Radiografía de Galicia: máis de 1.000 aldeas cun só veciño, 900.000 hectáreas de matos e un 27 % de maiores de 65 anos

O profesor da USC Antonio Doval Adán asegura que "a situación é dramática" e advirte de que, se non se poñen en marcha políticas para revertela, o rural galego quedará completamente despoboado nuns anos: "En poucos anos atoparémonos cun volume de aldeas abandonadas que rondará as dúas cifras de milleiros, pois máis de 12.370 que teñen menos de 10 veciños".

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 18/09/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O despoboamento é unha realidade que ano tras ano se fai máis plausible no medio rural galego. Abonda con pensar na situación dos nosos achegados: a cantas persoas coñecemos que nacendo nunha aldea se tiveron que mudar á cidade por X ou Y circunstancia? Poida que nós mesmos tamén nos vísemos ou nos vexamos obrigados a facelo. Falta de transporte, falta de infraestruturas de comunicación, falta de oficinas bancarias, falta de oferta de ocio, falta de conservación de estradas e mesmo falta de veciños cos que interactuar. Ao final, a concentración poboacional nas grandes cidades é para moitos máis unha obriga que unha decisión persoal. Hoxe, dende o Galicia Confidencial, reflexionamos co profesor da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Antonio Doval Adán sobre a realidade actual do territorio galego e a necesidade de apostar dende o plano político por un rural forte para que milleiros de persoas que nunca quixeron irse da súa aldea ou da súa vila, poidan volver, cando conten cos servizos adecuados para vivir dignamente.

Un ancián no rural galego
Un ancián no rural galego | Fonte: Carlos Castro - Arquivo

Como afirma o profesor Doval, o primeiro que hai que ter claro é que "o despoboamento é unha consecuencia directa do proceso migratorio que, durante moitos anos, afectou a Galicia". En concreto, dende o século XVIII ata a actualidade, Galicia tería perdido ao redor de 1.907.000 persoas, o equivalente a máis da metade da súa poboación actual. O profesor apunta a que "no século XVIII temos constancia de que uns 80.000 galegos marcharon para Portugal; entre 1860 e 1935 foron máis de 1.240.000 os que marcharon para terras americanas; e, entre 1941 e 1986, marcharon 587.000 persoas cara diversos países europeos e cara cidades da península que contaban con maior actividade industrial". Así as cousas, moitas desas 1.907.000 persoas nunca máis volveron a Galicia e, as que si regresaron, "son precisamente as que corresponden a ese último fluxo migratorio que se rexistrou dende 1940 ata a actualidade". O problema? Que aínda que os retornados serven para que os datos de poboación rexistren un crecemento anual positivo, "veñen engrosar aínda máis a porcentaxe de persoas envellecidas que hai no rural e no conxunto de Galicia", advirte Doval.

Nestes momentos, como indica o profesor da USC, no conxunto da comunidade a poboación con máis de 60 anos xa supera o 33 %, mentres que a que ten máis de 65 anos está ao redor do 27 %. Con todo, "hai numerosos concellos do rural onde nos atopamos con que ao redor do 50 ou do 60 % da poboación ten máis de 65 anos". Con estas cifras sobre o papel, non se pode negar que "a situación é dramática". E é que aínda que haxa xubilados que agora retornen ás súas vilas natais, "como consecuencia do proceso migratorio o rural quedou sen persoas produtivas, sen mozos, xa que a maioría dos que emigraron no seu momento fixérono con entre 20 e 30 ou 40 anos". Moitos deles nunca volveron nin volverán, pero, os que si están retornando, "son persoas xa xubiladas que veñen a incrementar os custes sociais (pois precisan de maiores servizos médicos que os mozos) e a nutrir ese volume que xa temos de persoas envellecidas".

A TASA DE MORTALIDADE DUPLICA Á DE NATALIDADE E OS RETORNADOS XA NON SON SUFICIENTES PARA COMPENSAR O DÉFICIT DE NACEMENTOS

Innegablemente, o envellecemento poboacional tamén está relacionado coa falta de natalidade, que tamén atravesa momentos dramáticos. Como indica Doval, nestes momentos a tasa de natalidade en Galicia está por debaixo de 5,4 novos nacementos por cada 1.000 persoas, mentres que a tasa de mortalidade duplica á de natalidade: 12,1 mortes por cada 1.000 persoas. "Se collemos o último dato que temos dispoñible, o pasado ano 2023 naceron 14.787 persoas, pero morreron 32.853 (máis do dobre), o que evidencia esa tendencia a un crecemento vexetativo natural negativo, tendencia que é constante practicamente dende o ano 1986, cando o número de defuncións comezou a superar por primeira vez ao número de nacementos, e cada vez vaino facendo en maior medida", advirte o profesor. A realidade é que, a día de hoxe, Galicia ten un déficit de aproximadamente unhas 18.000 persoas ao ano.

Unha aldea abandonada de Viveiro a punto de ser vendida por un portal que vende ao estranxeiro
Unha aldea abandonada de Viveiro a punto de ser vendida por un portal que vende ao estranxeiro | Fonte: XdM - Arquivo

Se ben, "ao analizar o saldo migratorio, este resulta positivo todos os anos, rondando as 14.000 ou 15.000 persoas, o que vai compensando o déficit que temos de crecemento natural". Con todo, a cousa xa está tan mal que, "aínda con eses migrantes retornados, seguimos rexistrando un déficit dunhas 3.000 ou 3.500 persoas cada ano". É dicir, estamos nun punto no que nin tan sequera a chegada de migrantes compensa a gran caída da natalidade en Galicia e o grande aumento da mortalidade. Cal é a consecuencia directa? O abandono das aldeas: a xente nova marcha para a cidade na procura de mellores condicións de vida e máis servizos, mentres a xente maior que se queda vai morrendo sen descendentes que continúen vivindo nas súas propiedades.

MÁIS DE 12.370 ALDEAS GALEGAS TEÑEN MENOS DE DEZ VECIÑOS E HAI CONCELLOS ONDE O 60 % DA SÚA POBOACIÓN TEN MÁIS DE 65 ANOS

Respecto ao abandono das aldeas, Doval asegura que "estamos chegando a un momento crítico". E é que, como apunta, nestes momentos o número de aldeas despoboadas achégase xa as 2.000. A estas habería que engadir unhas 1.090 que teñen un único veciño; e máis de 12.370 que teñen menos de 10 veciños. Que significa isto? "Que en poucos anos atoparémonos cun volume de aldeas abandonadas que rondará as dúas cifras de milleiros", vaticina o profesor da USC, que asegura que "este abandono das aldeas mesmo podería chegar a afectar a concellos enteiros". E é que, nestes momentos, como expón, xa son 11 os concellos galegos que teñen menos de 600 habitantes, e hai aproximadamente uns 33 que teñen menos de 1.000. Ademais, tamén fai un chamamento a ter en conta que "en moitos destes concellos a estrutura demográfica está tremendamente envellecida".

En concreto, afirma que "hai concellos nos que entre o 50 e o 60 % da súa poboación ten máis de 65 anos", o que fai inevitable que "en 15 anos haxa algúns deles que queden sen habitantes". E esta realidade non é exclusiva de Galicia, aínda que si sexa unha das comunidades máis afectadas polo despoboamento. A nivel estatal, Doval apunta a que "no conxunto de España hai uns 8.131 concellos ou municipios, dos que máis de 4.000 teñen menos de 500 habitantes". Isto supón que "o risco real de despoboamento está a afectar ao 50 % dos concellos de España, entre os que se atopan eses 33 galegos con menos de 1.000 veciños e, especialmente, os 11 que teñen menos de 600". A maior parte dos mesmos, como non é de estrañar, atópanse nas provincias de Ourense e Lugo.

VOLVENDO A POÑER EN FUNCIONAMENTO AS TERRAS DE CULTIVO ABANDONADAS PODERÍAN APORTAR AO PIB GALEGO UNS 400 MILLÓNS DE EUROS

A pregunta é: está a afectar este despoboamento á economía galega? A resposta é evidente: si. Pero, como? Doval asegura que "unha consecuencia directa do abandono das aldeas é tamén o abandono das terras". Tanto é así que indica que nos últimos 30 anos se perderon máis de 150.000 hectáreas produtivas, é dicir, un 20 % da superficie útil. Ademais, hai máis de 900.000 hectáreas adicadas a matogueiras, mentres que hai algunhas explotacións activas que precisan terras. A estas circunstancias habería que sumar outro factor adicional: "Son máis de 700.000 as hectáreas que están xestionadas por unhas 2.800 comunidades de montes, con moitas desas mancomunidades paralizadas e sen xuntas directivas que as movan".

Así as cousas, a realidade é que unha cuarta parte do territorio galego, o 25 % de toda a comunidade, se atopa "mal xestionado e desaproveitado", incide o profesor, que destaca que "son terras que poderían reportar beneficios económicos se se puxeran en marcha, dinamizando tamén a situación económica dos seus concellos". Segundo algúns estudos, como apunta Doval, "volvendo a poñer en funcionamento as terras de cultivo abandonadas nestes momentos, que representan xa case o 20 % das existentes, estas poderían chegar a aportar ao redor duns 400 millóns de euros ao PIB de Galicia".

O 41 % DOS CONCELLOS GALEGOS TEÑEN MENOS DE 2.000 HABITANTES E MALAMENTE PODEN SUBSISTIR, ENDEUDADOS E FUNCIONANDO A BASE DE SUBVENCIÓNS

Deste xeito, polo de agora, aínda que en Galicia hai 313 concellos, "a meirande parte deles, ao redor do 41 %, teñen menos de 2.000 habitantes e, polo tanto, trátase de concellos moi pequenos que malamente poden subsistir e que carecen de cartos para poder pagar ao seu persoal (alcalde e dous concelleiros, en moitos casos) nin investir en conservación de infraestruturas ou mantemento das mesmas, nin tampouco do seu patrimonio, porque non teñen fondos absolutamente para nada", lamenta Doval. O profesor asegura que, a día de hoxe, "estes concellos están funcionando a base de axudas e subvencións puntuais que reciben para poder facer cousas básicas, fondos que lles chegan das deputacións correspondentes e da Xunta, na súa maioría". "A situación que temos entre as mans é dramática: temos unha estrutura conformada por 313 concellos pero, agás aqueles que son máis competitivos e contan con máis de 5.000 habitantes, os demais atópanse totalmente endeudados, asfixiados e son economicamente inviables, o que dificulta seriamente a recuperación do medio rural", conclúe Doval.

Vellos sentados nunha parada de autobús
Vellos sentados nunha parada de autobús | Fonte: Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 5 comentarios

3 Gamela

Efectivamente os datos son malos e cada ano que pase sen facer nada serán peores... Hai moita vivenda abandoada que pode dar vida a migrantes e xoves que quixeran repoboar Galicia... Pero se os nosos políticos están ocupados en pillar cacho e sentar no poder para regalarnos unha bicicleta como solución... supoño que estes e outros estudos serán profecías autocumpridas que levaremos aos altares da Historia dos Idiotas ! Pero aínda poderíamos facer algo se quixeramos mover o cú... https://gamela00.blogspot.com/2020/... Veña que só quedan 15 anos antes de morrer de vellos !

1 Xandocan

Non hai nada que facer mentres goberne o partido podre, NADA. Interésalles unhas vilas apretadiñas desde as que teledirixir o inmenso baleiro, ofrecido como ganga ao extractivismo mineiro, enerxético, silvícola e turístico depredador. Fan negocio, enchen os seus petos, perpetúan o poder e arranxan o futuro de Galicia como país diferenciado: extinción.

2 Gamela

Sinceiramente pensas que algo vai cambiar cunha Xunta Bipartita ? Poñamos que en 3 anos os resultados son BNG 30 + PSOE 10 = 40 Maioría Absoluta E ao día seguinte volveríamos ver a pelexa polo reparto dos cargos e volta a burra ao trigo ? Se levan 4 anos sen facer caso do rural nin do despoboamento pensas que vanse poñer a traballar así por que sí...? De momento a cousa non pinta ben

2 Moine

Viva o PP! Vivam os votantes do PP! Galeg@s a emigrar. Netos que nom tenhem avós; avós que nom tenhem netos. A morrer sozinhos com o cam.

1 Ferroviario

O problema ten moi mala solución. Hoxe no rural prácticamente todo o mundo ten coche, así que o transporte non é o problema. Por moito que non lles guste a algúns, a única solución real é a inmigración. A poboación de Galicia, envellecida e con poucos fillos, non é quen de revertir a situación.