O PP e a pinza co deputado expulsado do PSdeG

Manuel Martínez di que quere as “mesmas condicións” que un deputado non adscrito. Vai ter a súa disposición 1.500 euros máis do que xa cobra e pide máis diñeiro e máis medios materiais.

Por Galicia Confidencial | Lugo | 25/11/2015 | Actualizada ás 13:00

Comparte esta noticia

A alianza tácita que mantén o PP de Lugo co deputado expulsado do PSdeG, Manuel Martínez, e que socialistas e nacionalistas xa cualifican de tránsfuga, pode supoñer unha gran inestabilidade para a Deputación provincial de Lugo. 

Reunións secretas entre Manuel Martínez e Elena Candia nunha gasolinera do Corgo
Reunións secretas entre Manuel Martínez e Elena Candia nunha gasolinera do Corgo

Martínez, que mantivo varios encontros coa líder provincial do PP, Elena Candia, antes de plenos  importantes, xa sumou a súa papeleta ás dos deputados populares en votacións fundamentais; como foron o reparto de adicacións exclusivas ou, como o deste martes, que competencias do goberno provincial pasen a ser votadas no pleno. É dicir, que tanto o PP como Martínez poden vetar esas decisións para o funcionamento do ente provincial.

Pero esa pinza de populares e o suposto tránsfuga Martínez pode ir máis alá xa que poden pactar o presidente e os integrantes do consello de administración da Sociedade Urbanística Provincial (Suplusa), un ente que está a xestionar este ano máis de seis millóns de euros.

O goberno provincial acaba de convocar, a petición do Partido Popular, unha xunta xeral desa sociedade pública para o próximo 7 de decembro, unha reunión na que, previsiblemente, procederase á elección do novo consello de administración, dado que algúns dos membros da anterior directiva xa son deputados provinciais despois das últimas eleccións municipais.

O consello de administración está formado por nove membros, o presidente da Deputación e outro oito máis, entre os que ten que haber integrantes de todos os grupos políticos con representación na corporación provincial. Até agora, o Partido Popular, tiña dous membros no consello de administración e agarda aumentar, substancialmente, o seu número.

Martínez quere máis medios na deputación

Por outra banda, o suposto deputado tránsfuga Manuel Martínez, quere ter condicións máis ventaxosas das que xa ten como deputado non adscrito. Segundo o informe do secretario da Deputación, ten dereito a percibir a asignación variable dos grupos políticos, que equivale a 1.500 euros por deputado, pero non a fixa, que supón 4.000 euros mensuais.

Pero, a pesar diso, considera que debe de ter máis medios para desenvolver o seu traballo en solitario, e non descarta que sexa en forma de máis diñeiro e de máis medios materiais. Así, preguntará pola posibilidade de dispor dalgún local da Deputación para exercer ese traballo e mesmo para reunirse "coa prensa".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta