Unha investigadora galega descobre unha nova especie de alga

Viviana Peña Freire, da Universidade da Coruña, dá a coñecer a primeira alga vermella coralina de auga doce nun traballo colaborativo publicado en Scientific Reports.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 22/01/2016 | Actualizada ás 16:33

Comparte esta noticia

Viviana Peña Freire, investigadora da Universidade da Coruña (UDC) vén de presentar ao mundo científico a primeira alga vermella coralina de auga doce. O descubrimento é froito dun traballo de investigación colaborativo con outros once investigadores de cinco institucións europeas.

Identificación da alga vermella Pneophyllum cetinaensis / Žuljević, A. et al. First freshwater coralline alga and the role of local features in a major biome transition. Sci. Rep. 6, 19642; doi: 10.1038/srep19642 (2016).
Identificación da alga vermella Pneophyllum cetinaensis / Žuljević, A. et al. First freshwater coralline alga and the role of local features in a major biome transition. Sci. Rep. 6, 19642; doi: 10.1038/srep19642 (2016).

A investigadora, pertencente ó grupo de investigación BIOCOST da Facultade de Ciencias da UDC, acaba de publicar o seu descubrimento na revista Scientific Reports, da prestixiosa Nature.

A nova especie, Pneophyllum cetinaensis Kaleb, Žuljević & V. Peña, atopada unicamente nun río kárstico de Croacia —en concreto, no Cetina—, está completamente adaptada ao medio doce acuícola e é incapaz de sobrevivir en augas salobres.

O descubrimento desta especie desafía o paradigma das algas vermellas coralinas como un grupo exclusivamente mariño. No artigo, os investigadores explican a posible orixe mariña desta especie, cuxo ancestro puido quedar illado polas oscilacións batimétricas do nivel do mar, a derradeira hai 20.000 anos cunha baixada do nivel do mar de 120 metros.

Segundo explica a propia UDC, agárdase que este artigo produza un impacto significativo en áreas de investigación tan diversas como, por exemplo, a Paleobioloxía, pois este grupo de natureza calcárea e cun rexistro fósil importante é considerado indicador de paleoambientes mariños.

Como especie que cruzou a fronteira entre os biomas mariño e doceacuícola, a nova especie é de particular interese para estudar os mecanismos ecofisiolóxicos e xenómicos subxacentes desta transición. Por outra banda, a nova alga ten un grande potencial como organismo de modelo para estudar a evolución por especiación peripátrica.

Esta publicación é un dos resultados acadados pola investigadora contratada ao abeiro do Programa de axudas de apoio á etapa inicial de formación posdoutoral Xunta de Galicia (Plan I2C, modalidade A). As algas vermellas coralinas son o eixe principal da súa investigación iniciada ao longo da súa tese doutoral sobre os fondos de maërl e defendida na Universidade da Coruña (2010). Neste senso, o grupo de investigación BIOCOST leva acadado financiamento para varios proxectos de investigación centrados neste ecosistema mariño protexido e que alberga unha grande diversidade nas costas galegas.

-------------------------

Žuljević, A. et alFirst freshwater coralline alga and the role of local features in a major biome transition. Sci. Rep. 6, 19642; doi: 10.1038/srep19642 (2016).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta