O Día da Ciencia en Galicia homenaxeará a Ignacio Ribas, o gran valedor dos produtos naturais galegos

A Real Academia Galega de Ciencias homenaxea este ano ao químico Ignacio Ribas Marqués, coincidindo co vinte aniversario da morte deste científico e catedrático da Universidade de Santiago.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 16/02/2016 | Actualizada ás 13:44

Comparte esta noticia

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) acaba de dar a coñecer que o químico Ignacio Ribas, gran valedor dos produtos naturais autóctonos, é o vindeiro homenaxeado no Día da Ciencia en Galicia. 

O químico Ignacio Ribas Marqués
O químico Ignacio Ribas Marqués | Fonte: Consello da Cultura Galega.

A Academia salienta o papel "moi reivindicativo" de Ribas, como o que amosou nun discurso no ano 1930 no que xa advertía de que "os países que non teñen ciencia son pobres e viven unha vida moral e material mediocre".

A homenaxe coincide co vixésimo aniversario da morte do investigador e foi aprobada de forma unánime polos académicos.

A conmemoración será o próximo 8 de outubro, aínda que as actividades de difusión e divulgación sobre a figura de Ribas, que foi miembro fundador da RAGC, se empezarán a desenvolver desde este primeiro trimestre do ano.

De Palma de Mallora a Santiago de Compostela

Ignacio Ribas Marqués naceu en Palma de Mallorca en 1901, pero viviu desde 1942 en Santiago de Compostela, onde faleceu en 1996.

Alfonso Mato Domínguez debulla a vida deste científico no Álbum da Ciencia do Consello da Cultura Galega, cuxa descrición comeza no ano 1918, cando tras os estudos de bacharelato no Instituto Ramón Llull de Palma de Mallorca, Ribas Marqués comezou a súa formación en ciencias químicas na Universidade de Valencia, na que obtivo o título de licenciado, en 1921, con sobresaínte e premio extraordinario. 

A súa carreira como investigador comezou na Universidade de Madrid, onde defendeu a súa tese de doutoramento, “Estudio de los ácidos succínicos bisustituídos“, en 1925, e coa que obtivo a cualificaión de sobresaínte e premio extraordinario.  Foi bolseiro do Laboratorio de Química Biológica da Junta para la Ampliación de Estudios (JAE), e traballou no Instituto Pasteur de París baixo a dirección do profesor Ernest Fourneau.

En outubro de 1927 foi nomeado profesor auxiliar de Química Orgánica da Facultade de Ciencias da Universidade de Madrid, cargo que ocupou ata decembro de 1928, en que ganou as oposicións á cátedra de Química Orgánica da Facultade de Ciencias da Universidade de Salamanca, que exerceu até 1941. 

No verán de 1929 traballou en Viena no laboratorio do profesor Ernest Spëthy, e nos anos 1930 e 1931 visitou os laboratorios máis importantes de Europa. Entre 1934 e 1936 dirixiu o Laboratorio de Investigación de Química Orgánica que a Fundación Nacional para Investigaciones Científicas y Ensayos de Reformas fundou na Universidade de Salamanca. 

Ribas era considerado pola comunidade científica como o mellor continuador da escola moderna de química orgánica, pero tras a Guerra Civil foi desterrado da primeira liña da investigación polas autoridades franquistas, que lle impediron acceder á catedra da Universidade de Madrid. No curso 1941-1942 foi catedrático de Química Orgánica da Universidade de Valencia e, desde novembro de 1942 pasou a ocupar a cátedra de Química Orgánica e Bioquímica da Facultade de Ciencias da Universidade de Santiago, na que permaneceu ata a súa xubilación, en 1971. 

Como catedrático en Santiago centrou as súas investigacións na síntese de produtos naturais presentes nas plantas galegas, como a xesta ou o sobreiro, destacando o seu descubrimento dos alcaloides adenocarpina e santiaguina, extraidas do Adenocarpus hispanicus (cambroño). A algúns dos compostos que obtivo nas súas investigacións púxolles nomes de cidades galegas: orensina, coruñesina, santiaguina e pontevendrina. 

Do seu labor como docente e investigador hai que salientar a formación dun grupo de destacados químicos orgánicos, a dirección de 68 teses doutorais, a publicación de máis dun centenar de traballos científicos e a creación da escola compostelá de química de produtos naturais, de gran prestixio internacional. 

Distincións

O labor de Ignacio Ribas foi recoñecido con varias distincións: Gran Cruz del Orden Civil de Alfonso X el Sabio, Medalla de Ouro da Universidade de Salamanca, Premio de Ciencias do CSIC (1972), Doutor Honoris Causa pola Universitat de les Illes Balears (1980) e Medalla Castelao da Xunta de Galicia (1991). O Colexio Oficial de Químicos de Galicia creou en 2002 o “Premio Ignacio Ribas Marqués” para distinguir aos traballos de innovación e divulgación científico-técnica no campo da química. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta