Galicia terá as axudas "máis ambiciosas" contra a enfermidade hemorráxica epizoótica

Galicia recibirá 2,8 millóns de euros do Estado para loitar contra a EHE. En total, serán 5,6 millóns en axudas directas coa achega de Medio Rural.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/09/2024 | Actualizada ás 20:57

Comparte esta noticia

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, destaca que Galicia contará coas axudas "máis ambiciosas" para combater a enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE). Este martes, a conselleira participou de forma telemática na Conferencia Sectorial de Agricultura, presidida polo ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), Luís Planas, na que se concretou que Galicia recibirá 2,8 millóns de euros do Estado para loitar contra a EHE.

A conselleira agradeceu a achega das organizacións agrarias UU.AA. e Asaga para deseñar esta liña de apoios. En total, serán 5,6 millóns en axudas directas coa achega de Medio Rural. O Goberno galego ten previsto publicar, tras finalizar o período de circulación do vector, que se estima que baixe a súa incidencia a mediados de novembro, a resolución de axudas directas, para que opten á achega todas as explotacións afectadas este ano. Busca reducir ao máximo a posible carga burocrática dos gandeiros.

As cantidades a percibir por animal falecido van dos 400 euros por bovino menor de catro meses ata os 1.600 para aqueles de idade maior ou igual a 18 meses. Implica duplicar a contía que recibían os gandeiros por este mesmo concepto ata agora. En contraposición, o Sindicato Labrego Galego (SLG) alertou de "significativas deficiencias" na convocatoria de axudas aprobadas polo Consello da Xunta o pasado luns. Entre outras cuestións, avisa de que as contías están vinculadas ao número de cabezas no censo, non aos animais enfermos, "discriminando ás granxas máis afectadas". Por iso, a secetaria xeral do SLG, Isabel Vilalba, enviou un escrito ao director xeral de Gandaría, José Balseiros.

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez | Fonte: XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta