ABANCA aposta pola tecnoloxía na renovación do seu modelo de oficina

As oficinas disporán dun dispositivo xestor de benvida e de zonas diferenciadas en función do servizo.

Por GC Emprende | A Coruña | 26/11/2015 | Actualizada ás 17:58

Comparte esta noticia

Eficiencia, sostibilidade, innovación e modernidade”. Así define ABANCA o seu novo modelo de relación co cliente que implantará na súa rede comercial, formada por cerca de 700 centros en toda España.

Juan Carlos Escotet na presentación das novas oficinas de ABANCA
Juan Carlos Escotet na presentación das novas oficinas de ABANCA | Fonte: abanca.es

A nova organización das oficinas ABANCA, que se estenderá progresivamente a toda a rede comercial, está orientada a “mellorar a calidade de servizo ao cliente a través de solucións, información e unha xestión eficiente, áxil e responsable”, segundo apunta o banco nun comunicado. “Caracterízase polos seus espazos abertos e sen barreiras, cun forte compoñente tecnolóxico e de imaxe”, engade. Dispón de dúas grandes zonas diferenciadas en función do servizo que se preste ao cliente: a zona transaccional –dedicada a benvida e realización de xestións de efectivo- e a zona de asesoramento –con postos de atención personalizada e salas de reunións-.

A nova oficina ABANCA foi presentada este xoves na Coruña nun acto que contou coa presenza de Juan Carlos Escotet Rodríguez, vicepresidente do banco; Francisco Botas, conselleiro delegado da entidade galega, e o director xeral de Negocio España, Luis Beraza. “Para ABANCA trátase dun proxecto estratéxico á altura das grandes transformacións que experimentou o banco dende a súa creación”, sinalou Juan Carlos Escotet Rodríguez tras presentar a oficina piloto. Pola súa parte, Francisco Botas resaltou que “o novo modelo de oficina está en liña coa nova sistemática comercial que implantamos no banco, na que o cliente é o auténtico protagonista”.

A partir de agora, as oficinas de ABANCA terán un prelobby onde están situados os caixeiros, con servizo as 24 horas. Dende ese punto accédese á zona transaccional da oficina, cun xestor de benvida, dispositivo que acolle e informa ao cliente para que poida seleccionar a operación e persoa pola que desexa ser atendido, ao tempo que racionaliza os tempos de espera. Na zona de benvida e acollida, o cliente pode recargar o móbil ou consultar as súas contas en pantallas interactivas. Nesta zona sitúanse tamén as caixas, que deixan de ser mostradores.

“A nova oficina ABANCA está dotada con equipamento e funcionalidades tecnolóxicas de última xeración”, destaca a entidade  que destaca o uso das tabletas Microsoft Surface, dispositivos de traballo con funcionalidade de PC que permiten atender o cliente en calquera zona da sucursal. O espazo dispón tamén de infraestrutura wifi, que facilita a mobilidade dos empregados e ofrece ao cliente a posibilidade de conectarse a internet gratuitamente mentres está na oficina, así como de pantallas interactivas.

Unha das oficinas de Abanca
Unha das oficinas de Abanca

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta