Por Galicia Confidencial | A Coruña | 12/01/2016 | Actualizada ás 19:45
Os mariñeiros do cerco seguen sen estar convencidos co acordo ao que chegou a Asociación de Armadores do Cerco de Galicia (Acerga) coa Consellería do Mar. Por iso, decidiron pecharse nos concellos da Coruña, Porto do Son e Bueu como medida de protesta para reclamar unha "repartición xusta de cotas de pesca". Unha acción que conta co apoio das redeiras e dos propios concellos.
Preto de dous centenares de mariñeiros decidiron pecharse na sede principal do Concello da Coruña. Alí estarán encerrados, como mínimo, até o xoves, cando está prevista unha reunión en Madrid, e esperarán a "ter noticias" dos que vaian a este encontro. Estes días durmirán en sacos de durmir.
A súa será unha toma pacífica dos concellos porque xa se comprometeron a "que non haxa altercados". Contan co respaldo dos consistorios. O da Coruña entende que a sua protesta é “xusta” e mesmo foron recibidos polo alcalde, Xulio Ferreiro, que lles facilitou estufas “para que non pasen frío”.
Marcos Alfeirán, que é patrón e pertence á directiva de Acerga criticou o acordo acadado con Pesca. “É verdade que hai un pequeno avance, pero non estamos contentos porque non é igualitario, non iguala a cousa. Simplemente os barcos que non tiñamos nada, agora teñen un mínimo que afecta a dez ou quince barcos, pero o problema é o mesmo de sempre, hai quen ten moito e quen non ten nada", apuntou.
O que reclaman é "que as cotas volvan ser do Estado e que haxa un plan de xestión para o Cantábrico Noroeste no que todos os barcos sexan iguais", pois agora a repartición europea faise por comunidades e algunhas teñen moitas menos embarcacións que Galicia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.