Por Galicia Confidencial | Carballo | 04/10/2024 | Actualizada ás 09:30
O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo presentou á prensa o novo espectáculo de Paula Carballeira e a súa compañía Berrobambán: 'Mulleres que viven soas' #MQVS’.
A estrea absoluta da obra terá lugar este sábado, 5 de outubro, ás 20.00h, no Pazo da Cultura de Carballo, como apertura do Programa de Sala desta 33ª edición do FIOT.
PAULA CARBALLEIRA, AUTORA BEN RECIBIDA SEMPRE NO FIOT
Berrobambán, unha das compañías máis consolidadas do panorama galego, chega a este FIOT 2024 cunha estrea absoluta na que se integran dous dos eixos constantes do festival de Carballo: a narración oral e a temática feminina. A autora da obra, Paula Carballeira, unha "xograresa de Outono do FIOT" moi recoñecida no país pero tamén fóra del, máis aínda despois de acadar o Premio Nacional de Literatura Dramática.
A OBRA: 'MULLERES QUE VIVEN SOAS'
As mulleres que viven soas sempre foron sospeitosas. Tres mulleres son as protagonistas, as tres bruxas de Macbeth na peza de Shakespeare. Tres bruxas que encarnan os males deste mundo e que nos serven de referencia para rirnos da diferenza entre como nos ven (ou nos contan) e como nos sentimos nós dentro das nosas casas. Xa se sabe, as bruxas, coa súa teima de liberdade e de coñecemento, asustan.
A orixe deste proxecto é unha sesión de contos de Paula Carballeira que, posteriormente, medraría cunha serie de podcast que recollen experiencias e retratos íntimos de mulleres. Relatos que se converten nunha comedia híbrida entre o teatro documental, a standup comedy e o teatro isabelino interpretado por tres das máis grandes narradoras do país: Paula Carballeira, María da Pontragha e Vero Rilo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.