Investigadores galegos e ingleses constatan unha mellora na xestión pesqueira europea

A revista Nature destaca o traballo, no que participa a Universidade de Santiago, como unha das novas científicas máis relevantes da última semana.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 09/12/2015 | Actualizada ás 13:44

Comparte esta noticia

A xestión dos recursos mariños na Unión Europea mellorou de forma substancial durante os últimos quince anos debido a que o exceso das cotas de pesca aprobadas pola Comisión Europea respecto ás recomendacións científicas formuladas polo Consello Internacional para a Exploración do Mar (ICES) se reduciu do 33% en 2001 ao 7% en 2015. Así o constata unha nova publicación de investigadores galegos e ingleses da que se fai eco a prestixiosa revista Nature

O estudo, titulado Landing the blame: The influence of EU Member States on quota setting (Carpenter et al., Marine Policy 64, 9–15; 2016), no que participa o profesor e investigador da Universidade de Santiago (USC) Sebastian Villasante, demostra que este progreso repercutiu positivamente na crecente mellora da situación dos stocks comerciais, informa a USC.

O pesqueiro arrastreiro galego Piscator faenando no Atlántico Sur
O pesqueiro arrastreiro galego Piscator faenando no Atlántico Sur | Fonte: shipspotting.com carlosd2x

A investigación apunta tamén á necesidade dunha maior transparencia nas discusións anuais das cotas de pesca que habitualmente se realizan de forma secreta por parte do Consello Europeo en Bruxelas. 

Con todo, os investigadores salientan que se require unha maior transparencia para determinar o que fai e di nas negociacións a porta pechada e para mellorar as credenciais de sustentabilidade da pesca da UE e dos seus Estados membros.

A prestixiosa revista Nature sinala este traballo como unha das noticias científicas máis relevantes da última semana.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta