Por Galicia Confidencial | Zas | 22/02/2016 | Actualizada ás 18:00
ContraMINAción inicia unha nova campaña contra o proxecto mineiro Isabela II, do Grupo M-FM 2001 SL. Un proxecto que afecta aos concellos de Zas, Santa Comba, Vimianzo e Coristanco e que é cinco veces máis grande que o de Corcoesto.
Integrantes desta plataforma achegaronse a Zas este domingo para acompañar a representantes da federación de nove asociacións veciñais Pico da Meda na presentación de 307 alegacións e 1.187 sinaturas contra estes proxectos.
Precisamente, e tal e como aconteceu con Corcoesto, o principal problema dos veciños son as grandes dificultades que enfrontan á hora de elaborar as alegacións, pola falta de información completa e as dificultades de acceso aos expedientes, ademais de polo breve prazo dispoñíbel. "Tras informarse, moitos veciños xa están a organizarse para rexeitar rotundamente a introdución dunha actividade contaminante de estas características", apunta esta entidade.
As consecuencias potenciais negativas deste novo megaproxecto mineiro para a área afectada son moitas, segundo esta entidade. Así, denuncia que unha mina de ouro a ceo aberto implica o uso de cianuro, "un veleno moi contaminante e mortal", así como maquinaria pesada, recursos públicos, camiños e estradas, electricidade, e supón a introdución dunha actividade industrial moi agresiva nunha zona agrícola e gandeira -entre 1.500 e 2.000 explotacións de vacún afectadas-, con actividade de caza e pesca, apicultura e outras propias das zonas rurais.
As alegacións presentadas ao proxecto Isabela II refírense entre outras moitas cuestións a falta de planos de situación dos labores; a falta dun estudo xeolóxico e estudos de impacto ambiental; a indeterminación da afectación aos bens arqueolóxicos, paisaxísticos e etnográficos; a inviabilidade de un aproveitamento racional de recursos e o incumprimento de diferentes leis e normas.
"Desgraciadamente, o caso non e único. As minas proliferan en toda Galicia. Por este motivo, xurdiu a Rede contra a Minaría Destrutiva na Galiza ContraMINAcción, que agrupa a 22 colectivos e está permanentemente mobilizada en torno a esta temática", conclúe.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.