Besteiro busca un pacto constitucional que reconcilie territorios e xeracións

En Marea avoga por rescatar a persoas, democracia e transformar a economía. Nós ve necesaria unha "ruptura a favor dunha democracia de calidade".

Por Galicia Confidencial | Compostela | 06/12/2015 | Actualizada ás 17:46

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, aproveitou a conmemoración dos actos da Constitución para apostar por un pacto constitucional que, dixo, reconcilie territorios e xeracións.

José Ramón Besteiro nunha rolda de prensa
José Ramón Besteiro nunha rolda de prensa | Fonte: psdeg-psoe.org

Trataríase de "non só de reconciliación de territorios, senón dunha reconciliación xeracional" cunha "reforma para unir", apuntou. "É moitísimo máis o que nos une, que o que nos separa". Por iso, criticou a "outros que adoptan certo postureo". 

"O texto constitucional pode unir aínda moitísimo máis a España polo que espero un verdadeiro pacto de estado", dixo. "Os problemas son novos, distintos aos de entón", asegurou, a diferencia do mantido por Feijóo. Por iso, dixo que que é importante "garantir a cohesión territorial de España e eses grandes dereitos, como a sanidade pública e o estado de benestar".

O líder dos socialistas galegos visitou este domingo a feira de Paiosaco, no municipio coruñés da Laracha, onde repartiu propaganda electoral do seu partido, xunto ao número dous pola Coruña ao Congreso, Ricardo García Mira, e comprou diversos produtos da terra como patacas, allos e un repolo.

"Estamos a nos atopar con moitísima xente, que é como nos gusta facer campaña, non como outros que se esconden nas súas sedes", asegurou ante os medios de comunicación en alusión a Feijóo e Rajoy.

Outra democracia "é posible"

Pola súa banda, o candidato número uno de En Marea pola Coruña, Antón Gómez Reino, participou hoxe nun mitin na lonxa de Ribeira, no que estivo acompañado polo número dous da candidatura, Yolanda Díaz, así como a eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGE), Lida Senra.

O candidato explicou que rescatar ás persoas significa "pór por diante os intereses da maioría social"; rescatar a democracia implica "abrir as institucións á xente e varrer a casa: botar fose a corrupción", mentres que transformar a economía é "poñela ao servizo do 99 por cento" dos cidadáns.

Yolanda Díaz defendeu que "outra alternativa" é posible ao poder establecido e sinalou que En Marea non chegou até aquí "para permitir" que os nenos pasen fame

O candidato ao Congreso pola Coruña por Nós-Candidatura Galega Carlos Callón avogou, en troques, pola "ruptura a favor dunha democracia de calidade que garanta os dereitos das persoas e das nacións".

Callón, xunto co portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, e varias decenas de persoas, participou no acto simbólico "Fronte á Constitución, dereito a decidir" que se desenvolveu na praia de Riazor da Coruña,

Alí, cunha serie de cartolinas azuis, formaron a mensaxe "Agora NÓS" co que pretenden simbolizar que a Constitución de 1978 está superada e reclaman a apertura dun novo proceso democrático que garanta os dereitos das maiorías sociais e os dereitos das nacións.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Animaleiro

Este o único pacto que busca é o que lle permita colocar ós seus amigachos e amigachas antes de que o procesen por curruto.