Durante anos as partidas vándalas asolaron todo o que foron atopando ao seu paso, na Galia, na Península Ibérica e Norte de África. O acontecido, de forma correcta ou incorrecta, tal e como foi recollido nos textos históricos, deu lugar, no século XIX, a que a verba “vándalo” e as súas formas derivadas, como “vandalismo”, teña como significado unha destrución sen senso, a violencia polo gusto da violencia, actos irracionais contra o patrimonio e bens. O recordo das cidades fumeantes naquel violento século V permanece na memoria colectiva.
Entre o día de San Xoán e principios de agosto deste ano a cidade da Coruña viviu unha vaga de violencia inaudita en Galicia. Cada día ducias de contedores de lixo foron incendiados, chegando a ser destruídos, segundo os datos facilitados polo Concello, 160. Os danos no equipamento municipal, é dicir bens que pertencen a todos nos, ascende a máis de 400.000 euros. Pero esta cifra será moi superior si temos en conta o coste dos recursos públicos necesarios, sobre todo bombeiros e policía local e nacional, que foi necesario mobilizar para controlar os lumes e evitar males maiores. Non dispoñemos da monto dos cuantiosos danos causados en automóbiles particulares e edificios de vivendas. Aínda hoxe son moi visibles os restos calcinados dos contedores soterrados pendentes de reparación. Como pano de fondo aos actos criminais un suposto conflito sindical: na realidade a loita dunha banda por manter as súas cotas de poder, a loita duns capos por manter o control sobre os seus seguidores.
Moitos medios de comunicación falaron de actos de vandalismo. Un erro, un enorme erro. O vandalismo asociase a actos de violencia contra o patrimonio, público ou privado, realizados sen senso, violencia polo gusto pola violencia, como diciamos un pouco mais arriba. En Coruña, detrás da queima dos contedores, detrás da violencia hai uns intereses ben coñecidos. Detrás da queima dos camións de recollida do lixo, o último acto, ata o momento, desta particular “lixo borroka” atlántica, acontecido o pasado luns 2 de setembro, hai uns obxectivos moi claros, e uns responsables aos que non lle importa converter en fume e cinzas vehículos valorados en máis dun millón de euros.
O artigo 573 do vixente Código Penal sinala que terán a consideración de terrorismo unha serie de delitos graves, contra as persoas ou contra o patrimonio, cando se realicen para obter unha finalidade. E o mesmo artigo sinala estas finalidades: obrigar a un poder público a realizar un acto ou absterse de realizalo; alterar gravemente a paz pública ou provocar un estado de terror na poboación ou nunha parte dela.
O que está a acontecer en Coruña nestes meses, e que parece que non parará, é, sen dúbida algunha, terrorismo. Falar de vandalismo, como si o que estamos a vivier foran un simples actos aillados realizados por un par de descerebrados pasados de copas, é tentar banalizar a gravidade da situación.
Despois de 160 contedores queimados só catro persoas foron identificadas. Non parecen moitas, verdade?.
Na cidade da Coruña hai en activo máis de 700 policías: a Policía Local conta con arredor de 350 efectivo e a Policía Nacional cunha cantidade similar, ou mesmo superior, descontados dese número os axentes que forman parte de unidades especializadas con ámbito de actuación en toda a comunidade galega.
Temos razóns para preocuparnos E temos moitas preguntas que os responsables políticos deberían responder.
Que é o que esta a fallar en Coruña que explique que a policía non é capaz de garantir a seguridade da cidadanía?. Que é o que esta a fallar para que tal cantidade de actos violentos organizados queden impunes?.
Fágome algunhas preguntas, e seguro que non son o único: conta a Policía en Coruña con efectivos e medios materiais suficientes para realizar as funcións que ten encomendadas?. Vai resultar acaso que estamos a manter uns corpos policiais incapaces de facer o seu traballo, falta responsabilidade, falta dedicación?. Está a faltar determinación política por parte do Delegado do Goberno?, ou tal vez o máximo responsable da policía en Galicia carece dunhas mínimas competencias profesionais e é incapaz de tomar medidas ante unha situación tan grave?.
Cal é a razón correcta?: a primeira, a segunda, todas... Non vou dar opción a que se me diga ningunha, non me vou crer que alguén cun mínimo de profesionalidade se escude en supostas dificultades, de non sei que tipo, para non dar cos culpables
Non é vandalismo, debemos telo claro: estamos ante delitos cometidos por unha banda organizada, chamémoslle ás cousas polo seu nome: é terrorismo. Si os responsables políticos e policiais nomean ás cousas polo seu nome poderán poñer os medios para actuar da forma correcta.
Sen desmerecer o traballo que desenvolven os policías locais e nacionais en Coruña, arduo e demasiadas veces pouco recoñecido pola cidadanía, a situación creada esixe que se involucren departamentos como a Comisaria General de Información do Corpo Nacional de Policía e o Servizo de Información da Guardia Civil, as unidades especializadas na loita contra o terrorismo e a delincuencia organizada coas que conta o Estado.
Non actuar contundentemente de forma inmediata, non levar aos culpables ante os tribunais, deixar que os delitos queden impunes é unha sinal de convite aos responsables para que sigan coa súa tentativa de extorsionar ás institucións democráticas e secuestrar á cidadanía.
Que será o próximo ao que planten lume?.
Coruña ten un problema que hai que resolver xa. Ás cousas hai que chamalas polo seu nome e actuar en consecuencia.