O Orgullo Galego: Blanco Amor, un galego que nunca se avergoñou da súa homosexualidade

Chamábanlle Eduardita cando ía polas rúas de Ourense e consideraban que a súa forma de vestir era afeminada. Nunca lle importou e chegou a manter relacións máis aló da amizade con importantes escritores e intelectuais da época como Federico García Lorca e Ramón Suárez Picallo.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 06/07/2024 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Eduardo Blanco Amor (1897-1979) creou a primeira personaxe gai da literatura galega. Fíxoo para a súa novela 'A Esmorga', tamén a primeira obra galega na que se aborda claramente a temática homosexual. Nela, un dos rapaces, Aladio o 'Milhomes', é caracterizado por Cibrán o 'Castizo' en varias ocasións polos seus trazos afeminados, e sente celos de Xan o 'Bocas' cando este está coas prostitutas. Ademais, tanto o Milhomes como o Bocas xogan acotío a estimularse, a beliscarse e a tocarse. 

Eduardo Blanco Amor
Eduardo Blanco Amor | Fonte: Commons

O escritor galego viu como parte da súa obra era silenciada polo mero feito de ser homosexual e galego. Entre esas obras que tardaron en saír á luz atópase precisamente 'A esmorga', hoxe en día considerada unha das máis grandes obras da literatura en lingua galega. Tamén a súa orientación sexual se reflicte en obras como 'Xente ao lonxe', (publicada integramente no 2014 despois da censura á que se vira sometida na década dos 70) así como de forma destacada nos poemarios eróticos compilados postumamente no volume 'Ars amandi' (2007).

O autor mantivo contactos coa Fronte de Liberación Homosexual Galega (FLHG) e na súa última entrevista destacou "o Estatuto de Autonomía e a abolición da lei de perigosidade social" como dúas causas polas que saír á rúa. "Envexosas!", respostaba Eduardo Blanco Amor aos berros de 'Eduardita', como lle chamaban cando paseaba polas rúas de Ourense. Hoxe hai unha canción baixo ese título, da Banda Piratas sen Parche, que fala de como se lle pode dar a volta a termos despectivos para empoderarse. Ese era o nome que lle daban aos señores por deitarse con homes. "Aínda hai xente que tenta esconder a condición de homosexual de Blanco Amor e mesmo aqueles que só inciden na súa faceta como escritor, separando ao autor da súa obra. Blanco Amor foi un homosexual e un gran escritor, que se revelou contra os armarios". 

O SEU 'AFFAIRE' CON LORCA ERA COÑECIDO POR TODOS

Tamén está probado que Blanco Amor puido ter un 'affaire' con Lorca, pois os escritores non agocharon nunca a súa relación, evidenciada nas numerosas cartas e as estadías do ourensán na casa do poeta granadino. O galego xa era en 1934 un homosexual desinhibido e, por tanto, unha rareza, segundo dicía Ian Gibson en Poeta en Granada. Entrando a un casino de Granada con Lorca, un home preguntoulles: "Din que vostedes os poetas son maricóns". Ao que Lorca respostou con retranca: "E que é ser poeta?".

Eduardo Blanco Amor e Federico García Lorca
Eduardo Blanco Amor e Federico García Lorca | Fonte: Casa Museo Federico García Lorca

Lorca publicou 'Romancero gitano' en 1928, mentres Blanco Amor editaba 'Romances galegos'. Coincidencia que puido ser evidencia do punto de partida de dous homosexuais a comezos do século XX. O escritor e xornalista galego non desaproveitou a ocasión e envioulle unha carta a Lorca na que adxuntaba o seu poemario. A misiva foi correspondida, aínda que só se conserva un fragmento da carta do andaluz: "Estou lendo o teu libro, os teus romances antípodas... Que idioma! Que riqueza esta da nosa España! Por que tería que morrer esa antiga marabilla?". Coñecéronse pouco despois, en 1933, cando Blanco Amor regresou de Arxentina, onde traballada en 'La Nación' e dirixindo o xornal 'El Despertar Gallego' e a revista 'Céltiga'. 

O enlace entre os dous foi outro escritor, o ferrolán Ernesto Guerra da Cal. Naquel momento a orientación sexual tanto de Lorca como de Blanco Amor xa era de dominio público, como quedou claro no casino granadino. O catedrático Roger Tinnell publicou hai dez anos a correspodencia ata aquel entón descoñecida entre os dous escritores, e explicaba que Blanco Amor lle mandou unha carta a Lorca ao retornar a Arxentina e descubrir que o home que quería atopara outro amor. "É sorprendente porque non era habitual falar abertamente deses temas naquela época", explica Gibson.

As visitas de Blanco Amor á casa familiar dos García Lorca, Huera de San Vicente, evidenciaban a proximidade entre ambos. E para a historia quedarán as 16 instantáneas que Blanco Amor, afeccionado á fotografía, lle sacara a Lorca. Ademais, Lorca adicou a Blanco Amor a primeira lectura de 'Doña Rosita la soltera'. O andaluz tamén estivo en Galicia, antes e despois de coñecer a Blanco Amor. A nosa idiosincrasia, nomeadamente a lingua, motivou os 'Seis poemas galegos' de Lorca. A edición e escrita do prólogo dese libro correu pola conta de Blanco Amor, quen eliminou a dedicatoria de Lorca a Ernesto Guerra da Cal nun dos poemas. A boa relación entre ambos se truncou. 

AS CARTAS CON PICALLO AMOSAN QUE A SÚA RELACIÓN ÍA MÁIS ALÓ DA AMIZADE

Tamén se relacionou a Blanco Amor con Ramón Suárez Picallo, tal e como queda patente na obra 'Querido Eduardo', na que se desvelaron as cartas que Picallo lle escribiu a Blanco Amor entre 1931 e 1946. "Quero expresarche nestas liñas canto che lembro e como en cada un dos meus actos estás presente, especialmente aquí, onde o culto á amizade non pasa do diálogo trivial e inútil no que o corazón non participa e o cerebro moi poucas veces", escribía nunha carta dende Madrid en 1931 Ramón Suárez Picallo a Blanco Amor. "A miña vida de relación divídese en dúas partes: unha de carácter político e outra de carácter cordial cuns rapaces arxentinos a través dos cales teño morriña da nosa tertulia marabillosa. O corazón está reservado en ambos os casos. O meu corazón está irremediablemente aí". En 1946 os dous amigos retomaron os seus encontros concluída a II Guerra Mundial.

Os dous amigos, que sufriron o estigma da homosexualidade, coñecéronse en 1919 en La Armonía, refuxio de escritores, artistas e políticos en Bos Aires. Nese café, ao que acudía a intelectualidade arxentina e a emigración galega, era fácil facer amizades e atopar traballo. Así foi como Suárez Picallo chegou ao 'Correo de Galicia', o periódico galego máis importante de América, e Blanco Amor a 'La Nación'. Tras ese encontro en La Armonía pronto trabaron unha relación máis alá da amizade, que duraría ata a morte do político. De feito, Picallo morreu no Hospital do Centro Galego de Bos Aires en 1964 coa única compañía de Blanco Amor. 

Eduardo Blanco Amor
Eduardo Blanco Amor | Fonte: @esmorgueiro en X
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta