Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/10/2024 | Actualizada ás 13:39
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, esixiu ao Ministerio de Transportes e, máis concretamente a Renfe, solucionar as "deficiencias" do sistema de venda billetes e "atender a falta de prazas", especialmente nas conexións do Eixo Atlántico. "O actual servizo ferroviario xera problemas, desconfianza e descontento entre os usuarios, especialmente pola insuficiencia das prazas, unha cuestión que o BNG xa denunciou ante o Ministerio", recollen nun comunicado.
Tal e como apunta o deputado nacionalista, Néstor Rego, o problema da falta de prazas preséntase tanto na oferta de longo percorrido como, "especialmente, na media distancia de Galicia". A isto sumar, sinala, a imposibilidade de comprar billetes con antelación, xa que os usuarios só poden facelo ata o 14 de decembro para longo percorrido e ata o 9 de decembro para media distancia. Así, consideran xa "endémica" a falta de prazas nas conexións internas de Galicia, sobre todo do Eixo Atlántico entre A Coruña e Vigo, Santiago e Vigo ou A Coruña e Ourense, especialmente para as fins de semana.
"A insuficiencia de prazas non é algo temporal, é estrutural e vímolo padecendo durante os últimos anos. Necesítase unha progamación e unha planificación adecuada para axustar a oferta á demanda existente", afirmou Rego. Ante isto, anima ao Ministerio, ademais de mellorar o sistema, a permitir que os usuarios poidan adquirir billetes "con suficiente tempo de antelación e sen colapsos no sistema". Engade ademais que, "a estas alturas do calendario", os usuarios poidan comprar os billetes para Nadal.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.