Por Galicia Confidencial | Valencia | 12/02/2016 | Actualizada ás 11:00
A Fiscalía Anticorrupción de Valencia está a investigar unha partida de gastos de máis de 2.000 euros que a ex alcaldesa de Valencia, Rita Barberá, realizou durante a súa rápida viaxe a Galicia para asistir ao funeral do ex presidente da Xunta, Manuel Fraga.
Entre os gastos que certifica Compromís na súa web, cun apartado bautizado como 'Ritaleaks', figura un desprazamento a Santiago de Compostela de Barberá como alcaldesa con data de 20 de xaneiro de 2012 --o funeral de Fraga foi ao día seguinte, o 21 de xaneiro--, con gastos de hotel e billetes de avión para ela e o seu escolta que ascenden a 2.323,44 euros.
En concreto, figuran dous billetes de avión de 967,22 e 931,22 euros, respectivamente, e dúas habitacións no Hostal dos Reis Católicos de 250 e 175 euros. Por iso se investiga se estes gastos realizados por Barberá durante a súa estancia na Alcaldía corresponden ou non a "actividades de goberno".
A Fiscalía investiga os gastos relativos a viaxes, comidas en restaurantes, agasallos e aloxamentos entre 2009 e 2015 dentro da investigación que leva a cabo tras a denuncia presentada en maio do pasado ano por Compromís por presuntas irregularidades en dispendios cargados á Alcaldía.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.