Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 06/02/2024 | Actualizada ás 21:20
A campaña electoral non só se libra sobre o terreo, senón tamén nas redes sociais, un campo de cultivo onde a militancia de cada partido ten moito que dicir sobre o debate electoral que se celebrou este luns na CRTVG. Pouco importa o que digan os expertos en política ou os tertulianos televisivos, pois ao final a opinión da xente é a que condicionará o voto nun senso ou noutro o 18 de febreiro cando sexa a hora da verdade. Dende o Galicia Confidencial, nada máis rematar o debate, lanzamos nas nosas redes sociais X e Instagram (entre as que sumamos máis de 50.000 seguidores) unha enquisa na que preguntabamos aos nosos seguidores quen crían eles que fora o gañador do debate para eles.
Tendo en conta que as enquisas na rede social X non permiten poñer máis de catro opcións de resposta e os contendentes eran cinco, lanzamos unha primeira pregunta na que pediamos que nos dixesen quen fora o vencedor de entre as tres forzas máis votadas nos pasados comicios de 2020: PP, BNG ou PSdeG. A clara gañadora para os usuarios de X (antigo Twitter) foi a candidata nacionalista á Xunta de Galicia, Ana Pontón, que recibiu o aval do 79,6 % das 1.095 persoas participantes na enquisa. Seguiulle xa moi de lonxe o candidato do PSdeG, Xosé Ramón Gómez Besteiro, cun 13,9 % dos votos; e, finalmente, o actual presidente da Xunta e candidato do PPdeG, Alfonso Rueda, cun tímido 6,4 %.
Abrimos tamén unha segunda enquisa na que pedimos aos nosos seguidores que nos dixesen cal das dúas forzas alternativas presentes este luns no debate (Sumar e Podemos) o fixera mellor na súa intervención. Neste caso, a pesa inclinouse case ao completo do lado da candidata de Podemos, Isabel Faraldo, que obtivo o respaldo do 83,3 % dos 921 votantes na enquisa; mentres que a candidata de Sumar, Marta Lois, quedouse co 16,7 %.
Por outra banda, na nosa conta de Instagram tamén lanzamos unha votación semellante. Como neste caso tampouco deixa poñer máis de catro opcións de resposta á hora de formular a pregunta, dividimos aos posibles gañadores entre PP, BNG, PSdeG e outro (Podemos ou Sumar). Finalmente, e tras recibir máis de 300 votos, a audiencia tamén deu como clara vencedora do debate nesta rede social a Ana Pontón, que recibiu o 80 % dos votos. Seguiulle, neste caso, Alfonso Rueda, co 10 %; despois Xosé Ramón Gómez Besteiro, co 6 %; e, finalmente, houbo un 4 % de participantes na enquisa que se decantaron por algunha das outras forzas políticas, Sumar ou Podemos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.