As universidades galegas terán un novo programa de captación de proxectos europeos de I+D+i

A nova ferramenta permitirá aumentar o posicionamento internacional das tres institucións académicas e o impacto das súas investigacións.

Por GC Emprende | Santiago | 10/12/2015 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

As tres universidades galegas contarán cun novo programa de posicionamento co que se pretende que o Sistema Universitario de Galicia (SUG) capte un maior número de proxectos europeos de I+D+i.

O conselleiro Román Rodríguez, con representantes das universidades galegas.
O conselleiro Román Rodríguez, con representantes das universidades galegas. | Fonte: Conchi Paz

A ferramenta, que será desenvolvida pola Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA) e as universidades do SUG, contará cun orzamento de máis de 200.000 euros aportados pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, para aumentar o posicionamento internacional das universidades galegas e así lograr un maior impacto dos seus proxectos de investigación.

Así llo confirmou aos representantes das tres institucións o conselleiro Román Rodríguez, quen explicou que os obxectivos son incrementar a taxa de éxito na consecución de proxectos europeos para grupos ou proxectos institucionais, que agora está nun promedio do 5%, acadar máis visibilidade e oportunidades no ámbito europeo para o SUG e para os seus grupos de investigación, lograr un incremento das colaboracións internacionais das universidades galegas, tanto no ámbito académico como co sector industrial, e conseguir unha mellora dos resultados de investigación: máis patentes, máis publicacións, máis promoción e divulgación e máis ingresos para a nosa I+D+i.

Áreas estratéxicas
O proceso terá como base a retroalimentación continua de información entre os técnicos de FEUGA e os grupos e agrupacións de investigación do SUG. Partirase dunha definición estratéxica das áreas temáticas que habería que priorizar, tendo en conta tamén a Estratexia de Especialización Intelixente (RIIS3 Galega), estruturándoas arredor de tres bloques temáticos: ‘Enerxía, Tecnoloxías de Información e Comunicación’, ‘Tecnoloxías de Fabricación, Procesos Industriais, Nanotecnoloxía e Materiais’, e ‘Medioambiente, Biotecnoloxía e Agroalimentación’.

A partires destas áreas, deseñaranse actividades de posicionamento e accións de lobbying e networking, que poderán estenderse, se así se considera oportuno, ao conxunto da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. O obxectivo é dar visibilidade aos proxectos galegos nas grandes agrupacións tecnolóxicas europeas, como JTIs (Bio-BasedIndustries) ou EIP (EuropeanInnovationPartneships).

Todo este proceso realizarase de forma coordinada cos Centros Tecnolóxicos de Galicia, coa Axencia Galega de Innovación (GAIN), e con Clusters e Empresas Galegas, co fin de despregar unha rede de intelixencia que detecte e explote oportunidades de crecemento e mellora para o SUG e, como consecuencia, para o conxunto de Galicia

Na presentación desta estratexia participaron, ademais do conselleiro, o director xeral de FEUGA, Javier F. Pereiro; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; a vicerreitora de Investigación e Innovación da USC, Isabel Rodríguez-Moldes Rey; o vicerreitor de Investigación e Transferencia da UDC, Ricardo Cao Abad; a vicerreitora de Investigación e Transferencia de UVigo, Mª Asunción Longo González; e a subdirectora de Promoción científica e tecnolóxica universitaria, Mª Jesús Tallón Nieto.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta