Remata un outono “atípico” e comeza o inverno coa visita do cometa Catalina

A estación que remata foi seca e calurosa na capital de Galicia, segundo o Observatorio Astronómico da Universidade de Santiago. O cometa Catalina poderá observarse a simple vista en xaneiro.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 21/12/2015 | Actualizada ás 11:15

Comparte esta noticia

O inverno comeza este martes día 22 ás 5.48 horas e prolongarase ata ás 5.31 horas do 20 de marzo. Remata así un outono que en Compostela foi “atípico meteoroloxicamente falando, cun mes de novembro excepcionalmente seco, só se recolleron 52,7 litros/m2” segundo explica o director do Observatorio Astronómico da Universidade de Santiago de Compostela, José Ángel Docobo. Igualmente destacables foron as temperaturas máximas da estación que remata, superiores aos 20 graos en 13 xornadas de outubro (cunha máxima de 24,5º o día 17) e sete xornadas de novembro (cunha máxima de 22,3º o día 7). Xa en decembro, o pasado mércores 16 a temperatura máxima en Santiago ascendeu a 20,4º, situación que non sucedía na segunda quincena de decembro dende 1987 (concretamente 20,1º o 19 de decembro daquel ano), engade José Ángel Docobo. 

Detalle do cometa Catalina.
Detalle do cometa Catalina. | Fonte: USC.

A posibilidade de observar o cometa Catalina nos vindeiros días a simple vista, ou en todo caso con prismáticos ou cun pequeno telescopio, será o evento astronómico máis salientable deste inverno, apunta Docobo, aínda que tamén destaca a conxunción dos planetas Venus e Saturno no amencer do 9 de xaneiro, informa a USC.

O cometa Catalina foi descuberto o 31 de outubro de 2013 polo Catalina Sky Survey. Describindo unha órbita hiperbólica arredor do Sol, pasou polo perihelio o pasado 15 de novembro. Como explica o director do Observatorio Astronómico, a distancia mínima coa Terra rexistrase o próximo 17 de xaneiro. Actualmente está saíndo da constelación de Virgo cara a de Bootes e aproximarase á estrela Arcturus o día de aninovo. Xa a mediados de xaneiro estará na Osa Maior xunto á estrela Mizar. 

O profesor Docobo tamén indicou que haberá oportunidade de tentar observar Mercurio a simple vista, tanto cara o 29 de decembro logo do solpor, como arredor do 7 de febreiro, ao amencer. Tamén son salientables as dúas conxuncións da Lúa e Xúpiter os días 28 de xaneiro e 23 de febreiro

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta