Besteiro dimite convencido da súa "total" inocencia

Pilar Cancela, actual número 2, encabezaría a xestora do PSdeG que organizará un congreso para elixir un novo secretario xeral.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 18/03/2016 | Actualizada ás 14:23

Comparte esta noticia

O até a data secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, presentou esta tarde a súa dimisión como secretario xeral do PSdeG asegurando que é “totalmente inocente” dos cargos que lle imputa a xuíza Pilar de Lara na Operación Pulpo. 

Pilar Cancela, número dous do PSdeG
Pilar Cancela, número dous do PSdeG | Fonte: psdeg-psoe.org

Besteiro reuníu a súa Executiva con carácter urxente para comunicarlle unha decisión que xa tiña comunicado aos presidentes provinciais e tamén ao máximo líder do PSOE, Pedro Sánchez. De feito, a presión mediática que soportou esta semana, unida aos chamamentos de parte do seu partido para convocar primarias e un congreso extraordinario, e tamén ás recomendacións da propia dirección federal, fixeron que cambiara de opinión con respecto ao pasado sábado.

Tras anunciar que renunciaba a ser candidato á Xunta, algúns dirixentes do PSOE -nomeádamente en Andalucía- indicaron que a súa renuncia non se podía comparar coa decisión doutros cargos -como Chaves e Griñán- que dimitiron dos seus cargos públicos tras seren imputados. O certo é que o político lugués acumula imputacións por dez delitos en dous casos, o citado e o caso Garañón.

En Galicia, a maioría de dirixentes déronlle o seu apoio cando renunciou as primarias. Non así o sector que lidera Pachi Vázquez en Ourense, quen acusou abertamente a Besteiro de aproveitarse dunha suposta dobre vara de medir da que se beneficiaría por ser aliado de Pedro Sánchez.

O PSdeG quedará agora en mans dunha xestora. Segundo as citadas fontes, Pilar Cancela, actual secretaria de organización, asumirá o liderado deste equipo interino.

A xestora será a encargada de pilotar a organización dun congreso para escoller novo líder. Coa decisión de Besteiro, ábrese a porta a que o novo líder se poida presentar ás primarias e ser tamén candidato á Xunta.

José Ramón Besteiro nunha rolda de prensa
José Ramón Besteiro nunha rolda de prensa | Fonte: psdeg-psoe.org
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

3 xabier

Este homiño e vítima do fogo amigo: politico flauta moreti, pepiño, oso yogui,....

2 Gamela

alomenos Podemos Galicia xa ten compañía outra xestora para o PSdG !!! agora só falta outra xestora para o PP pola fuxida de Feijoo cara á empresa privada.... e ao final todos nós a pagar... coma sempre!

1 o santo boxeador mexicano

xa dimitiu o foi facendo a prazos... pilar de loro a xuiza do opus day cumpriu o mando do pp... je-je... agora soamente queda algun xuizo novo montado contra bloque algunha trapallada contra o nacionalismo esten atentos o pp quere seguir roubando por expaña

1 Azteca

Fino analista, sí señor.