De cando tres veciños de Malpica recibiron a máxima condecoración do rei de Francia

En 1840 parte da tripulación do bergantín mercante artillado francés Le Solide foi salvada por homes da parroquia de Barizo.

Por Galicia Confidencial | Malpica | 20/12/2015 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Esta é unha desas historias que esconde a Costa da Morte e que sae á luz gracias ao recente traballo dos investigadores Francisco Amado Castro, Fernando Patricio Cortizo e Xosé Manuel Varela Varela. Corría o mes de xaneiro de 1840 cando o bergantín mercante artillado francés Le Solide (O Sólido, en galego) veu poñer fin aos seus días na enseada de Seiruga (Barizo, Malpica de Bergantiños).

Os investigadores, xunto co rexedor de Malpica, fronte o lugar do accidente
Os investigadores, xunto co rexedor de Malpica, fronte o lugar do accidente | Fonte: QPC

Son tempos (1840) nos que remata a I Guerra Carlista e nos que barcos franceses, e sobre todo ingleses, patrullan a costa galega axudando aos afíns ao bando nacional proisabelinos, para impedir a chegada por mar aos principais portos galegos de armamento, pertrechos e víveres destinados aos insurrectos ou carlistas. Esta pode ser unha máis que probable explicación do porque da presenza deste navío nas costas galegas e do secretismo e da pouca información relativa á súa dotación é ao propio barco na prensa da época.

Pouco mais se sabe do acontecido nese día do naufraxio, sobre todo porque este é un afundimento inédito que nunca ata agora se recollera en ningunha das múltiples publicacións dedicadas a esta temática.

Os investigadores Francisco Amado Castro (Francisco do Coral), Fernando Patricio Cortizo e Xosé Manuel Varela Varela, que se encontran pescudando naufraxios no litoral que abrangue desde a Pedra do Sal (Carballo) ata Punta Eiras, antes de chegar ao Roncudo, localizaron na prensa histórica este sorprendente naufraxio. Sorprente porque non deixou ningún rastro posterior malia a que tres veciños da parroquia de Barizo recibiron as máis altas distincións do Rei de Francia, Luís Felipe, e tamén pola importancia do cargamento que transportaba.

O rescate por parte dos nativos da parroquia conmoveu ás máis altas autoridades do Estado francés. En primeiro lugar, ao cónsul presente na cidade da Coruña, Vaibacous. Despois ao Ministro da Mariña, ao Ministro de Relacións Estranxeiras e ao Xefe de Política, así como ao propio rei Luís Felipe.

Zona na que tivo lugar o naufraxio de Le Solide en 1840
Zona na que tivo lugar o naufraxio de Le Solide en 1840 | Fonte: QPC

As primeiras comunicacións para o recoñecemento a estes tres heroes datan un ano despois do naufraxio, cando o Ministro da Mariña francesa manifesta que había que propoñerlle ao rei Luís Felipe que lles concedese a medalla: “La Corogne 2 de febrero de 1841. La generosa humanidad de que dió V. [refírese ao párroco Alonso Varela] pruebas desde el principio del año próximo pasado, hacia la desgraciada tripulación naufragada del bergantín mercante francés LE SOLIDE en su pérdida cerca de Malpica, no podían escapar al cuidadoso reconocimiento de mi gobierno. El señor Ministro de la Marina, a quien a su tiempo di cuenta de estos hechos, creyó conveniente ponerlo en conocimiento del rey, y S.M. se dignó con fecha de 27 de diciembre conceder a V. una medalla de oro en conmemoración de los servicios que prestó V. al pabellón francés”. Nela obsérvase como xusto cando remataba o ano no que se produciu o afundimento, o 27 de decembro de 1840, se acorda a concesión das medallas de ouro.

Recibida a condecoración na cidade herculina, o cónsul francés escríbelle o 5 de xuño de 1841 para que pasen a recoller a “medalla que se cita con una carta [que] obran en mi poder”. Ademais do metal dourado, o cónsul compracíase de “ser el intermediario de este testimonio público de la satisfacción del Rey, a cuya vista no se oculta ninguna acción generosa, y no pierde ocasión [o Rei] alguna en dar pruebas de benevolencia a los que como V. la han merecido”.

As medallas, personalizadas, levaban a seguinte inscrición polo reverso: “MINISTERE DE LA MARINE, A D. ALONSO DE VARELA, CURA DE S. PEDRO DE BARIZO. SECOURS ET HOSPITALITÈ GENEREUSE EUVERS DE MARINS FRANCAIS NAUFRAGES Por el busto LOUIS PHILIPE,PREMIER ROI DES FRANCAIS”.

Non existe precedente na Costa da Morte dunha distinción de tal calibre aos salvadores duns naúfragos ata este mesmo episodio.

Técnicas innovadoras para o rescate

Máis de tres anos despois, no verán de 1843, procedeuse a recuperar un importante cargamento conformado por material de artillería: “Cañones y otros efectos”. Para iso tiveron que empregar unha nova técnica de mergullo dado que o buque estaba “de cuatro a diez y seis piés de agua en la bajamar de mareas vivas y de catorce a veinte y ocho piés en la pleamar”.

Esta operación executouse por medio dun aparato hidráulico chamado Diving Machine que permite traballar por algunhas horas debaixo da auga: un vestido de tea, casco de cinc cunha mangueira condutora de aire que lle comunica unha triple bombae un tubiño para evacualo; os zapatos levan solas de chumbo; no peito outro peso colgado de máis de trinta libras para compensar o desprazamento que causa o traxe cheo de aire.

Canóns obuseiros

A pesar desta técnica innovadora, a extración da carga do pecio non estaba exenta de dificultades dado que durante uns dez días de traballo só sacaran do fondo e trouxeran á praia de Seiruga “cuatro cañones obuseros del calibre de a ochenta y tres, del de a veinte y cuatro y treinta que pesan cada uno más de setenta y cinco quintales”.

As pezas de artillaría eran moi valiosas de aí o seu grande interese pola súa recuperación. É moi probable que numerosas desas pezas estiveran forxadas en bronce. Sen dúbida os seus restos deberían estar soterrados no fondo de area da enseada, a cal pola súa tipoloxía se encargaría de contado de cubrir o seu casco pola acción do colmatado.

Outro Le Solide na Batalla de Rande 

Coma curiosidade dicir que na costa galega se coñece outro navío francés afundido co nome de Le Solide; foi unha das naves que formaban parte da escadra do almirante galo Chateau Renault e que escoltaba a Frota da Prata española. Ambas as dúas acabaron refuxiándose no interior da ría de Vigo, fronte a ameaza de ser capturado o importante cargamento que levaban a bordo polos seus inimigos ingleses e holandeses, que tras penetrar neste enclave, acabarían por afundir a este barco no mesmo estreito de Rande, pola súa potente artillaría na famosa Batalla naval de Rande, acontecida o 23 de outubro do 1702.

Do medio colaborador QPC

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta