Temas: HOMOFOBIA

Piden a absolución dos estudantes que acusaron a un profesor de homófobo

Un cento de mozos interrompeu unha das clases do profesor Domingo Neira ao berro de “homófobo”. A Fiscalía pediu para tres deles cinco meses de prisión por "desordes públicos". Este docente comentara nunha das súas aulas que a homoxesualidade era “contaxiosa”.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 15/02/2016 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

A Fiscalía pide cinco meses de prisión para tres estudantes que interromperon unha das clases do profesor Domingo Neira ao berro de “homófobo” logo de que este docente da USC dixera nunha das súas aulas que a homosexualidade era “contaxiosa”.

O profesor Domingo Neira
O profesor Domingo Neira | Fonte: La Sexta

Unhas declaracións que desataron unha viva polémica e a suspensión do profesor durante dous meses. Pero un grupo de alumnos foi máis alá e un cento deles interrompeu unha das súas clases na Facultade de Ciencias da Educación e coaccionaron ao docente, segundo figura nun atestado policial.

Por estes feitos, tres deles foron encausados por “desordes públicos”. “Para máis dramatismo á situaçom, inclúen inocentemente a palabra (TERRORISMO) no documento do noso auto”, denuncia os organizadores da protesta que piden a absolución de Antía, Atanes e Mario, os tres estudantes encausados.

Nós continuamos berrando que a homofobia nom se defende, temos que denunciala en todas as súas expressons e en todos os seus ámbitos. Nom se pode permitir que a USC manteña no seu cadro de persoal a este elemento mentres que para as persoas que nos negamos a que isto suceda esíxense penas de prisom”, critican nun comunicado.

Domingo Neira, profesor de “Didáctica e profesión Docente" na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela (USC) foi acusado en 2014 por estudantes, asociacións e partidos políticos de fomentar a homofobia e o machismo ao dicir na súa clase que a homosexualidade era “contaxiosa” e relacionala coa pederastia, entre outras cousas.

Neria volveu ás aulas este curso tras cumprir unha falta grave pola que estivo dous meses sen emprego e sen soldo. Cumprida esta pena, a USC pechou o expediente informativo que abrira contra el a finais do pasado ano coa única obriga de que non pode utilizar os seus libros como material nas súas clases.

"A sociedade está enferma e enganada pola homosexualidade, un tema do que xa non se pode opinar", “os homosexuais carecen de hombría e non poden educar” porque “a homosexualidade é contaxiosa” e que por iso precisamente “tampouco se pode permitir a parellas do mesmo sexo a adoptar, posto que lles pasarían o seu mal aos seus fillos”.

Estas foron algunhas das lindezas que o profesor Domingo Neira García dixo durante unha das súas materias 'Didáctica e profesión Docente" en novembro de 2014. Ese día, Neira García comezou un debate que causou malestar entre o alumnado, posto que na súa exposición sobre a pederastia, chegouna a identificar coa homosexualidade.

Críticas contras as as "mulleres lesbianas"

Ademais de atacar duramente aos homosexuais tamén asegurou que “as mulleres lesbianas teñen un Cromosoma XXX”, o que explicaría o seu comportamento non normal. E foi máis alá ao asegurar que ten probas científicas e estudos que demostraban a súa teoría e non entendía que algunhas persoas de entre o estudantado decidirán marcharse da aula, mentres que outros "rebatían as súas absurdas afirmacións".

Pouco despois, e ante a presión social exercida, a Universidade de Santiago (USC) decidiu abrir un procedemento administrativo contra o profesor Domingo Neira García. "Non se lle pode acusar de pasividade a esta universidade", suliñou entón o ex reitor da USC, Juan Casares-Long, en declaracións a Galicia Confidencial. 

Temas: HOMOFOBIA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta