A ambulancia do Salnés serve como apoio á actividade do Hospital Comarcal segundo Sanidade

A secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade, Natalia Lobato, asegurou que esta ambulancia é usada "para o traslado de pacientes" atendendo "a criterios de gravidade"

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/12/2024 | Actualizada ás 16:48

Comparte esta noticia

A secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade, Natalia Lobato, lembrou este xoves que a ambulancia medicalizada do Salnés foi implantada como apoio á actividade do Hospital Comarcal e que os traslados de pacientes que realiza fanse "atendendo a criterios de gravidade".

Así o dixo durante a súa intervención na Comisión de Sanidade para responder a unha pregunta formulada pola deputada do BNG Montse Prado, que acusou á Xunta de empregar este recurso para trasladar pacientes do Hospital do Salnés que "non son urxentes", deixando "descuberta" a área, no que a representante nacionalista considerou unha "decisión irresponsable".

Prado afirmou que mentres este recurso medicalizado realiza traslados por estrada de pacientes do hospital a outros centros de maior nivel, os veciños "quedan sen un servizo". A maiores, asegurou que os traslados que se realizan non son de "pacientes con patoloxías tempo dependentes".

Pola contra, Natalia Lobato asegurou que esta ambulancia, do mesmo xeito que as dos hospitais comarcais de Burela ou Monforte, son empregadas "para o traslado de pacientes" a centros de nivel superior "nos casos de pacientes críticos con patoloxías tempo-dependentes" e atendendo "a criterios de gravidade".

Neste sentido, negou que a ambulancia de soporte vital avanzado da comarca do Salnés realice traslados de pacientes que non precisen medicalización, xa que a decisión de utilizar este recurso tómase "despois dunha aplicación escrupulosa das escalas vixentes de indicación destes traslados". Todas as patoloxías tempo-dependentes (infartos, sepsis ou ictus), sinalou, "son prioridades" para a Fundación Pública Urxencias Sanitarias-061 e para o Servizo Galego de Saúde.

O traslado pronto destes pacientes, dixo Natalia Lobato, posibilita que participen en programas como o Código Shock Caridioxénico, posto en marcha en novembro como proceso asistencial específico para a atención destes casos.

Lobato dixo que nos casos nos que o tempo é un factor esencial, o persoal sanitario do 061 está "en situación de presenza as 24 horas", mentres que os facultativos dos hospitais de garda para traslados "están localizados a unha hora do centro".

"Son pacientes críticos, e, se se excluísen os traslados entre hospitais nestes casos de uso da ambulancia de soporte vital avanzado, correríase o risco de que moitos pacientes non recibisen o tratamento debido e perderíase un tempo moi valioso", dixo a secretaria xeral.

Para a decisión sobre a mobilización desta ambulancia, engadiu, "emprégase un sistema de clasificación en virtude do que se decide se procede ou non realizar o traslado medicalizado". A actividade da ambulancia de soporte vital avanzado da comarca do Salnés mantense estable desde a súa posta en marcha en 2019. Así, en 2023 prestou asistencia en 1.292 ocasións, cunha media de 3,5 veces ao día.

A secretaria xeral técnica da consellería de Sanidade, Natalia Lobato.. XUNTA
A secretaria xeral técnica da consellería de Sanidade, Natalia Lobato.. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta