Por Moncho Mariño | Santiago | 26/10/2024 | Actualizada ás 15:30
O salario non garante a seguridade económica. Iso é o que se desprende do documento Trabajar para ser pobres: la situación de las personas ocupadas que viven por debajo del umbral de la pobreza de EAPN (Red Europea de Lucha contra la Pobreza y la Exclusión Social en el Estado Español). Á parte, a situación en que quedaron moitas persoas traballadoras logo das crises de 2008 e da COVID cronificou en certo sentido a aparición de xente asalariada cuxos ingresos “non lle dan para vivir”. Ademais, coa suba nos alimentos e outros elementos básicos para unha vida digna, os salarios medios non cobren todas as necesidades de moitas familias con ingresos mensuais. Mesmo hai situacións en que o salario non salva da situación de pobreza (en 2022 o 33% dos pobres en España tiñan salario mensual). Esta situación afecta máis a mulleres que homes, sobre todo mulleres migrantes, tamén xente nova migrante e persoas con estudos superiores con salarios que non reflicten en absoluto o grao de formación esixida para entrar no seu nicho laboral.
CRISES E POBREZA
Unha das leccións que quixo aprendernos a crise de 2008 e logo a da COVID foi que un salario xa non garante estabilidade. Así, segundo o informe de EAPN relacionado coa taxa de pobreza entre persoas asalariadas, o número de pobres con soldo a fin de mes aumentou proporcionalmente máis que entre as persoas sen emprego. Isto ocorreu na década de 2010 e despois coa chegada da COVID.
Actualmente, a taxa de pobres entre a poboación ocupada no Estado é do 12,5%, superando nun 1,5% a media rexistrada durante os últimos quince anos, un 11%. Aínda así, a taxa de pobreza española está en sexto lugar entre os países da UE, superando en case catro puntos a porcentaxe media no espazo da Unión. Os países con taxas superiores son Bulgaria, Estonia, Letonia, Rumanía e Lituania.
“Ás persoas que entraron a traballar entre 2008 e 2013 vailles custar moito conseguir melloras laborais” di Francisco González Sio, da CIG. O mesmo sucederá coas persoas que foron contratadas entre o 2020 e o 2022 os anos da pandemia, pois segundo avanzan as fontes sindicais consultadas, moi probablemente en dous anos se deixen sentir os efectos da crise-COVID en persoas empregadas, as condicións salariais minguarán con respecto ao custe da vida e as ratios de pobreza subirán entre os e as asalariadas.
PERSOAS AFECTADAS
Non se pode falar dun perfil específico de persoa afectada pola pobreza entre xente ocupada. A persoa traballadora pobre ten uns ingresos inferiores ao 60% da media da renda nacional. Durante a crise de 2008 a taxa de pobreza entre ocupados e ocupadas superou o 14% en 2015, 2016 e 2017 baixando ao 13,2% en 2018. En 2021 a porcentaxe subiu até o 14,3%, unha décima máis que en 2016. Estas porcentaxes son moi elevadas en comparación coas subas experimentadas entre a poboación sen emprego.
A día de hoxe, explica González Sio, un salario de 1.400 euros non é abondo para ter unha vida digna, pois aproximadamente uns 600 euros van para a cesta da compra cada mes. Logo súmanselle as facturas mensuais e bimensuais. Os lugares onde existen índices moi altos no caso galego é nas provincias de Lugo e Ourense. O traballo ligado ao sector privado é pouco produtivo, cousa que acontece no sector primario, sobre todo. Porén, o traballador urbano é dos máis afectados, sobre todo se traballa no sector servizos e máis concretamente en hostalaría, ocio e turismo. Dentro destes nichos laborais “abúsase moito do traballo fixo discontinuo”.
Por outra parte, existe un número amplo de persoas adultas con titulación superior que non encontran traballo dentro do seu. Isto empúrraos a formárense en ciclos superiores de FP que lles permitan unha entrada no mercado laboral. En 2022 a porcentaxe de pobres ocupados con titulación superior era dun 6,7%.
Ademais, existen sectores como as pequenas empresas atomizadas onde os salarios están conxelados desde hai tempo. A suba dos mesmos vai ligada á suba do SMI no sector, por tanto pode haber períodos onde transcorran anos sen subas salariais. Logo están os contratos a tempo parcial, o traballo informal (economía somerxida) onde non hai ningunha seguridade.
A pobreza entre persoas asalariadas está afectando a sectores vulnerables da poboación e tamén a sectores con preparación para determinadas áreas laborais. As raíces desta situación estarían na suba constante do custo da vida, na precariedade laboral e na escasa demanda de determinados empregos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.