A terapia con cabalos mellora a socialización dos autistas

A investigadora Sonia Bouzo, da Universidade de Vigo, vén de demostrar na súa tese que o contacto con estes équidos proporcionan melloras físicas e psicolóxicas.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 14/01/2016 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Moito se tiña falado dos beneficios terapéuticos que produce a compaña de animais como os cans para persoas con autismo, pero agora, un estudo da Universidade de Vigo demostra como os cabalos tamén axudan á socialización destas persoas. A investigadora Sonia Bouzo vén de demostrar na súa tese de doutoramento que estes équidos permiten mellorar a coordinación e o equilibrio, ao tempo que contribúen á normalización do ton muscular, pero tamén axudan a mellorar a comunicación e as capacidades de atención e socialización.

Sesión de hipoterapia activa
Sesión de hipoterapia activa | Fonte: DUVI.

Bouzo mostra no seu traballo que son múltiples os beneficios, tanto no plano físico coma no psicolóxico, que as persoas con autismo poden atopar naquelas terapias que teñen nos cabalos a súa base. Fíxoo cun estudo de caso que realizou cun grupo de cinco nenos a adolescentes diagnosticados de Trastorno do Espectro Autista (TEA), que antes de iniciar a terapia nunca montaran a cabalo, o que permitiu a esta investigadora comprobar os “moitos beneficios inmediatos” que a equinoterapia supón tanto para o seu desenvolvemento psicomotor, como emocional e comunicativo. 

Realizada coa profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Margarita Pino como directora, a tese titulouse 'Os beneficios da hipoterapia e a equitación terapéutica con persoas autistas. Un estudo de caso recolle e avalía os resultados da terapia levada a cabo durante nove meses con cinco nenos e mozos con autismo nas instalacións do Club Hípico Vilamarín (Ourense)'. “Trátase dun estudo descritivo e de corte cualitativo, no que as técnicas de rexistro foron a observación, un cuestionario e un diario de campo”, explica Bouzo no diario da Universidade de Vigo. Ao longo deste período, a investigadora foi estudando a evolución destas cinco persoas, que acudían a unha sesión semanal e coas que, “segundo o grao de autonomía que ían adquirindo, íamos cambiando o tipo de terapia”. 

A intervención realizada abrangueu o uso de diferentes técnicas dentro da chamada equinoterapia, termo que agrupa os diferentes tratamentos baseados no uso do cabalo, como a monta terapéutica, a equitación adaptada ou a hipoterapia, “unha área de intervención que utiliza o cabalo dentro dunha abordaxe interdisciplinar, tanto nos planos da saúde e o deporte, como na busca do benestar físico, psíquico e social das persoas con necesidades educativas especiais”, como explica Bouzo. Trátase, pois, dun tratamento que vai máis aló de montar a cabalo e que esta investigadora levou a cabo cun equipo interdisciplinar, xunto a monitores de equitación e unha fisioterapeuta, coa idea de determinar “a eficacia e eficiencia dun programa de intervención educativa con nenos e adolescentes que sofren autismo”, informa Eduardo Muñiz no DUVI.

Beneficios

“A conclusión máis evidente do estudo”, salienta Bouzo, é que se trata dunha “terapia que reporta moitos beneficios inmediatos para calquera persoa”. A este respecto, a investigadora destaca que os cinco participantes neste estudo experimentaron, tras 32 sesións, unha mellora do seu equilibrio e fortaleceron a súa musculatura, ao tempo que viron reducidas as estereotipias, a repetición dun movemento de maneira automática e inconsciente.

Un dos exercicios de hipoterapia pasiva, que se realizan en pista cuberta
Un dos exercicios de hipoterapia pasiva, que se realizan en pista cuberta | Fonte: DUVI.

Bouzo sinala que “os exercicios a lombos do cabalo proporcionan un alto grao de relaxación muscular, favorecendo a flexibilidade e mellorando o estado físico en xeral”, ao tempo que contribúen “á normalización do deficitario ton muscular, a mellora da coordinación, reflexos e planificación motora, así como a reducir os patróns de movementos anormais e mellorar o equilibrio”.

Terapia integral

Máis aló das melloras musculares, “este estudo demostrou que o contacto co cabalo proporciona múltiples sensacións que inflúen positivamente na comunicación social dos pacientes con TEA, demostrando que a hipoterapia pode ser considerada como unha terapia integral, que tamén achega beneficios na área psicolóxica”. Neste punto, a investigadora salienta a súa contribución ao desenvolvemento emocional e comunicativo, xa que “favorece a mellora da autoestima, o autocontrol das emocións e o desenvolvemento de sentimentos de normalidade e autoconfianza”, ao tempo que incrementa as habilidades comunicativas, tanto verbais como xestuais.

Bouzo sinala que a terapia realizada permitiu acadar aos participantes “melloras visibles na súa capacidade de proximidade con outros suxeitos da súa idade”. De feito, ao principio da terapia resultaba difícil que estes nenos e adolescentes “mantiveran un contacto visual cos profesionais que traballaban con eles, pero a medida que avanzaba o programa todos eles melloraron a súa atención e comprensión das indicacións dos terapeutas, e participaron con interese na maioría das actividades”. Nese senso, a investigadora salienta como “especialmente significativa” a mellora experimentada no tocante “á intención de compartir a súa experiencia”, así como os “lazos de amizade creados cos seus compañeiros e instrutores”. Ademais, Bouzo pon de relevo tamén a contribución deste tratamento á mellora das “capacidades de atención e memorización”, así como ao aumento do vocabulario.

Un complemento a outras terapias

Por todos estes motivos, Bouzo lamenta que a pesares de que “os beneficios da equinoterapia veñen sendo estudados desde a antigüidade”, esta non sexa unha técnica moi difundida. Nese senso, admite que “ao igual resto das terapias asistidas con animais, non pode ser substitutiva das terapias convencionais”, pero si é como un “complemento eficaz destas”. De feito, a investigación realizada demostrou “que os beneficios que achegan os animais incrementan os resultados doutro tipo de tratamentos”, motivo polo que na súa tese propón a súa inclusión como tratamento complementario en pacientes de TEA.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta