Di toda a verdade a Xunta coas axudas europeas?

Rueda e Feijóo anunciaron que Galicia percibiría máis de 100 millóns do POCTEP, cando o máximo ao que pode aspirar o Goberno galego é a 20 millóns.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 17/12/2015 | Actualizada ás 10:20

Comparte esta noticia

Os cifras das axudas de Bruxelas a Galicia non cadran, ou cando menos, os números dados polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o vicepresidente, Alfonso Rueda, este martes; máis de 100 millóns de euros.

Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda mantiveron hoxe unha reunión co presidente da Comissâo de Coordenaçâo e Desenvolvimento Regional do Norte (CCDRN), Emidio Gómes
Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda mantiveron hoxe unha reunión co presidente da Comissâo de Coordenaçâo e Desenvolvimento Regional do Norte (CCDRN), Emidio Gómes | Fonte: Conchi Paz, Xunta

Tras reunirse co titular da Comissâo de Coordenaçâo e Desenvolvimento Rexional do Norte (CCDRN), Emídio Gomes, a Xunta anunciou a posibilidade de que a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal supere, nunha nova convocatoria, a cifra de 100 millóns de euros obtida na pasada edición do programa de cooperación transfronteiriza POCTEP.

Sen embargo, e segundo informan a GC fontes coñecedoras dos fondos europeos, o valor total 2014-2020 do POCTEP para toda a eurorrexión é de 280 millóns de euros. Pero nunha primeira fase só se van liberar o 70% dos fondos, é dicir, 196 millóns de euros, que é aos que alude a Xunta.

Sen embargo, o conxunto destas axudas está moi dividido.  O 35% dos fondos son directamente xestionados polo Ministerio de Hacienda e de aí se pagan as partes dos proxectos dos concellos de toda a fronteira. Unha axuda que, polo tanto, non depende da Xunta.

O outro 35% vai para proxectos plurirexionais –os que impliquen a máis de dúas rexións--, por exemplo; Galicia, Castela e León, Alentejo, Algarve ou outras rexións. E o 30% restante é para os subprogramas; Galicia-Norte de Portugal, Norte de Portugal e Castela e León, Alentejo-Extremadura e Algarve-Andalucía. 

De todos estes proxectos, que son os que realmente xestiona a Xunta, o de Galicia-Norte de Portugal é o que máis leva, pero, segundo as fontes consultadas, non supera o 10% do total das axudas. Polo tanto, serían preto de 20 millóns de euros a repartir –nunha proporción de tres a un- entre a Xunta e a CCDRN.

Este anuncio, que chega en época electoral, é semellante ao que xa fixo o propio Feijóo o pasado 29 de outubro logo dun Consello da Xunta. Entón, o presidente galego era moito máis concreto e ambicioso do que o foi este martes. Así, anunciaba a posta en marcha da estratexia RIS3 transfronteiriza co obxectivo de captar 360 millóns para que, segundo dixo, “a Eurorrexión lidere a innovación no espazo atlántico”. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta