Temas: IRLANDA CELTA

Éire e Galicia, unidos pola celebración da independencia irlandesa

O embaixador do país celta inicia na Coruña unha visita para fortalecer vínculos con Galicia cunha serie de acontecementos que rememoran o pasado conxunto e a súa independencia.

Por Galicia Confidencial | Irlanda | 08/03/2016 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

Irlanda e Galicia teñen unha longa historia común, tan longa e tan común que a mitoloxía irlandesa e galega están unidas por Breogán e o seu fillo Ith, tamén pola xenética. Precisamente, a independencia deste país supuxo o impulso do nacionalismo galego coas Irmandades da fala. Un feito ao que aludiu este luns o embaixador de Irlanda en España, David Cooney.

O embaixador de Irlanda en España, David Cooney, de visita institucional na Coruña
O embaixador de Irlanda en España, David Cooney, de visita institucional na Coruña | Fonte: Radio Coruña

O representante irlándés estivo na Coruña para fortalecer, aínda máis, os vínculos con Galicia con motivo da celebración do centenario do evento que marcou o inicio da súa república, o Levantamento de Pascua de 1916.

Cooney presidiu o comezo dunha serie de actos conmemorativos, organizados da man da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) da Coruña,  con conferencias, a presentación do monográfico da Revista Murguía dedicado ás Irmandades dá Fala e a lectura da proclamación da República. O 16 de marzo terá lugar unha gala onde se realizará unha retransmisión en directo co Goberno irlandés, así como a proxección dun documental sobre o Levantamento fai cen anos.

Cooney visita Galicia para dar a coñecer a vinculación entre o seu país e Galicia, uns lazos que espera "fortalecer" e, para iso, traballará coa Xunta. "É unha honra para min estar en Galicia, hai moitas conexións culturais e xenéticas con Irlanda, quizais sexan verdade moitas das lendas", dixo en alusión ao que recolle o Lebor Gabála Érenn, o libro das invasións de Irlanda. ao aludir a chegada do fillo de Breogán a esta illa.

Por iso, nestas conmemoracións quérese demostrar ese sentimento especial polo irlandés, desde relacións marítimas até comerciais pasando pola literatura divulgada pola revista Nós ou as expedicións de axuda aos rebeldes irlandeses que partían da Coruña.

Temas: IRLANDA CELTA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta