Por Galicia Confidencial | Compostela | 10/02/2016 | Actualizada ás 21:13
O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, grupos políticos como o PSdeG, o BNG e Esquerda Unida, e a Xunta, condenaron a agresión homófoba denunciada na capital galega e que tivo lugar o pasado luns. Un feito que consideran "intolerable" e "inaceptable".
Un matrimonio galego, o formado por Antonio J. R. e Roberto S, acudiu á comisaría da Policía Nacional por unha agresión homofóbica da que, contan, foron vítimas nun supermercado da capital galega e que consistiu en puñadas e insultos varios, tales como "maricón" ou "sidoso de mierda, espero que no me contagies nada".
Martiño Noriega considerou “inaceptable” esta agresión e o PSdeG, nunha nota, recriminou e mostrou a súa sorpresa por este tipo de "actos violentos" que requiren de "tolerancia cero". Por iso, urxe á posta en marcha de protocolos de actuación específicos no marco de plans integrais nos que se faga fincapé na prevención, a educación e a protección.
Esquerda Unida , pola súa banda, explica nun comunicado que unha vez máis toca "elevar a voz de alarma" e reclamar políticas para garantir a seguridade do colectivo LGTBI co fin de que poidan ter unha "vida digna" e de que isto "non volva ocorrer nunca máis".
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, tamén condenou, no transcurso dunha intervención parlamentaria, esta agresión homófoba. “Desde o punto de vista xurídico e moral é absolutamente condenable", dixo.
Cocido Gai
Por outra banda, e precisamente para normalizar unha situación que xa é común en moitas parellas galega, o Concello de Lalín celebrará o vindeiro 13 de febreiro a súa primeira edición do Cocido Gai. O alcalde, Rafael Cuiña, destacou que se busca visibilizar a un colectivo "que tiveron conculcados os seus dereitos" e promocionar a imaxe do municipio.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.