Temas: PESCA CERCO

A Xunta valora como positiva a reunión cos representantes do cerco

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, di que “hai un achegamento claro” para acadar un posicionamento común de Galicia sobre o reparto da cota pesqueira. Mentres, as mulleres do cerco envían un SOS aos alcaldes galegos. Vídeo no interior.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 23/12/2015 | Actualizada ás 12:21

Comparte esta noticia

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, valorou positivamente a reunión con representantes das diferentes agrupacións de toda a frota galega do cerco para acadar un acordo sobre o reparto de cota. A titular de pesca destacou tras a xuntanza que mantida este martes que se produciu un cambio de vontade das partes e que “hai un achegamento claro” para acadar un posicionamento común de Galicia que poida dar lugar a un incremento mínimo para aqueles barcos que non dispoñen de cota sempre que sexa refrendado polo Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente.

Reunión entre a conselleira Rosa Quintana e representantes das diferentes agrupacións da frota galega do cerco
Reunión entre a conselleira Rosa Quintana e representantes das diferentes agrupacións da frota galega do cerco | Fonte: Conchi Paz.

Segundo a propia conselleira, a Xunta volveu poñer enriba da mesa ao sector unha proposta de reparto de cota “que xa fora presentada hai dous anos e que naquel momento non foi admitida polos representantes do sector”.

O obxectivo desta proposta, especificou, é resolver a situación daqueles barcos que non teñan posibilidades de pesca ao carecer de dereitos históricos como consecuencia, por exemplo, de levar certo tempo amarrados. O que se pretende é “que cada barco teña un mínimo de posibilidades de pesca aplicado ás porcentaxes de criterio de reparto do que se acade cada ano nos Consellos de Ministros de Pesca da Unión Europea”, detallou a titular de Mar.

A conselleira tamén explicou que o positivo desta xuntanza “é que están todas as partes que representan aos diferentes armadores do cerco, que falaron e que achegaron posturas”. Nesta reunión, a conselleira do Mar estivo acompañada polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Juan Maneiro, e a ela asistiron representantes da Asociación de armadores do cerco de Galicia (Acerga), de Cerqueiros Galegos, da Federación Galega de Confrarías, da Cooperativa de Armadores de Ribeira, da Organización de Produtores Pesqueiros OPP 07 Lugo e da Cooperativa de armadores de pesca do Porto de Vigo, ARVI.

SOS aos alcaldes

Tras 62 días de acampada en San Caetano, a mulleres do cerco convocaron aos alcaldes da costa para pedirlles axuda urxente para este sector. Os rexedores de Compostela, Muxía, Pontedeume, Cambados, Cariño, Fisterra, Camariñas e de Noia acudiron a súa chamada para expresarlles o seu apoio. Vídeo de Pilar Aymara.

Temas: PESCA CERCO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta