Por Galicia Confidencial | Cebreiro | 02/02/2016 | Actualizada ás 18:15
Nin a chuvia, nin o vento, nin o seu mal estado acabou con outra pequena xoia do patrimonio galego. Foi o seu longo abandono o que provocou que este xaneiro se derrubara a casa-torre de Veiga de Forcas, en Pedrafita do Cebreiro, un edificio que data do século XV.
Precisamente, do antigo castelo do século XV apenas quedan restos. No lugar conservábase a abandonada casa-pazo e torre que sufriu varias reformas, entre outras unha no ano 1964 que fixo desaparecer varios elementos. No pazo aínda se poden ver dous escudos coas armas dos Ron e dos Armesto.
Tras o derrube, os donos puxéronse en contacto co Concello de Pedrafita do Cebreiro para declarar a casa en ruínas. A Dirección Xeral do Patrimonio anunciou que aínda que sexa declarada en ruínas, non autorizará a demolición xa que está protexido. A Xunta di que quen debe garantir a seguridade da casa e reconstruíla segundo as directrices de Patrimonio son os propietarios.
Segundo informa o activista Xabier Moure no seu blog, a orixe desta casa-torre estaría no ano 1450, cando o mosteiro do Cebreiro arrendou a xurisdición aos Armesto, sendo a partir de entón cando os señores da fortaleza pasaron a xestionar as terras e a cobrar os trabucos aos labregos.
No 1625, Gonzalo Armesto e Ron derrubou a capela do pazo e construíu a igrexa parroquial, situada xunto a casa, contando para elo coa oposición do prior do Cebreiro pero co visto e prace do bispo de Lugo.
A mediados do século XVIII, os fidalgos xa non vivían na casa-torre xa que se trasladaran para Vilafranca do Bierzo. Na actualidade pertence a varios herdeiros, descendentes da familia fidalga.
Revolución
Segundo a documentación que existía no arquivo do avogado Manuel Neira Pol, o 13 de outubro do ano 1868 reuníronse os habitantes do Cebreiro en Veiga de Forcas ao grito de "Viva o pobo, abaixo a tiranía", tomando un acordo coñecido como "Acordo Municipal do Cebreiro" no cal destitúen á corporación municipal de Pedrafita do Cebreiro, designando como sé da capitalidade a Veiga de Forcas, nomeando concelleiros, entre outros a Manuel Mejía e José de Neira Saco quen por elo foron procesados polo delito de rebelión.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.