Alerta na Universidade da Coruña por altos niveis de gas radón

Os medidores detectaron concentracións moi elevadas no andar -1 do edificio das facultades de Socioloxía e Ciencias da Comunicación, con niveis seis veces máis altos do aconsellado. Nos últimos tempos, varios traballadores destas facultades sofreron diversos tipos de cancro.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 02/03/2016 | Actualizada ás 20:07

Comparte esta noticia

A Universidade da Coruña (UDC) decidiu tomar medidas no edificio que acolle as facultades de Socioloxía e Ciencias da Comunicación tras detectarse altos niveis de gas radon na planta soto.

A Universidade da Coruña
A Universidade da Coruña | Fonte: UDC.

O Servizo de Prevención de Riscos Laborais da UDC implantou no ano 2004 un plan de prevención con respecto ao radon que consiste na medición en todos os centros universitarios dos niveis deste gas e a implantación de medidas correctoras en caso necesario. Ao longo deste tempo, tomáronse medicións en varios campus e este ano comezou a medirse nos centros do campus de Elviña, empezando polas facultades de Socioloxía e Ciencias da Comunicación que comparten edificio.

As medicións son efectuadas polo Laboratorio de Radioactividade Ambiental (LRA), da Escola Universitaria Politécnica, que é o referente na súa área para todo o noroeste de España. Nas medicións tomadas no edificio que acolle estas dúas facultades, observáronse concentracións moi elevadas de radon no andar -1 onde están o estudio de radio, plató TV, camerinos e postproducción. A concentración foi da orde dos 3000-4000 Bq/metro cúbico, cando a normativa a limita a 600 Bq/metro cúbico.

Medidas

O informe foi remitido polo LRA ao Servizo de Prevención de Riscos Laborais (SPRL) o día 23 de febreiro. O día 25, o xerente e a xefa do SPRL reuníronse cos decanos para darlles conta do informe e ademais, e xunto con iso, entregóuselles un plan de medidas de mitigación de radon que consiste na instalación dun sistema de ventilación, posto que o radon é un gas moi volátil e vaise coa ventilación adecuada. Ademais, como medida de prevención, procedeuse a trasladar a un traballador.

O protocolo indica que se seguirán tomando medicións de radon para ver se se consiguen resultados apropiados. En caso de non ser así, tomaranse máis medidas, como limitar no tempo o uso destas instalacións a unhas horas ao día, ata conseguir resultados óptimos.

Reunión do retor co persoal e alumnos

Para dar conta deste informe e responder a todas as inquedanzas da comunidade universitaria destas dúas facultades, o reitor, Julio Abalde, reuniuse esta mañá co profesorado, alumnado e persoal de administración e servizos no salón de actos do centro. Xunto co reitor estaba o vicerreitor de Economía, Infraestruturas e Sustentabilidade, Domingo Calvo, o xerente, Juan Díaz Villoslada, a xefa do SPRL, Dolores Arias, así como o técnico de Hixiene Industrial, José Antonio Bouzas; José Luis Calvo Rolle, director do departamento de Enxeñaría Industrial e responsable do Laboratorio de Radioactividade Ambiental, e Alberto Otero, do mesmo laboratorio e licenciado en Química.

Segundo explicaron os técnicos, os niveis detectados non son preocupantes porque unha medición de concentración non indica o mesmo nivel de exposición por parte dos usuarios desas instalacións, pero con todo, se tomaron medidas e se seguirán tomando ata conseguir niveis normais.

Este problema de concentración de gas radon é moi frecuente en Galicia polo seu chan granítico. A UDC é das poucas institucións e empresas en Galicia (só hai tres segundo afirmaron os técnicos) que ten un plan de prevención de radon, informa a UDC.

Casos de cancro 

Como xa informou GC, nos últimos tempos varios dos traballadores destas dúas facultades sofreron diversos tipos de cancro e algúns relacionaron isto cos materiais de construción do edificio, que ten 25 anos de antigüidade.

O reitor tivo que saír ó paso destes rumores e dixo que estaba en fase de estudo a posible relación deste edificio cos cancros padecidos por varios traballadores. Con todo, descartou que puidese existir un vínculo. "Non existen problemas de salubridade ou de saúde pública", dixo Abalde, quen realacionou as enfermidades máis coa idade que coas condicións do edificio. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta