Julia Brandariz, epidemióloga: "No 2020 morreron en España 700 fumadores pasivos; hai que seguir restrinxindo onde fumar"

"Moitas veces se as leis non se seguen endurecendo a xente esquécese do malo que pode chegar a ser o consumo de tabaco, e chega un punto no que mesmo normaliza o hábito, que é algo que pode pasar", plantexa a investigadora postdoutoral.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 25/02/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O consumo de tabaco está a diminuír a cada ano que pasa entre a poboación española: hoxe en día 22 de cada 100 españoles, aproximadamente, son fumadores. As cifras amosan un descenso continuado tanto en homes como en mulleres, aínda que, no caso destas últimas, o descenso vai moito máis lento en comparación co dos homes. Pese a todo, a prevalencia segue a ser moi alta, cun 22 % seguimos a ser un dos países europeos que teñen unha prevalencia bastante elevada, situándonos no 15 lugar entre os países europeos con máis fumadores, dun total de 28, o cal non é malo, pero tampouco bo. Así as cousas, para os expertos continúa sendo preciso implementar medidas e regulamentos que continúen acotando os espazos nos que se pode fumar, como a que está plantexando nestes momentos o Goberno, que sacaría totalmente o tabaco das terrazas e das praias, entre outros lugares.

Mujer fumando en una terraza, con fumadores pasivos a su espalda
Mujer fumando en una terraza, con fumadores pasivos a su espalda | Fonte: EFE - Arquivo

Falamos con Julia Brandariz, investigadora postdoutoral da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e autora do estudo máis actualizado (2017) que existe sobre a prevalencia do consumo de tabaco en España. Asegura que, para os epidemiólogos, "a prevalencia segue a ser moi alta". No caso das mulleres, reafirma que o descenso do consumo de tabaco entre o sexo feminino é moi lento, pois "aquí en España os homes comezaron a fumar moito máis frecuentemente durante a Guerra Civil, e entre as mulleres non era un hábito, ata que o comezou a ser cando acadaron unha maior independencia grazas á súa incorporación ao ámbito laboral, que se deu aproximadamente durante os anos 60 ou 70". Polo que respecta á idade de comezo, "non hai tanta diferenza entre a idade de inicio de homes e mulleres, que se sitúa ao redor dos 16,6 anos, aínda que a prevalencia é máis elevada en homes que en mulleres". Con todo, por franxas de idade, "onde hai prevalencias máis altas é no grupo de 25 a 50 anos", apunta Brandariz.

A súa tese, en concreto, fala da mortalidade atribuída ao tabaco. Que significa isto? "A mortalidade atribuída é como a mortalidade da que é responsable o tabaco: nós podemos morrer por moitas causas e, dentro de toda esa mortalidade, nós o que facemos é calcular a que é responsable por culpa do consumo de tabaco; entón, captamos todo o que vén a ser mortalidade por unha serie de causas que a día de hoxe sabemos que están asociadas ao consumo de tabaco, e a través dunha serie de cálculos un pouco complexos, chegamos ao número de mortes que atribuímos ao consumo de tabaco", explica a investigadora da USC, que precisa que, os resultados cos datos do ano 2017 (os máis recentes dos que dispoñen), falan de "4.000 mortes atribuídas ao tabaco en Galicia". Aínda que poida parecer unha cifra abultada, "non é das máis altas, de feito Galicia é unha das comunidades que teñen unha taxa de mortalidad atribuída máis baixa, tanto en homes como en mulleres, polo que non estamos tan mal, sendo ao mesmo tempo unha das comunidades coa prevalencia de consumo de tabaco máis baixa".

"A PROHIBICIÓN DE FUMAR DEBE AMPLIARSE MÁIS ALÁ DAS TERRAZAS, TAMÉN AOS CONCERTOS AO AIRE LIBRE E AOS CAMPUS UNIVERSITARIOS, POR EXEMPLO"

Pero iso non significa que haxa que baixar a garda, pois ante a pregunta de se as normativas deben endurecerse, Brandariz teno claro: "A miña resposta sempre vai ser si, hai que seguir endurecendo as normativas, porque dende o ano 2010, con esa modificación tan boa coa que se prohibiu o consumo de tabaco nos lugares públicos de interior, as cousas cambiaron". "Agora os epidemiólogos consideramos que esa prohibición debe ampliarse, ás terrazas, pero tamén a un concerto ao aire libre ou nun campus universitario, para non ter que estar ao lado dun fumador", aposta a investigadora. Pois, como asegura, "está totalmente demostrado que a exposición ao fume ambiental do tabaco xera enfermidades relacionadas co cancro de pulmón ou coa cardiopatía isquémica". "Como epidemióloga, a miña intención é sempre coidar a saúde da poboación e, se está demostrado que o fume ambiental do tabaco causa enfermidades, obviamente seguirei loitando para que as medidas se endurezan un pouco máis", sentenza Brandariz.

Julia Rey Brandariz, investigadora da USC
Julia Rey Brandariz, investigadora da USC | Fonte: USC - Arquivo

E é que moitas veces ao falar das enfermidades relacionadas co tabaco esquécese aos fumadores pasivos, que non son poucos. Neste senso, a investigadora da USC explica que, "cando facemos as estimacións, as facemos por separado, tendo por un lado as estimacións do consumo activo, o dos fumadores (sobre o que trata a súa tese), e logo polo outro as estimacións de exposición a fume ambiental de tabaco". Segundo estas últimas, na última estadística (do 2020), "estimábase que en España máis de 700 persoas faleceran ao longo do ano pola exposición". "Se o comparas coas mortes causadas por consumo activo vemos que son moitas menos, pero seguen a ser mortes que se poden evitar", afirma Brandariz, sobre todo, tendo en conta que un fumador pasivo non está a facer un acto consciente de coller un pitillo e levalo á boca, con todas as súas consecuencias.

"SE AS LEIS NON SE ENDURECEN A XENTE ESQUÉCESE DO MALO QUE PODE CHEGAR A SER O CONSUMO DE TABACO E O HÁBITO PODE NORMALIZARSE"

Preguntada sobre a efectividade das regulacións antitabaco implementadas en España dende o ano 1988, Brandariz apunta que "as leis que se foron implementando no seu momento ata o de agora foron efectivas, pero xa precisamos endurecelas máis para seguir diminuíndo os datos que temos, porque aínda que van diminuíndo, fano bastante lentamente", mentres que "outros países que xa endureceron as súas leis conseguiron moito máis reducir a súa prevalencia, así como as súas cifras de mortalidade atribuída". Por iso, aposta por seguir co seu exemplo, co exemplo de países como Estados Unidos, Australia ou Singapur, moi avanzados en leis antitabaco. "Moitas veces se as leis non se seguen endurecendo a xente esquécese do malo que pode chegar a ser o consumo de tabaco, e chega un punto no que mesmo normaliza o hábito, que é algo que pode pasar", plantexa a investigadora.

A maiores do endurecemento das leis, tamén aposta por seguir creando campañas de prevención, porque "cando lle preguntas á xente pola rúa sobre o consumo de tabaco, moita xente xa é consciente de que é algo malo, pero hai que seguir transmitindo ese coñecemento que temos nós para que entendan por que se prohíben as cousas ou por que se van tomar decisións con respecto a isto, para que o entendan mellor". "Hai que explicarlles que esa decisión estase baseando en que o tabaco non só produce mortes, senón que tamén provoca moitas enfermidades, que tamén inflúen sobre a saúde, e cando alguén ingresa no sistema sanitario a raíz dunha destas enfermidades, pagámolo todos, algo que tamén é importante transmitir", conclúe Brandariz.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta