Galicia, un banco de probas para as redes de intelixencia na II Guerra Mundial

Emilio Grandío Seoane, historiador da Universidade de Santiago, salienta nun novo traballo que Galicia foi un "territorio determinante económica e militarmente no rumbo do conflito".

Por Alberto Quian | Madrid | 03/02/2016 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Galicia foi un punto estratéxico na II Guerra Mundial. Xa é ben sabida e documentada a importancia que tivo o wolframio de comarcas como Valdeorras (Ourense), Trasdeza (Pontevedra), Xallas, Barbanza ou Bergantiños (A Coruña) para a industria nazi. Porén, toda unha rede de espías e de axentes de intelixencia nazis e dos aliados instalouse no noso país durante a contenda. Por que? Emilio Grandío Seoane, profesor do Departamento de Historia Contemporánea e de América da Universidade de Santiago de Compostela (USC), e un dos maiores expertos sobre a II Guerra Mundial no noso país, vén de publicar un novo traballo na Revista Universitaria de Historia Militar (RUHM), no que afonda no "papel estratéxico fundamental" que xogou Galicia no conflito europeo.

A Lexión Condor desfilando polo centro de Vigo
A Lexión Condor desfilando polo centro de Vigo | Fonte: PACHECO.

Co título No solo Wolframio. Galicia, campo de juego de las redes de inteligencia durante la Segunda Guerra Mundial, Grandío Seoane debulla neste paper os acontecementos máis salientables que fixeron de Galicia un lugar estatéxico para nazis e aliados.

O control do tráfico portuario, a vixilancia das costas, as relacións coa guerrilla, as posibilidades de invasións alemana e/ou aliada, as redes de evasión iniciadas e reutilizadas… e tamén, por suposto, o wolframio, compuxeron un puzle particular no noso país nun escenario global de guerra.

Galicia foi un "espléndido banco de probas", como describe Grandío Seoane, xa que se presentou aos dous bandos como un "territorio determinante económica e militarmente no rumbo do conflito", aínda que "carente de centros especialmente relevantes desde a perspectiva diplomática ou política".

Tanto os aliados como os nazis viron no territorio galego unha enorme fonte de recursos minerais e un espazo xeoestratéxico de comunicación nun "escenario sen moitos focos", "sen case cámaras", un lugar "perfecto para unha actuación discreta" e "para non deixar pegadas", describe o profesor.

Reunión no Fogar Alemán da rúa Príncipe de Vigo.
Reunión no Fogar Alemán da rúa Príncipe de Vigo.

Deste xeito, Galicia converteuse en "territorio vixiado", como ben apunta o historiador da USC, quen relata así a importancia xeoestratéxica do territorio galego:

"Non era só o wolframio o único que interesaba do territorio galego nestes anos. O noroeste da Península Ibérica converteuse na autoestrada naval do Atlántico. Buques, mercantes e barcos de guerra no seu desprazamento polo Océano Atlántico tomaban como referencia as costas galegas. A utilización masiva do submarino como arma de guerra permitía vixiar, atacar e afundir numerosos barcos. A costa galega viu multiplicarse o número de naufraxios, proba da transcendencia estratéxica desta zona. Cuadrillas de avións procedentes dalgún dos bandos en liza buscaban aquí a súa présa. Todos os servizos de intelixencia, os que se atopaban a favor das forzas do Eixo ou dos países aliados, incrementaron a súa presenza nesta zona norte especialmente entre 1942 e 1943, cando as posibilidades de invasión militar aeronaval polo norte peninsular eran unha opción real. Unha zona de invasión que foi primeiro planificada como apoio para a suposta Operación Félix da Wehrmacht alemá desde o sur de Francia, e que logo se converteu en posibilidade ben desenvolvida polos aliados. De feito, a pesar do dito ata a data e tendo en conta a análise dos feitos, os militares franquistas creron máis nesta segunda posibilidade que na primeira".

Sociedade vixilada

Grandío Seoane describe as circunstancias sociais que contribuíron a establecer as redes de intelixencia e de espionaxe en Galicia. Segundo o profesor da USC, a sociedade galega atopábase "destrozada" tras a Guerra Civil e polos "efectos dunha política represiva, de opresión asfixiante", e "non só para aqueles considerados «derrotados»". O historiador explica que a galega era unha "sociedade vixilada" na que "os servizos de información atopaban un caldo de cultivo excelente para estender redes de delación, tras tres anos de clima bélico civil". "Unha sociedade que ouvía a través das paredes, plena de murmurios e silencios, de autocontención e disciplina".

Neste clima, que Grandío Seoane cualifica de autocensura, o historiador lembra que o Estado alemán se preocupou de "cimentar estreitas relacións e redes de sociabilidade, a través de estruturas empresariais, vínculos comerciais previos, especialmente en localidades nudos de comunicación ou de interés extractivo". Por iso non é de estrañar que hoxe sexan moitas as familias asentadas no noso país con apelidos alemáns. Como ben explica o profesor, "en boa parte das localidades galegas constátase a existencia de grupos vinculados a servizos de información alemáns desde 1933", entre outras, Ferrol, Santiago de Compostela, Monforte ou Vigo, que estaban vinculados a organizacións fascistas ou a compañías empresariais con altos intereses económicos. Así foi como pouco a pouco se foi inxerindo na sociedade galega toda unha rede de colaboradores do réxime nazi.

Non en van, os portos de A Coruña, Ferrol e Vigo convertéronse en "auténticos refuxios de reparación e acopio de combustible" para os nazis. "De Vigo saen ao final do conflito civil, nun magno desfile en xuño de 1939, os efectivos da Lexión Cóndor, dispostos desde o aeródromo de Virgen del Camino de León. E non olvidemos que na costa olívica se atopaban o Cable Ingles e o Cable Alemán", lembra Seoane. 

Redes británicas

A Galicia tamén viñeron os británicos. O proceso de creación das súas redes no noso país foi semellante ao dos alemáns en canto ao método, segundo Grandío Seoane. Estas redes británicas construíronse "a partir dunha primeira aportación individual case confundida co voluntariado, ben con emprego diplomático —como os cónsules de A Coruña e Vigo—, ben en vinculacións de empresas extractivas ou de comunicacións". Así, "progresivamente estes van sendo substituidos por estruturas desde os propios servizos de intelixencia", relata o historiador.

Pero Seoane identifica unha diferenza entre a construción das redes nazis e británicas:

"Se ben os británicos utilizan de maneira conveniente para os seus intereses a situación de absoluta miseria na que coñecen que se atopa a sociedade española, ofrecendo importantes sumas de diñeiro por o traballo a realizar, isto non o realizan, cando menos de maneira tan exhaustiva, os grupos alemáns. A principal razón é a urxencia. Pero algo que tampouco se debe desdeñar é a influencia que puido ter a credibilidade no futuro do proxecto nazi en Europa durante os primeiros anos de conflito".

Ao inicio da Segunda Guerra Mundial, os alemáns xa tiñan unha importante experiencia sobre o territorio galego, mentres que os ingleses tiveron que construír a súa estrutura practicamente desde cero, salienta o investigador.

Con Winston Churchill coma primeiro ministro británico, o 20 de xullo de 1940 creouse o SOE (Special Operations Executive), con base na londinense rúa de Baker Street. O seu obxectivo: realizar operacións militares secretas nos territorios ocupados polos nazis ou nos que se prestaba apoio ao Eixo. Segundo relata o historiador da USC, o temor dos británicos a perder Xibraltar levoulles a considerar un plan para tomar o control dos portos de Vigo de da Coruña para non perder o Atlántico. "Para iso necesitaban un colaborador clave: Portugal", escribe Seoane. 

"Para os británicos, Galicia é das primeiras zonas en desenvolver estruturas de intelixencia con certa fiabilidade. As cidades que estes consideraban cubertas en España pola intelixencia británica no verán de 1941 eran Bilbao-San Sebastián, Zaragoza, Sevilla e Vigo. Por zonas: Sevilla, Alxeciras-Xibraltar, Zaragoza, Barcelona-Pirineos e Vigo, zona noroeste", enumera.

A principios dos anos corenta do século XX, xa había en toda Galicia toda unha rede dedicada "tanto a servicios de información como á introdución de elementos con capacidade para a realización de actividades de sabotaxe". 

O historiador da USC tamén salienta neste contexto o papel que xogaron os guerrilleiros. "No territorio montañoso situado entre Galicia, Asturias, León e o norte de Portugal, existía naquel momento un dos maiores núcleos de resistencia armada, só comparable, segundo os propios informes británicos, á do norte montañoso andaluz". Segundo Seoane, a súa existencia debeuse á "asistencia e vontade dos servizos británicos" por "ter unidades militares preparadas para apoiar unha fronte bélica directa aberta na Península", en concreto, en Galicia, aínda que tamén recoñece que existía certa "desconfianza sobre a capacidade operativa da guerrilla", non tanto pola súa capacidade, "senón polas altas probabilidades de infiltración nestes grupos da contraintelixencia española".


O petroleiro alemán Max Albrecht, fondeado en Ferrol / Gottschalk.

Operatividade nazi en Galicia

Entre as diversas accións que emprenderon os alemáns en Galicia, destaca, por exemplo, a colocación dunha potente antena na parroquia de Arneiro (Cospeito, Lugo) para cubrir a zona do Atlántico, cunha cobertura de até mil millas. A utilización de antenas e servizos de vixilancia complementouse con señalizacións instaladas directamente polos alemáns na costa, por exemplo, en Estaca de Bares (Mañón, A Coruña), "onde tras a guerra se ubicou unha base norteamericana", ou en Fisterra e Santa Uxia de Ribeira.

"Os enclaves costeiros galegos eran un motivo de especial vixilancia e/ou preocupación, xa que os efectivos tíñanse que multiplicar ante o complicado da súa orografía. Na documentación británica aparecen referencias a contactos alemáns que se observan en boa parte desta zona como Cabo Silleiro, Monte de Santa Tegra, Malpica, Cabo Prior ou o Cabo Ortegal. Tamén a documentación americana indica a existencia dunha rede propia de información polo litoral. Mesmo en contornas urbanas como Vigo, onde a Intelixencia británica tiña constancia da colaboración do Ministerio do Aire español na instalación e mantemento dunha estación meteorolóxica alemá", detalla o investigador.

Se ben tanto a intelixencia alemá como a inglesa no Norte de España tiñan o seu núcleo operativo central en Bilbao, para os nazis, nos primeiros anos, "o segundo centro de espionaxe máis importante do Norte de España tras Bilbao era sen dúbida Vigo", aclara Seoane, quen prosegue:

"Desde o Consulado alemán de Vigo, facíanse os pagos dos axentes. O contacto coa policía e intelixencia local era permanente. Outros traballaban para empresas locais. Vigo era o centro da intelixencia alemá en Galicia, debido a súa extensión. A Coruña era a segunda praza, decisiva polo control dos Cuarteis de Terra e o Departamento Naval Marítimo de Ferrol, no que tamén, como xa comentamos, os nazis instalaron a súa propia base de reparación".

A importancia de Vigo era tal, que o número de alemáns nesta cidade en 1941 achegábase aos 800, segundo datos recollidos por Seoane e tomados do Foreign Office británico.

A radical importancia de Galicia na Segunda Guerra Mundial queda de manifesto cando o axente nazi Walter Giese —quen a partir de xaneiro de 1944 tomou o cargo de xefe da zona galega da intelixencia alemá— declarou nun interrogatorio, tras a finalización do conflicto, que "o tráfico marítimo e o comercio de wolframio situaran a Galicia nun punto de información moi relevante para a Europa do Sur", subliña Seoane. "De feito, indicaba que até catro redes de intelixencia foran desenvoltas no territorio [galego]: españoles, ingleses, americanos e alemáns", detalla o historiador da USC.

No último trimestre de 1943 vivíronse "momentos de gran tensión na zona atlántica". "Aos rumores de invasión militar aliada respondeuse desde Estado [español] co desprazamento de miles de soldados de tropa á costa galega, para reforzar as case inexistentes defensas militares desde o Golfo Ártabro (A Coruña-Ferrol)". Isto, para Seoane, é unha proba da "credibilidade que o réximen lle daba á tese da invasión" e "tamén da súa percepción da súa propia debilidade".

A poucos quilómetros de Galicia, na costa, os enfrontamentos continuaban entre as forzas aliadas e nazis de maneira cada vez máis intensa, e foron moitos os submarinos alemáns que afundiron no norte e no sur de Galicia. Outros, tocados pero non afundidos, foron levados á costa galega para a súa reparación, como aconteceu a principios de setembro de 1943 co U-760, levado até Vigo cando se atopaba á deriva a poucas millas das Illas Cíes, segundo documenta o historiador.

Tamén quedou documentado o rescate de soldados nazis polos servizos secretos de Franco, como ocorreu, por exemplo, tras o afundimento o 10 de novembro de 1943 dun submarino alemán cerca de Estaca de Bares. "A súa proximidade posibilitou que a poboación de O Barqueiro (Mañón, A Coruña) se mobilizara e rescatase a varias decenas de mariñeiros alemáns. Preto de corenta persoas foron trasladadas un día despois a hoteis de Viveiro (Lugo), en operación controlada pola Marina española", explica Grandío Seoane.

O final nazi en Galicia

A partir de 1944, as presións sobre o mercado de wolframio e o declive do réxime nazi fixeron mudar radicalmente a realidade galega no contexto da Segunda Guerra Mundial, aínda que a estrutura de redes de intelixencia se mantivo. Por exemplo, "algúns testemuños indican que o centro [nazi] de Vigo foi pechado no mes de xullo de 1944 ante a presión aliada". E en outubro, "Giese saíu cara á Alemaña, onde se incorporou aos servizos de intelixencia da Marina. Antes, encargouse de xestionar a evacuación de aproximadamente 50 dirixentes nazis desde Vigo", lembra o investigador da USC.

"Desde o ano 1944 Galicia permaneceu durante máis anos dos que a primeira vista puidese parecer no seu rol de vía de saída segura. Porque… non había só wolframio", conclúe Emilio Grandío Seoane.

Soldados alemáns na ría de Vigo.
Soldados alemáns na ría de Vigo.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta