“Queremos un espazo como a Marea Atlántica, Compostela Aberta ou Ourense en Común”

Menos partidos e “pactos dende arriba”. Máis confluencia e ecoloxía política. Estas son algunhas das receitas de Equo para as autonómicas. Da experiencia de AGE a súa covoceira en Galicia di que no seu intre foi un éxito, pero que logo houbo déficit de participación. ENCE é outro dos temas desta entrevista con Silvia Pinal.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 15/02/2016 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

EQUO é unha das catro forzas que colaborou en Alternativa Galega de Esquerdas, malia que non tiña ningún deputado no Parlamento. A lexislatura está a piques de rematar, como valoran o traballo de AGE? Sentiuse EQUO representado polos parlamentares de AGE?

Silvia Pinal, covoceira de Equo en Galicia
Silvia Pinal, covoceira de Equo en Galicia

Hai que valorar AGE no seu momento político. No seu tempo foi unha coalición que acadou un éxito electoral pero as regras teñen cambiado dende entón. AGE tentaba reunir ás forzas de esquerda nunha fronte común pero contaba coa cidadanía aínda como meros votantes e non como actores políticos de primeira liña. O que agora estamos a propoñer é un proceso dende abaixo onde a xente teña o protagonismo en proxectos participativos e os partidos coma o noso estean apoiando. Tamén temos que facer autocrítica e aprender de erros pasados. Nese sentido hai que ter en conta que AGE foi unha das nosas primeiras experiencias como partido e temos aprendido moito dende entón. En calquera caso, cómpre dicir que AGE foi moito menos participativa e aberta do que nos tivera gustado, tanto no seu proceso de formación como no seu funcionamento.

AGE sufriu até tres baixas no grupo parlamentar debido a diferencias internas en ANOVA e EU. Como valoran o sucedido e até que punto afectan a súa valoración do traballo deste catro anos?

Entendemos que estes son os riscos das coalicións «por arriba» e todas as formacións de AGE deberían reflexionar, tanto sobre os porqués desas baixas como sobre as distintas eivas que foron agromando en AGE para evitar no posible repetir erros no futuro. Non parece que se dera esa reflexión no similar proceso que houbo para as pasadas Xerais.

Unha confluencia non é unha coalición. Unha confluencia debera ser máis estable xa que nace do consenso programático a través de programas participativos, de primarias abertas e dunha xestión dos órganos de decisión e goberno onde todo o mundo está presente e pode participar. O traballo de AGE destes catro anos por suposto ten valor pero é un modelo que non serve. Agora temos que dar un paso máis e evolucionar cos tempos como se fixo en Marea Atlántica, Compostela Aberta ou Ourense en Común por mencionar algúns exemplos.

Asemblea de EQUO Galicia, 23 de Xaneiro 2016. Santiago de Compostela
Asemblea de EQUO Galicia, 23 de Xaneiro 2016. Santiago de Compostela

EQUO presentou o chamamento Onda Verde para xuntar a todos os que queren colaborar nunha hipotética confluencia na marea galega e teñen entre as súas prioridades cuestións como a ecoloxía política. Poderían explicar cales son as liñas ideolóxicas básicas que lles gustaría que defendera Onda Verde?

As liñas ideolóxicas serían as mesmas que as da Ecoloxía Política: entender que o entorno e as persoas teñen que ser respectadas como un todo. Se o entorno se degrada, todas acabaremos sufrindo as consecuencias. Por iso temos que mudar a unha economía social e solidaria e a relocalización da produción. Outro piar sería o paso dunha democracia representativa a unha democracia participativa. Non podemos ser só votantes para que durante 4 anos os partidos tomen as decisións que consideren oportunas. Hai que crear canles de participación e xeitos de captar as iniciativas das persoas. Evidentemente, a transparencia e a democracia teñen que comezar polo propio proceso de conformación dun suxeito político e dunha candidatura.

Loxicamente, do anterior dedúcese que EQUO aposta abertamente por reeditar unha coalición con forzas de esquerda para as autonómicas...

Gustaríanos crear un espazo autónomo e superador como o foron Marea Atlántica, Compostela Aberta ou Ourense en Común a nivel municipal, o cal é moito máis que unha coalición de forzas de esquerda. Non estamos a pensar en ningún caso nunha coalición de partidos. O protagonismo ten que deixar de residir exclusivamente nos partidos políticos.

Un dos axentes da última confluencia para as xerais, o Encontro Cidadán para unha Marea Galega, defende que nunha nova confluencia os partidos deberían dar un paso atrás e que as persoas que participen na candidatura o fagan a nivel individual e non en representación dos partidos. Cal é o seu punto de vista ao respecto?

Estamos de acordo, pero hai formas de artellar a participación dos partido dentro das candidaturas cidadás sen que estas perdan a súa esencia. Os partidos poden amosar o seu apoio a esas candidaturas e dar apoio técnico en determinadas cuestións. Todos xuntos, cidadanía e partidos, non só sumamos, multiplicamos a nosa forza. Non pretendemos competir, senón complementar.

EQUO participa en varias mareas de ámbito local, Compostela Aberta, Ourense en Común e mesmo teñen un concelleiro na Coruña,o concelleiro de Mobilidade Sostible, Daniel Díaz. Como valoran até o de agora o traballo das mareas que chegaron aos executivos locais

En xeral, valoramos positivamente o labor de goberno tanto da Marea Atlántica como de Compostela Aberta, así como o gran esforzo de oposición construtiva que está a facer Ourense en Común, por exemplo.

Somos conscientes de que a gran ilusión xerada polas Mareas fai que a xente sexa máis esixente e pida solucións en prazos curtos de tempo, pero tamén sabemos que as concelleiras e os concelleiros da Marea Atlántica, por seguir co exemplo da Coruña, están a poñer todo da súa parte para estar á altura das circunstancias. Non temos ningunha dúbida de que os resultados serán excelentes.

 

E en particular a labor do goberno da Marea Atlántica?

Aínda é cedo, pero no caso particular da Coruña puxéronse xa en marcha iniciativas de participación cidadá como A Porta Aberta, fundamentais para contar coa opinión da xente na acción de goberno, ademais de comezarse a aplicar por fin a lei da memoria histórica, da que pasados gobernos non quixeron saber nada. Podemos destacar tamén múltiples e importantes medidas no eido medioambiental, como o control da vexetación espontánea das rúas con medios ecolóxicos (evitando os nocivos glisofatos), a eliminación de múltiples puntos de verteduras no mar que incriblemente aínda existían na cidade e o comezo do que será un plan de rexeneración ambiental da ría, entre outras.

No tema da mobilidade sostible, e á espera dun ambicioso plan de reestruturación do transporte público na cidade que chegará proximamente, Daniel Díaz Grandío vén de presentar no pleno unha moción que foi aprobada por unanimidade para solicitar a ADIF e a Fomento o investimento preciso para as necesarias melloras na liña de ferrocarril entre A Coruña e Ferrol.

EQUO dispón de tres deputados dentro do grupo parlamentar de Podemos no Congreso dos Deputados. Cal é a súa postura respecto a un posíbel pacto de goberno co PSOE?

Hai un punto de vista común dentro do grupo parlamentario en canto ao posible goberno co PSOE. O documento proposto é un bo punto de partida, e como EQUO valoramos moi positivamente a inclusión de certos temas (cambio climático, transición enerxética), aínda que evidentemente habería que concretar máis os mecanismos e obxectivos. Porén, hai cuestións nas que dificilmente imos coincidir con Ciudadanos, por exemplo o plan de axuste do déficit que pide Europa ou a reforma laboral. Corresponde ao PSOE decidir cara que lado quere orientar o goberno.

En esencia, nós estaremos de acordo sempre que se intente formar un goberno de cambio que rompa coa dinámica de gobernos neoliberais que antepoñen os intereses dos sectores económicos financeiros ao ben común e a paliar a crecente desigualdade social. Necesitamos un goberno que vele por manter servizos públicos, que non os privatice, que loite decididamente contra a eliminación da corrupción, non que a defenda e oculte, que reformule as políticas medioambientais, educativas e laborais e que leve a cabo unha separación de poderes real entre o sistema xudicial e o goberno.

EQUO é identificado basicamente por ser a alternativa electoral máis "verde". Cren que o crecemento de EQUO relantizouse debido a que as preocupacións dos cidadáns afastáronse nestes últimos anos do ecoloxismo debido a crise económica?

Pode ser. Mais nós non somos só un partido ecoloxista. Temos que saber transmitir que non somos meros ambientalistas: Non nos preocupan só os montes e as baleas. Temos que ser quen de transmitir á xente que a crise que estamos a vivir non é só económica. É unha crise social, ecolóxica e de valores. Un modelo económico ecoloxista crearía máis postos de traballo xa que esas tarefas son máis intensivas en man de obra. Ao mesmo tempo pensamos que hai que pór en valor ese traballo «invisible» de coidados da familia e mesmo reducir o numero de horas traballadas como fan en países como Holanda (29 horas) ou Dinamarca (33). En EQUO estamos traballando por introducir todos eses temas na axenda política.

A maior polémica medioambiental no país nos últimos meses é a prórroga de ENCE. Que lle parece o argumento do presidente da Xunta para xustificala? Alberto Núñez Feijóo asegura que a el tamén lle estorba a pasteira na Ría, pero que non se poden prescindir deses postos de traballo...

Entendemos que os postos de traballo son importantes pero cremos que un entorno saudable e non degradado creará postos de traballo máis duradeiros. O que precisaría ENCE é un plan de relocalización dos seus traballadores no que o goberno autonómico debería ter moito que dicir. Penso que Feijóo está tirando polo camiño máis fácil.

Juan López de Uralde, deputado, na presentación de Equo en Segovia
Juan López de Uralde, deputado, na presentación de Equo en Segovia | Fonte: Antonio Marin Segovia Flickr
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 11 comentarios

5 Sariña de Oya

Boas intencións pero o BNG vai ir por libre e caerá, e Anova e Podemos defenderán a súa primacía en calquera Marea que se forme. Espero que esta Onda Verde poda coller forma e que vos deixen traballar e aoprtar cousas. Saúdos

4 Agetas da Tarjeta

Outros que tampouco asinaron hoxe a declaración contra o decreto galegófobo do PP, Equo, Podemos, PP e Cidadáns, Significativo

3 Próculo

Equo amosou unha dignidade grande a non prestarse a facer crer que a coalición tripartita de En Marea era unha movida cívica. Reivindicaron as primarias e un ámbito cidadán de decisión até o derradeiro momento.

2 Trepas ecoloJETAS

Equo = 4 españolistas neo hippis en bicicleta a espera de pillar cacho. Noraboa a todos os premiados cun postiño. Os demais a seguir intentando, non perdan a ilusión, que depaso coa sua contribución fan unha laboura de mantimento do réxime. A ilusión de todos os días...e de todos os ilusos.

1 Emilio

Joer... ía comentar algo sobre isto, pero realmente desmóntasme cos teus argumentos %-)

2 comunista independentista

Todo o que non sexa BnG é españolismo. En definitiva, TODO é españolismo.

3 pasinto

A FPG é autonomista e un organismo de catro enchufados na RAG que se dedican a pescar en Podemos e IU alén de destruir o movemento nacional-popular galego. Facedes todo o que fixo o autonomismo do BNG, coa diferencia que dos segundos non podemos esperar nada e vós iades de marxistas-leninistas pola vida.

1 Mauro

Eu, a verdade é que non entendo nada. Hai tempo que me costa entender os movementos sociais e políticos. Non entendo como alguén pode estar en EQUO. Sei que hai xente que sí. Pero non o entendo. É como si és un impala e estás a prol dos leóns. E ún dí que é polo ben do ecosistema. Debe ser que non tenho termo medio. É como si os impalas quixeran convencer "dialécticamente" ós leóns de que se fixeran omnívoros. No sei. Podería estar no PP si houbese cartos a esgalha para repartir, como foi sendo. Podería estar no PSOE si esquecera o de socialista e galeguista. Ben. Pero en EQUO é que non o entendo. A ver quen mo explica melhor. Porque non o entendo.

1 Xacobe

Non me queda claro o motivo de que non o entendas. EQUO naceu no 2011 cando non había nin Podemos, nin Anova, Compromiso, Espazo…, incluso antes do 15-M. O espazo político “alternativo” en Galicia estaba monopolizado por un BNG xa a deriva e unha EU débil e rancia. Cando naceu EQUO creo que ninguén funcionaba horizontalmente na toma de decisión e elección de todos os cargos, con votacións online complementarias das presenciais, co-portavocías paritarias, mensaxes propositivos, etc. Por outra parte, a ecoloxía política, nos partidos de esquerda, estaba subordinada os intereses do produtivísimo (“esquerda marrón”) e demasiado arrinconada no discurso. Nos países máis desenvolvidos de Europa os partidos verdes teñen o seu propio espazo, co-gobernando por exemplo en Suecia ou gobernando en certas rexións de Alemania ou Francia.

2 Xacobe

(2) Ca aparición de novas forzas como Anova ou Podemos, o espazo de EQUO perigou, pero sigue sendo válido para aquelas persoas non nacionalistas que non se senten cómodas en partidos como Anova ou BNG, ou para aquelas que non gustan do personalismo ou verticalismo de Podemos, por nomear dous exemplos.

3 Grag

pa k kieres saber eso jaja saludos