubius, que vapeaba mentres xogaba a videoxogos. "Se tomamos unha medida, pero non variamos ao mesmo tempo as que xa hai, só facemos que deixe de ser eficaz", asegura Isorna, que cre que "co tabaco o que se está a facer é ir de parche en parche, e deste xeito, evidentemente, a industria sempre vai ir un paso por diante". Coa aprobación deste Real Decreto (que entrará en vigor no prazo de tres meses dende a súa publicación no BOE), o Goberno transpón así a Directiva Delegada, do 9 de xuño, que modifica a Directiva 2014/40/UE no que respecta á retirada de determinadas excepcións aplicables aos produtos de tabaco quentado, coa finalidade de equiparalo aos cigarrillos convencionais.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.