Temas: MUSEOS TURISMO

E os mellores museos de Galicia son...

As valoracións dos usuarios do sitio web de viaxes máis grande do mundo fan do Museo Catedral de Santiago e do Pazo Quiñones de León de Vigo os mellor considerados do país.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 25/11/2015 | Actualizada ás 15:30

Comparte esta noticia

Os mellores museos de Galicia non son os grandes espazos modernos da arte contemporánea ou os das ciencias e as tecnoloxías que son símbolo da Galicia do século XXI. Os mellores museos do país son espazos que falan da Galicia máis tradicional, dun país apegado á catedral de Santiago, ao seu patrimonio arqueolóxico, aos seus artistas plásticos máis clásicos, aos seus costumes e tradicións ancestrais, ao mar... Cando menos, son os mellor valorados pola comunidade internacional de TripAdvisor, o maior portal do mundo de viaxes, onde o único criterio válido é o da xente común.

Museo da Catedral de Compostela
Museo da Catedral de Compostela | Fonte: Turismo de Santiago

Segundo as valoracións dos usuarios deste sitio web, que se contan por millóns, o Museo Catedralicio de Santiago de Compostela é o mellor de Galicia, seguido polo Museo Municipal de Vigo Quiñones de León. No terceiro posto atópase o Museo do Pobo Galego, en Compostela. Os tres espazos museísticos contan ademais co certificado de excelencia que concede TripAdvisor.

No cuarto posto atópase o Museo Naval de Ferrol e no quinto, o Museo Arqueolóxico Castelo de San Antón, na Coruña. Ambos os dous contan tamén co certificado de excelencia.

O sexto posto, curiosamente, non é ocupado por un espazo museístico propiamente dito, senón polo Pórtico do Paraíso da catedral de San Martiño de Ourense. No sétimo posto atópase o espazo da Exposición Nacional da Construción Naval, tamén coñecido como EXPONAV, en Ferrol. O Museo de Pontevedra e o Domus da Coruña ocupan o oitavo e noveno postos, respectivamente. E o décimo mellor valorado é o Museo Histórico Militar da Coruña. Este tres últimos tamén recibiron o certificado de excelencia.

Museos emblemáticos da Galicia do século XXI como o Nacional de Ciencia e Tecnoloxía na Coruña e o Museo do Mar de Galicia, en Vigo, ocupan os postos 15 e 24, respectivamente. O Centro Galego de Arte Contemporánea, en Compostela, é o número 23; o Museo de Arte Contemporánea Gas Natural Fenosa (MAC) da Coruña, o 42; a Cidade da Cultura de Galicia, o 46, e o Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO), o 48. Ningún destes espazos ten o certificado de excelencia da comunidade TripAdvisor.

Museo Catedralicio()