Por que as eléctricas cobran de máis?

A Consellería de Industria tarda tres anos en resolver denuncias de consumidores. Recoñece medidores incorrectos de electricidade pero evita que se emitan sancións ás grandes eléctricas.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 19/11/2015 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Un xulgado de Vilalba recoñecía hai unhas semanas nunha sentenza que a distribuidora Begasa e a eléctrica Iberdrola cobráronlle case un 19% máis da tarifa contratada a un cliente tras detectar "anomalías" no contador.

Planta de enerxía eléctrica
Planta de enerxía eléctrica | Fonte: eldiario.es

Unha situación que é máis común do que os cidadáns desexarían e que, poucas veces, remata nos tribunais. De feito, estes sobrecustos da tarifa eléctrica son repartidos entre a comercializadora e a distribuidora e poden chegar a supor entre un 15 e un 30% máis.

Galicia Confidencial acaba de ter acceso a unha nova notificación da Xunta relacionada co mercado eléctrico. Unha resolución da Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía e Industria que chega tres anos despois de ser presentada e que recoñece, efectivamente, a existencia de anomalías nos contadores eléctricos. Nela insta a Begasa a “facilitar as especificacións a cumprir” polo contador da luz dun usuario.

De feito, segundo a Orde ITC 3860/2007 do 28 de decembro, todos os contadores cunha potencia contratada ata os 15KW deberán incorporar dispositivos de discriminación horaria e de telexestión. Unha circunstancia que, segundo esta notificación da Xunta, incumpría Begasa polo que pide que esta distribuidora devolva o importe cobrado ao usuario en concepto de alugueiro desde a solicitude da data de instalación ata a data en que sexa instalado o novo contador.

Sen embargo, Industria desestimou o recurso do usuario que pedía que se abriran un expediente sancionador contra Begasa ao entender que estaba a cometer feitos “graves”, tales como a venda, comercialización e imposición da forma de adquisición de contadores sen estar autorizado para iso.

Precisamente, e segundo as fontes consultadas, esta práctica é común entre algunhas empresas do sector eléctrico que está a utilizar contadores que non cumpren todos os requisitos técnicos esixidos e, que polo tanto, son susceptibles de cobrarlle ao usuario porcentaxes de máis na súa factura da luz. Algo que xa está en coñecemento da Xunta –ao ser o órgano inspector--, onde se teñen presentado diversas denuncias sen que, ata o momento, se teñan sancionado a ningunha eléctrica ou distribuidora.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta