Temas: ENERXíA

Un libro para entender a esquerda galega e o colapso civilizatorio

Véspera da Nada publica “A Esquerda ante o colapso da civilización industrial” na que se analizan propostas políticas e sociais como o Decrecemento, o Ecofeminismo ou a chamada "Revolución Integral".

Por Galicia Confidencial | Compostela | 03/12/2015 | Actualizada ás 13:00

Comparte esta noticia

A campaña electoral comeza este venres, pero nalgunhas librerías e a través da rede xa se pode botar man dun libro no que se fala de política e de civilización. “A Esquerda ante o colapso da civilización industrial”, de Manuel Casal Lodeiro, fai un extenso repaso ás dificultades que demostra a esquerda política (galega mais non só) para comprender e asumir a situación histórica de colapso civilizatorio na que nos adentramos, segundo veñen anunciando organizacións como a propia Véspera de Nada.

Manuel Casal Lodeiro
Manuel Casal Lodeiro

Precisamente, esta asociación editará con este o seu segundo libro tras a "Guía para o descenso enerxético", cuxa primeira edición de mil exemplares esgotárase en apenas uns meses en 2014. Tamén se analizan na obra propostas políticas e sociais como o Decrecemento, o Ecofeminismo ou a chamada "Revolución Integral" ademais de debullar as posibles estratexias políticas da esquerda ante o contexto de colapso derivado das múltiples crises que conflúen no momento histórico actual, nomeadamente a crise enerxética produto do devalar do petróleo (o chamado "Peak Oil").

O libro complétase con anexos que inclúen o manifesto "Derradeira Chamada", que fora asinado o pasado ano por numerosos políticos de todo o estado (entre eles Xosé Manuel Beiras, Martiño Noriega, Yolanda Díaz, Lidia Senra, Antón Sánchez, Eva Solla, César Santiso e Ana Miranda) e que acadara unha notable repercusión, ademais dunha escolma de autores recomendados para profundizar sobre os temas do libro. En opinión da súa prologuista, Teresa Moure, o libro resulta "provocador", "didático" e "ameno" e procura facer "acordar as consciências dormidas" para abrir un debate urxentemente necesario.

A obra pode atoparse na web http://esquerda.colapso.info/ . A partir desde decembro está previsto o envío directo ás persoas que o adquiriren antecipadamente e mais ás librarías que o queiran distribuír.

Temas: ENERXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Casdeiro

Unha vez esgotada a 1ª edición, xa está en andamento un crowdfunding para facer unha 2ª: http://vkm.is/esquerdacolapso

1 Casdeiro

Grazas por vos facerdes eco do lanzamento. O libro aínda pode preencargarse a un prezo moi económico. A partir aprox. do 21 de decembro estará nas librarías que temos listadas en http://esquerda.colapso.info/doku.p... (que aínda se poden ampliar). Os contidos iranse liberando paulatinamente no devandito web.