As tardes que non existen

Hoxe en Edimburgo desfrutamos incrédulos duns 14 grados... máis que desfrutar deles, desconfiamos, saímos á rúa con guantes e bufanda para quitalos polo camiño, preguntándonos se non será unha trampa para que a gripe nos pille despistados, e así foi. Ás catro da tarde, mentres Xurxo durmía, empezou a chover a berros, como diría Cortázar se fose galego; a chuvia golpeou a fiestra e Xurxo protestou entre sonos para durmirse de novo. O día arrefriou e a calefacción volveu converterse en murmurio de fondo.

Por ediSCQ - Ana Chouciño | Edimburgo | 31/01/2016

Comparte esta noticia

552139_396151673825712_999837618_n

 Foto: Ana González

O tempo en Edimburgo pasa amodiño, a escuridade chega moi cedo pero a vida segue por unhas cantas horas; a mañá xúntase coa noite castigando sen reparos a quen se nega a madrugar. Xurxo máis eu pasamos as primeiras horas nalgún playgroup, en igrexas máis útiles que nunca, convertidas aquí en centro sociais para que os nenos teñan alternativas aos parques eternamente encharcados. Pola tarde, moi a miúdo nos xuntamos con Marta e coa súa pequecha Sara, vinte días máis nova que Xurxo e coa que comparte pelexas e apertas a partes iguais. Amizades precoces ante as que os país sorrimos, imaxinándonos xa nostálxicos o momento en que lles amosaremos esas fotos en quince anos, preguntándonos se se recoñecerán, se xa os teremos separado para seguir vagando por outras cidades, preguntándonos ata que punto nós, como pais, influiremos cos nosos pasos en toda a súa vida. Que sorte que non sexan conscientes desa dependencia, dese ir e vir para mellorar curriculums que non son os seus, para fuxir do frío, que sorte que non sintan a vertixe ao decatarse de que aínda non son donos do seu destino.

552139_396151673825712_999837618_n

 Foto: Ana González

Outras tardes reúnome con varios compañeiros cos que non deixo de planear cousas para as que sobra ilusión e falta tempo. Estas reunións nas que Xurxo se comporta como o mellor anfitrión, deron como resultado a creación de ArtRipples Collective. A idea vén xa deste verán, cando montamos a exposición Time To Change (https://vimeo.com/152895559) nunha galería de Edimburgo, na que invitamos a artistas de diferentes nacionalidades a dar a súa visión sobre a crise. Este colectivo está formado por Elisa Guietti, italiana, Nadiaki Der, grega, máis eu. A distancia dos nosos países de orixe dounos outra perspectiva, quixemos contar cos artistas que marcharon, pero tamén cos que quedaron, para que se nos escapen as menos historias posibles. Non queremos que esta mostra quede en Edimburgo, queremos que viaxe e que creza polo camiño como se fose unha bola de neve, e cremos que esta bola moi pronto pasará por Galicia.

552139_396151673825712_999837618_n

 Foto: Ana Gontad

Pero non é o noso único proxecto: con Walls talk  intentamos recompilar as probas de que as nosas rúas non están mortas, de que nos seguen a pertencer. Facemos un chamamento para que xente de todo o mundo nos envíen fotografías de pintadas nas rúas, de frases a golpe de spray que demostren que as cidades falan, aínda que as intenten silenciar. Encantaríanos que nos axudases:

https://www.facebook.com/events/1494269994211489/

552139_396151673825712_999837618_n

 Foto: Ana Gontad

Ana Chouciño

A distancia ás veces danos perspectiva; outras, simplemente, fainos idealizar o que botamos en falta. Escribirei desde Edimburgo, sobre Edimburgo e sobre Santiago. Contareivos como unhas cidades se inventan e outras se lembran e como ao final todo é o mesmo.

linkedin.com/in/anagonzalezchoucino

Le máis artigos de Ana Chouciño aquí.

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Ana Chouciño A distancia ás veces danos perspectiva; outras, simplemente, fainos idealizar o que botamos en falta. Escribirei desde Edimburgo, sobre Edimburgo e sobre Santiago. Contareivos como unhas cidades se inventan e outras se lembran e como ao final todo é o mesmo.