Peres: “Causa Galiza traballou políticamente, quen debe explicarse é Interior”

Joam Peres é un dos imputados na "Operación Jaro", na que a Policía detivo a directiva de Causa Galiza por presuntamente enaltecer o terrorismo. Este domingo 50 organizacións convocan unha manifestación "polos dereitos civís de todos". Os apoios, e ausencias, nesa marcha e o papel dos medios de comunicación tras as detencións son algúns dos temas desta entrevista.

Por M.V. | Santiago de Compostela | 19/01/2016 | Actualizada ás 15:30

Comparte esta noticia

Tras a Operación Jaro toda a directiva de Causa Galiza foi detida e a organización deixou de funcionar por orde da Audiencia Nacional. De feito, a súa web segue caída. Cal é a situación legal de Causa Galiza neste intre?

Joam Peres, de Causa Galiza
Joam Peres, de Causa Galiza

Tecnicamente, a nosa situación legal é de “suspensión de actividades durante dous anos”. Isto na prática é unha ilegalización: non podemos reunirnos, organizar actividades políticas, manter relacións con outros axentes ou, por exemplo, convocar o Dia da Pátria, como fixemos ininterrompidamente desde 2007. Facelo motivaría novas detencións e procesos. Trátase dun feito inaudito porque, desde 1936, en que o fascismo ilegaliza o Partido Galeguista, esta é a primeira ilegalización que coñecemos e denota o nivel de degradación en que está mergullado o rexime español de 1978. Como daquela, pretenden cortar a herba de raiz para que nada medre e imposibilitar, tamén por vía policial, o avanzo do independentismo organizado na Galiza.

Como prevén que evolucionará a situación?

Somos plenamente conscientes de que estamos mergullados e mergulladas nun proceso político e, portanto, o seu desenvolvemento non depende de elementos ponderábeis nun proceso xudicial “normal”, senón de como evolúa a crise do rexime e dos obxectivos políticos e represivos do Estado profundo en cada conxuntura. Lembremos como dado relevante que o tribunal que nos imputa constituiuse exactamente o mesmo día en que se disolvía o Tribunal de Orden Público da ditadura.

O 24 de xaneiro marcharán polas rúas de compostelanas nunha manifestación en defensa dos dereitos civís e en contra da ilegación das organizacións políticas. Con que apoios a nivel de colectivos contan na organización da manifestación?

Faixa de Causa Galiza o 25 de Xullo de 2011
Faixa de Causa Galiza o 25 de Xullo de 2011

A solidariedade e o recoñecemento que recebemos durante e despois da Operación Jaro foi impresionante. Dígoo con sinceridade. É a proba máis evidente de que o operativo mediático e propagandístico que a acompañou foi en moitos sentidos un fracaso. A xente en xeral hoxe ten serias dificuldades para acreditar na “versión oficial”. Para a manifestación do próximo domingo, por exemplo, contamos ata o momento co apoio de máis de 50 axentes sociais, sindicais e políticos galegos, algúns de tanta entidade como a CIG, os centros sociais do país, a rede de colectivos A Ria non se vende, etc.

Botaron algún en falta?

Naturalmente, identificamos ausencias, mais non nos toca a nós explicalas. Será cada quen quen deba argumentar cal é o seu compromiso, á hora da verdade, cando hai problemas reais sobre a mesa, coa defensa das liberdades democráticas e en que medida este se modula por intereses partidarios, electorais ou por vocación de vivir no terreno da “corrección política”. De todos xeitos, á marxe do que digan as dirixencias, temos o respaldo e o recoñecemento de moita militancia das organizacións “ausentes” que se mobilizará este domingo e iso é o que importa realmente.

Como animarían a participar as persoas que poden cuestionarse se a súa detención non é unha operación política pero que asemade tamén poden ter medo de poñerse no foco da Policía ao acudir?

A mobilización de domingo é unha convocatoria legal, apoiada por mais de 50 partidos, sindicatos, asociacións e colectivos e foi comunicada á Subdelegación do Goberno da Coruña nos prazos preceptivos. Neste sentido, cumpre os requisitos legais e, aliás, o que é máis importante desde a óptica da lexitimidade, conta cunha amplísima representatividade social detrás. Respecto á pregunta, eu daríalle a volta: en que tipo de persoas e de sociedade nos converteríamos se renunciásemos ao exercicio da liberdade de expresión ou de manifestación por temor a unha simples identificación policial? Que rexime é aquel onde as e os cidadáns sinten medo á represión por exerceren os seus dereitos fundamentais? Podemos contribuir co noso silencio a que a perspectiva da independencia nacional, que é a única opción de futuro para a Galiza, sexa criminalizada e perseguida?

En varias ocasións rexeitaron publicamente as acusacións que fai contra vostedes o Ministerio do Interior, como o de colaborar con Resistencia Galega. En que basean a súa defensa?

Nós fumos unha organización política que, en distintas fases, desde 2007, mantivo un traballo intenso en defensa do direito de autodeterminación deste país e da independencia como única solución posíbel á nosa problemática socioeconómica, política, identitaria, etc. Isto é o que hai: traballo político e público, feito á luz do día e, en ocasións, coa participación de milleiros de persoas como é sabido. Quen debe dar explicacións non somos nós, mais o Ministerio de Interior, ou a Guardia Civil, por asaltar domicilios de madrugada a punta de metralleta, por comunicar ás redaccións de distintos medios -como algúns profisionais nos fixeron chegar- que a cobertura informativa das operacións seria “perigosa” porque poderiamos estar “armados”, ou por fazer acusacións penais insustentábeis. Quen debe dar explicacións é quen, nunha presunta democracia, persegue o independentismo galego organizado e ameaza con prisión a quen milita con esta perspectiva.

Vostedes están en liberdade con cargos, que poden supor condenas de cadea. Non temen que a organización desta protesta empeore a súa situación xudicial?

A propia pregunta delata a gravidade da situación en que, conscientemente ou non, estamos: que ti podas imaxinar que o exercício de dereitos formalmente recoñecidos no actual marco legal poda ser agravante nun proceso penal é significativo. Contodo, a convocatoria de domingo non é dos nove independentistas procesadas na Audiencia Nacional, senón dun amplo abano de organizacións, colectivos, partidos e asociacións que identificaron que o que está a acontecer é inaceptábel, que rechazan a criminalización e ilegalización do independentismo organizado e que son conscientes de que isto ten moito de recorte de liberdades básicas e de processo de fascistización do rexime. A persecución policial e penal dos independentistas non nos afecta apenas a nós, senón que atinxe toda a sociedade galega porque bloquea vías de futuro.

Cando anunciou as súas detencións, o Ministerio do Interior sacou unha nota na que os vinculaba a vostedes directamente co terrorismo. Varios non reproduciron a súa versión dos feitos e algúns publicaron erros evidentes. En definitiva, como valora o papel dos medios de comunicación no relato do sucedido?

Non quero parecer desprezativo co traballo de moitas e moitos profisionais honestos do xornalismo. No entanto, nesta ocasión, máis unha vez, debemos dicer que o papel dos medios foi o dun simples instrumento de propaganda e acompañamento da operación policial e xudicial. Reproduciron acriticamente a versión da Guardia Civil, renunciaron ao contraste de fontes que esixe o seu código deontolóxico e sentenciaron sen apelación posíbel expondo as nosas identidades. Nada novo, por outra parte, neste tipo de procesos.

Isto acontece porque, ao final, dependen do poder político e económico, de subsidios oficiais e privados e, como diz o proverbio popular, “ninguén traba na man que lle dá de comer”. Vistas as submisións e dependencias, esta actitude podería ser “comprensíbel”. Outra cousa xa é dirimir se iso que producen é información, ou a miserábel xustificación propagandística dunha operación político-policial. O contrapunto dérono, de novo, os medios galegos independentes, que son os únicos a través dos que se pode receber información neste país e aos que debemos a inexistencia de unanimidade informativa.

Detencion dun independentista durante a Operación Jaro, que o Estado vincula con Resistencia Galega
Detencion dun independentista durante a Operación Jaro, que o Estado vincula con Resistencia Galega | Fonte: Diario Liberdade
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 FartodeCausaGaliza

!!Joooder¡¡ Menuda pinta que tiene el tío en la foto. Lo de la ceja es top ¿Le hará ese mismo gesto a quienes le lleven la contraria?

1 Fartodechurrasco

Moi bó razoamento. O nivel intelectual demóstrase eutropiando os dirinonios.