Novo fito da Universidade de Vigo ao transmitir datos meteorolóxicos da Antártida vía satélite

Científicos da Campaña Antártica instalan en Illa Decepción unha estación conectada á constelación de satélites HumSAT, dende onde se reciben datos diarios na estación de seguimento do campus de Vigo.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 23/02/2016 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

A Agrupación Aeroespacial da Universidade de Vigo vén de marcar un novo fito no desenvolvemento da constelación de satélites HumSAT, ao establecer unha conexión coa base antártica Gabriel de Castilla, dende onde se reciben datos meteorolóxicos diarios na estación de seguimento do campus de Vigo.

Científicos da Universidade de Vigo da campaña antártica, na base Gabriel de Castilla
Científicos da Universidade de Vigo da campaña antártica, na base Gabriel de Castilla | Fonte: DUVI.

Científicos do proxecto Permathermal da Universidade de Alcalá, que están a participar na Campaña Antártica, instalaron na última semana de xaneiro unha estación meteorolóxica deseñada polos investigadores vigueses na lomba JB de Illa Decepción que recolle e almacena datos de velocidade e dirección do vento, temperatura e precipitación, para despois ser transmitidos polo satélite Serpens e descargados en Vigo, informa M. del Río no diario da universidade viguesa.

Como explica o director da Agrupación Aeroespacial, Fernando Aguado, “os datos xerados pola estación meteorolóxica in situ están sendo comunicados a Vigo utilizando o sistema HumSAT", ao cal pertence o satélite Serpens, impulsado pola Axencia Espacial Brasileira e segundo da constelación tras o Humsat-D. 

Tanto a carga útil do satélite como a plataforma empregada para esta proba piloto foron desenvolvidos por completo na Universidade de Vigo e están especialmente deseñadas para ser despregadas en áreas sen infraestruturas de apoio de ningún tipo, como serían a rede eléctrica ou as comunicacións móbiles.

“Precisamente é nestas zonas onde o sistema HumSAT terá unha maior utilidade, ao ser os sistemas por satélite os únicos capaces de proporcionar a comunicación necesaria”, destaca o investigador vigués no DUVI.

Para isto, a plataforma autónoma instalada na Antártida está dotada co seu propio sistema de xeración e almacenamento de enerxía, o seu sistema de comunicación coa constelación HumSAT e unha estación meteorolóxica para a recollida de datos.

Estación meteorolóxica dos investigadores vigueses na lomba JB de Illa Decepción, na Antártida
Estación meteorolóxica dos investigadores vigueses na lomba JB de Illa Decepción, na Antártida | Fonte: DUVI.

Probas piloto dende a Antártida

A plataforma autónoma de recollida e almacenamento de datos científicos foi despregada na base antártica española Gabriel de Castilla, co apoio do buque Hespérides e das súas dotacións dirixidas polo Comandante Alberto Salas e coa axuda dos investigadores Miguel Ángel de Pablo e Manuel Prieto, da Universidade de Alcalá.

Como destaca Fernando Aguado, os científicos madrileños “veñen colaborando coa Agrupación Aeroespacial dende o comezo do sistema HumSAT”, e foron os encargados de levar ata a Antártida o equipo desenvolvido pola Universidade de Vigo.

O investigador vigués puntualiza que a estación foi instalada inicialmente na base e, tras o éxito da conexión, foi trasladada a unha lomba próxima á base, “unha operación de alta complexidade", dadas as limitacións e riscos propios dunha área tan remota e que tivera sido imposible sen a axuda da dotación da propia base, adestrados para esas contornas extremas". Dende a súa actual localización, transmite diariamente información das condicións meteorolóxicas antárticas que se pode consultar en Vigo grazas ao sistema HumSAT. Para os enxeñeiros da Universidade, “esta experiencia pon de relevo a capacidade do Serpens, e o sistema HumSAT en xeral para proporcionar un servizo de grande utilidade en áreas remotas ao longo de todo o planeta".

Último mes de vida do Serpens

O Serpens foi posto en órbita en agosto dende a Estación Espacial Internacional e, dada a escasa altura da órbita na que foi inxectado, está prevista a súa reentrada dentro dun mes. O satélite é o terceiro cubesat lanzado e operado pola Universidade de Vigo e forma parte do proxecto Humsat, que ten como obxectivo colocar en órbita unha constelación de satélites deste tipo e o despregue dunha rede de sensores de terra coa finalidade de ofrecer un servizo de carácter humanitario, por exemplo, na xestión de catástrofes naturais ou na monitorización do cambio climático.

Por este tipo de utilidades é polo que o sistema está especialmente deseñado para zonas con pouca ou nula cobertura eléctrica ou móbil. Neste sentido, esta proba piloto realizada dende a Antártida contribúe a demostrar a viabilidade do envío de datos científicos a través desta constelación e abre unha nova vía de comunicación para os investigadores que traballan na Antártida.

Nesta recta final do ciclo de vida do Serpens, a valoración que fan os investigadores vigueses é moi positiva e destacan que estivo e está a traballar a pleno rendemento, “achegando importantísimos resultados técnicos e científicos de cara á mellora e evolución do sistema HumSAT”.

Nas vindeiras semanas estableceranse tamén conexións con estacións despregadas en California, Chile ou Brasil, que completarán esta serie de experiencias piloto do sistema e permitirá aos enxeñeiros realizar as actividades necesarias para verificar que o sistema está preparado para a súa utilización con usuarios reais, informa M. del Río.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta