Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/09/2024 | Actualizada ás 13:44
Un total de 40 asociacións --entre as que se atopan partidos políticos, sindicatos, asociacións civís e culturais-- presentaron firmas en apoio a unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) que reclama que a CRTVG "cumpra os fins" para os que foi creada e "garanta a obxectividade e neutralidade" dos contidos.
"Esta Iniciativa é un reflexo absoluto do pluralismo ideolóxico de Galicia. É a promoción e a defensa de Galicia, da súa lingua e da súa cultura", detallou a xornalista e portavoz da pluralidade de organizacións que impulsan a iniciativa, Tareixa Navaza.
Ás portas do Parlamento de Galicia e tras rexistrar a Iniciativa, explicou que a iniciativa, baixo o título 'Liberemos a Galega!', defende que se "fomente a produción propia" da canle pública galego. Outra das medidas que recolle pon o foco na programación infantil e xuvenil polo que piden a creación de canles temáticas. En canto á produción e edición dos informativos, criticou que "non pode pasarse" a unha subcontrata. "Ten que facela o personar brillante da CRTVG", asegurou.
"Os medios públicos non pertencen a ningún goberno, sexan cales sexan as súas siglas, só teñen un dono, que é a cidadanía deste país", esgrimiu.
NOMEAMENTO DO DIRECTOR XERAL
Tareixa Navaza tamén fixo referencia ao director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, que remarcou que é o "máis lonxevo desde que se creou a CRTVG". Por iso, propuxeron que o nomeamento do director xeral sexa a través de concurso público, unha aprobación por 3/5 partes do Parlamento de Galicia e cando termine o mandato "só pode exercer un ano máis".
Despois, continuou Navaza, piden que se forme unha comisión de tres expertos aprobada por 3/5 partes do Parlamento e tras iso nomearase o novo cargo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.